A comunidade galega atópase ás portas dun episodio meteorolóxico marcado polo sol e as altas temperaturas. Segundo os prognósticos de Meteogalicia, unha situación dominada polas altas presións e os ventos do nordés dará paso co avance da semana á chegada de masas de aire moi cálido procedentes do norte de África. A Aemet non descarta que esta situación derive nunha nova onda de calor que comezaría a exercer a súa influencia este xoves e tomaría forza a partir do venres, deixando termómetros por enriba dos 30 graos nas xornadas diurnas e valores sobre os 20, nas nocturnas.
Mércores e xoves, a antesala da calor
O arranque do mes de xullo virá marcado polo contraste entre o norte máis fresco e o sur máis cálido. A influencia anticiclónica deixa nubes baixas nas costas coruñesas e lucenses e bancos de néboa que irán disipándose para dar paso a ceos despexados pola tarde, salvo no norte de Lugo, onde a nebulosidade será máis persistente. Agárdanse valores máximos de 31 graos en Ourense e 30 en Vigo e Pontevedra, acompañados de ventos moderados do nordés con intervalos fortes no litoral. A intensidade motiva que se active a alerta amarela por vento no suroeste da Coruña e a Costa da Morte dende o mércores; nestas zonas manterase o aviso ata o venres, e sumaráselle, durante a noite do venres, unha alerta nas Rías Baixas.
O pequeno respiro térmico remata e a tendencia ascendente consolidarase de cara ao xoves. O tempo manterase seco e solleiro en todo o territorio galego debido á persistencia da circulación do nordés. Os termómetros experimentarán un lixeiro ascenso nas máximas, alcanzando xa os 34 graos en Vigo e Ourense, e os 32 en Pontevedra. O resto de Galicia tamén rondará valores próximos aos 30 graos nas horas de maior incidencia solar, mais non cruzarán ese limiar.
O comezo da calor elevada
O venres a calor intensificarase de xeito notable. Agárdase unha xornada aínda marcada pola influencia anticiclónica, cun sol xeneralizado en todo o territorio galego, agás por algunhas nubes baixas na Mariña lucense. Ourense e Vigo liderarán o aumento térmico con termómetros que marcarán 36 graos, seguidas moi de preto por Pontevedra con 35 e Santiago de Compostela, con 30 graos. Pola súa banda, A Coruña, Ferrol e Lugo manterán un ambiente máis suave dentro da calor que se imporá como norma, con máximas arredor dos 27 graos.
O punto álxido do episodio está previsto para o sábado, cando unha masa de aire africana se estenda por Galicia. Os ceos amosaranse despexados e as temperaturas sufrirán un ascenso xeral, tanto nas máximas como nas mínimas. Ourense alcanzará o teito dos 37 graos, mentres que Vigo, Santiago e Pontevedra rexistrarán 34. O ambiente nocturno tamén será cálido, especialmente na zona viguesa, onde se prevé unha noite tropical na que o termómetro non baixará dos 23 graos.
Estas máximas deixan avisos amarelos por temperaturas elevadas en diferentes puntos de Galicia. O Miño de Pontevedra estará en alerta o xoves pola tarde, un nivel de risco que o venres se estenderá tamén ao litoral de Pontevedra, o Miño de Ourense e a comarca de Valdeorras.














