Rozar a nosa pel cunha ortiga pode chegar a estragarnos un paseo. A necesidade de rascar con forza na zona inflamada é inmediata e insoportable, pero case sempre pasaxeira. O seu nome, Urtica dioica ou Urtica urens, as dúas especies máis comúns en Galicia, non engana: a ortiga pica e moito. Aínda así e desde hai miles de anos, esta planta forma parte da vida cotiá da xente, como alimento por ser moi nutritiva para as persoas ou os animais, por ser empregada como remedio tradicional para algunhas molestias ou por ser unha fibra vexetal de grande calidade para a elaboración de tecidos.
“Son plantas ás que lles gustan moito os ambientes algo alterados, o que chamamos a nitrofilia, é dicir, ter apetencia por lugares con moito nitróxeno no solo. Son frecuentes nas beiras dos camiños por onde se pisa moito e o material vexetal volve de novo ao solo e se acumula. A ortiga ten unha longa traxectoria de uso polo ser humano polas súas propiedades alimenticias e tamén medicinais. Na zona alta do río Miño, por exemplo, foron rexistrados ata cincuenta e dous usos tradicionais. É a nosa compañeira desde o Neolítico, hai máis nove mil anos”, explícanos Miguel Serrano, Investigador en Botánica na Universidade de Santiago de Compostela.
Pelos punzantes para defenderse do inimigo
As ortigas son moi ricas en calcio, ferro e vitaminas, por iso é un dos alimentos predilectos dos herbívoros, como as vacas, por exemplo. Unha boa razón para ter desenvolvido, ao longo da súa evolución, uns pelos urticantes que as caracterizan e que lle garanten tranquilidade absoluta. “O seu polen dispérsase incluso co vento, non grazas aos insectos e, en parte, pénsase que é porque resulta bastante ingrato para moitos organismos achegarse a esta planta polo seu potencial urticante”, subliña Serrano.
O investigador móstranos un deses pelos co microscopio e unha estrutura punzante non deixa lugar a dúbidas da perfección do mecanismo de defensa das ortigas. “Teñen unha base parecida a unha ampola onde acumulan unha serie de compostos como a histamina, a acetilcolina e a serotonina, e ácidos como o fórmico, o tartárico e o oxálico. Despois desa parte basal, os pelos contan cunha punta moi aguda de silicio coa que chegan a atravesar a nosa pel e a doutros organismos para inocular o veleno que son eses compostos causantes do prurito e a sensación de inflamación e urticación”, afirma o botánico da USC.
O mentol, un revulsivo con efecto placebo
Fregar a pel con follas de menta é unha das solucións populares para frear a inflamación da ortiga, ou da estruga nalgunhas zonas de Galicia. Pero ten este remedio algunha base científica?
As necesidades ecolóxicas da menta e da ortiga solápanse, por iso aparecen moitas veces unha ao lado da outra. Comparten, aínda que en diferente medida, o gusto pola humidade e os solos con nitróxeno. Existen ata vinte especies de mentas, en Galicia unhas seis, pertencen á familia das labiadas, teñen grandes propiedades dixestivas, sobre todo a menta poexo, e contan cun composto aromático, o mentol, que podería responder á nosa pregunta.
“O mentol ten certas propiedades que poden conferir un pouco de alivio. Este composto orgánico é o que se chama un revulsivo ou un contra irritante, é dicir, non diminúe a inflamación, non é un analxésico, pero provoca un efecto físico e térmico que pode aliviar a sensación de prurito. Como digo, non reduce a irritación, o que fai é provocar case outro tipo de inflamación que fai que dirixamos a nosa atención a esa nova sensación de frío que, como sabemos, provoca o mentol. Eu chamaríalle lenda, máis que mito, a esa idea de que fregar con menta a irritación da ortiga garante alivio. Sabemos que hai un certo núcleo de verdade, pero só ata certo punto. Temos que saber que o aspecto revulsivo ou contra irritante do mentol, tamén ten unha compoñente importante de placebo”, precisa o investigador.
A labaza, o remedio británico
Miguel Serrano asegura que a mellor solución en caso de rozar unha ortiga cando damos un paseo polo campo ou recollemos plantas é levar consigo unha boa crema antihistamínica, sobre todo se sabemos que a nosa reacción pode ser importante. O botánico da Universidade de Santiago de Compostela tamén fai fincapé no coidado que debemos ter se decidimos recoller ortigas para consumilas: facelo sempre en lugares onde exista pouca contaminación industrial ou urbana e, sobre todo, lavalas ben ao chegar a casa.
E para rematar, Serrano móstranos na súa oficina do Departamento de Botánica da Facultade de Farmacia, a labaza, a planta coa que os británicos cren aliviar o prurito que provoca a ortiga.
“Noutras culturas como no Reino Unido, empregan outra especie, o que nós chamamos labazas, Rumex obtusifolius, e, neste caso, debo dicir que existen aínda menos evidencias científicas que no caso da menta. A labaza actúa como un contra irritante simplemente polo efecto de fregar a nosa pel con ela, xa que provoca a súa propia inflamación, como pasa coa menta, e desvía a nosa atención. Pero, como digo, nesta planta non hai ningún tipo de composto cun efecto, digamos, antihistamínico, que se teña validado. O efecto placebo e o efecto revulsivo ao fregar a pel, dalgunha maneira, alivian, e isto é o que acontece tamén coa menta. É moi curioso que segundo as culturas, se utilizan diferentes especies. No contexto galego serían as mentas, os mentrastes, e no contexto británico, a labaza. Nós, polo menos, temos algo de fundamento científico de fondo”, conclúe o investigador en Botánica da USC.
Dispoñilbe nas principais plataformas.
Proxecto desenvolvido en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)
Interesante pero…
Non son químico, nin científico, nin “inglés”, nacín nesta terra e aquí me criei, pero de neno ensináronme na aldea a frotar as irritacións da estruga coa labaza e sempre me aliviou. Sendo mozo tamén probei se funcionaba este remedio coas picaduras das abellas e as avésporas e funcionou. Ademais non permitía a tumefacción da zona exposta. Tamén o probei no caso das picaduras por roce da anemone do mar e tamén comprobei o alivio.
Mito, efecto placebo, contra irritante? Dáme o mesmo, o caso é que funciona e nunca me deixou insatisfeito que é o importante. Non estou falando de unha, nin de dúas veces, xa foron unhas cantas por que xa teño anos.
E non teño que regalarlle os cartos ás farmacéuticas por atoparse a labaza en moita cantidade en calquera sitio.
Eiqui en Trascastro de O Incio temos un dito “ AA ortigiña me ortigou e o poexiño me curou “