“A circulación do virus de Crimea-Congo en Galicia existe, pero polo de agora é moi baixa”

Investigadores da USC admiten que o salto do patóxeno a persoas é “cada vez máis posible” no territorio galego, pero chaman á calma

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec) facía público recentemente o seu derradeiro informe sobre a presenza de carrachas no territorio galego e notificaba que o virus da febre hemorráxica de Crimea-Congo, transmitido pola especie Hyalomma marginatum, xa está presente noutras especies: “Mediante probas serolóxicas atopáronse animais seropositivos (con anticorpos fronte ó virus) practicamente en moitas das zonas nas que recolléronse exemplares adultos de hospedeiros, o que confirma que este patóxeno está a circular polo territorio”. Das 445 mostras analizadas durante todo o ano pasado, 13 animais deron positivo na proba para Crimea-Congo (denominados IgG), o que implica que estiveron expostos ao virus en algún momento e, como defensa, o seu organismo produciu anticorpos para loitar contra a infección.

Maior sensibilización da poboación

Sobre a posibilidade de que se produza unha zoonose en Galicia, o cal implicaría que o virus salte aos humanos, dende o grupo Copar que realizou o estudo da presenza da Hyalomma marginatum en Galicia invitan á cautela e a non alamar á poboación: “Non temos unha bóla de cristal, polo tanto non podemos predicir o que vai pasar no futuro, pero cos datos que temos e coa baixa circulación do virus, todo apunta a que polo momento non hai unha posibilidade real de que isto vaia ocorrer no corto prazo”.

Publicidade

Se vemos a tendencia recollida neste e noutros informes anteriores sabemos que houbo positivos de Crimea-Congo no Barco de Valdeorras e en Gondomar. “Isto quere dicir que o virus xa ten unha circulación en humanos moi presente? Non. Isto significa que é algo que cada vez vai ser máis posible, pero tamén se da a circunstancia de que agora facemos máis probas. A xente participa moito máis e está máis sensibilizada”, apuntan ambos investigadores. 

O próximo paso é, segundo eles, seguir vixiando a presenza da carracha e do virus noutras zonas de Galicia: “Hai uns anos non había tanta conciencia sobre a enfermidade de Lyme. Porén, agora témolo moito máis presente e a maioría da xente xa sabe cales son os pasos a seguir”. Tamén se está estudando a posibilidade de facer probas de anticorpos en outros animais que poden estar en contacto coa Hyalomma marginatum, como é o caso do xabarín.

Publicidade

O que non se busca, non se atopa: o éxito da vixilancia constante

Dende ReGaViVec subliñan a importancia de manter e coidar o que se denomina unha saúde planetaria ou One Health. Isto implica entender a estreitísima relación entre a biodiversidade da natureza, o coidado do medio ambiente e os ecosistemas e a saúde humana: como se dunha cadea se tratase, se un dos seus elos sofre o resto tamén o fai, tal e como se viu no caso do Sars-Cov-2 a un nivel planetario. 

Porén, sobre a notificación de anticorpos de Crimea-Congo en animais de granxa en Ourense, Pontevedra e Lugo, tamén fan unha chamada á calma: “A circulación do virus en Galicia existe, pero polo de agora é moi baixa”, destaca Adolfo Paz Silva, Profesor de Zoonoses e Saúde Pública na Facultade de Veterinaria de Lugo e investigador principal do grupo COPAR (Control de parasitos en animais e persoas). Segundo Rita Sánchez-Andrade, investigadora do mesmo grupo pertencente á USC: “Sabemos que o virus está presente nos ungulados como cabalos ou vacas porque estamos facendo as probas. Se non se busca, é imposible atopar. Porén, de todas as carrachas que atrapamos e mandamos a analizar ao Instituto de Saúde Carlos III, ningunha resultou ser portadora do virus”. 

Os investigadores destacan que en Galicia estase facendo unha detección moi precoz da carracha e da capacidade do virus para saltar a outros hóspedes. Esta prevención, segundo eles, é a mellor maneira de coidar e manter a saúde planetaria: “Non só podemos administrar tratamentos en humanos que teñen certas enfermidades infecciosas. Temos que mellorar a vixilancia dos vectores que transmiten estes patóxenos”. Neste sentido, dende a Rede recollen mostras cada semana das distintas carrachas que se atopan en Galicia nas catro provincias. A maiores, estrémase a vixilancia en ungulados como cabalos ou vacas, que adoitan ser os seus hóspedes principais.

Patas de cor amarela e un “gran tamaño”

A Hyalomma marginatum é unha carracha cazadora, o cal quere dicir que non adoita agardar inmóvil o paso da súa presa na maleza das marxes dos camiños, senón que a persegue. Precisamente por isto, os métodos de captura comúns para outras carrachas que se basean no arrastre dunha manta ou dunha bandeira segundo a altura da vexetación non funcionan no seu caso: “Normalmente o que ocorre é que se atopan cando xa están nun animal ou nunha persoa. Algúns dos achados desta carracha danse cando un veterinario sube ao coche e, ao mirarse ao espello, xa a ven”, resume Silva. O bo é, segundo Sánchez-Andrade, que identificala é moi doado debido ás súas singularidades: “Ten un tamaño moito maior que as outras carrachas. Ademais, nas patas ten ralas amarelas, e móvese moi rápido, case como se fose unha araña”. 

Unha baixa probabilidade de contaxio

Para ter a febre hemorráxica de Crimea-Congo téñense que dar unha serie de circunstancias pouco probables, segundo os investigadores: “Primeiro tenche que picar unha carracha Hyalomma, a cal vas ver rapidísimamente porque é xigante”, conta Sánchez-Andrade. Pero só iso non basta: a carracha ten que ser portadora do virus que causa a febre de Crimea-Congo. “Aínda que se dera todo isto, a meirande parte das persoas non presentarían síntomas. Tan só o 30% van desenvolver un cadro clínico”. 

Aínda así, hai persoas que estarían máis expostas á picadura dunha Hyalomma marginatum, ben sexa pola súa contorna ou polo seu traballo: trátase do persoal forestal, de veterinarios clínicos e gandeiros e de xente que acude regularmente ao monte ou a zonas boscosas. Neste caso, os investigadores recomendan asimilar o simple feito de botar unha ollada sempre na busca destas carrachas. 

Os lugares preferidos da Hyalomma marginatum

“A Hyalomma non é unha carracha que vaias atopar nun ámbito urbano. Polo xeral prefiren zonas con maior tranquilidade, e por iso o ser humano non é o seu hóspede máis idóneo”, explican os profesores. Semella que foi fuxindo das temperaturas cada vez máis altas do centro da península ata asentarse noutras rexións do norte de España. Tamén hai constancia da Hyalomma marginatum en países como Alemaña ou Suecia. “Só hai que ver o nome do virus para saber de onde viña”, resume Sánchez-Andrade.

É por iso que, “o seu hábitat máis idóneo en lugares como Galicia son as zonas boscosas e moi húmidas, como as carballeiras, onde hai moita materia orgánica no chan e unha poboación de especies silvestres importante”, engade a investigadora. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea