Sara Varela González: bióloga dende Brasil ata Galicia

Cunha traxectoria profesional en Europa e América, a investigadora destaca polos seus estudos no contexto da ecoloxía teórica, cun foco claro: por que as especies están onde están e son como son

Hai quen nace cunha vocación absoluta, e hai quen a descobre pouco a pouco ao longo da súa vida. Este último non foi o caso da investigadora Sara Varela González, a quen lle interesa a bioloxía dende que é capaz de lembrar. Conta cun amplo expediente laboral fóra de Galicia, e tamén de España, traballando en Europa e América. Con todo, en 2020 regresou á “terriña” co programa Oportunius, impulsado pola Axencia Galega de Innovación, coa fin de ofrecer condicións favorables para atraer e reter talento investigador.

“Gustábanme os animais, as plantas, todo”, remarca sobre a súa infancia a investigadora da Universidade de Vigo. A súa vocación foi notoria a unha temperá idade, recompilando información a través de documentais e facendo traballo de campo: “Tiña a miña nai cansa de meterlle especies mortas na neveira”. Cando se deu conta de que todas esas inquedanzas sobre o mundo formaban parte da bioloxía, non tivo dúbida da profesión á que se quería adicar.

Publicidade

Con todo, non faltaron as inseguridades nun camiño cheo de éxitos que aínda non empezara: “Ao principio non o pensaba porque cría que nunca ía ser capaz”, confesa. Con todo, tras rematar a carreira na universidade na que agora traballa, acudiu a unha escavación en Madrid onde lle ofreceron un contrato de catro anos. “Aí foi onde enganchei e tirei para diante”, e este é o punto de partida da súa historia.

Un percorrido dende Vigo ata Brasil

O seu traballo na capital foi, como di ela, “un pouco casualidade”. Sara Varela pensaba que non ía ser capaz de traballar como paleontóloga, pero presentouse a oportunidade. Así, comezou a vivir entre escavacións, chegando ata Georgia, en Dmanisi, o xacemento onde se atoparon os humanos máis antigos fóra de África. Durante moitos anos tamén estivo en diferentes lugares de España, como por exemplo, en Pinilla del Valle (Madrid) ou na Cova de Maltravieso (Cáceres).

Publicidade

Aínda que foi relevante o traballo de campo, adicouse tamén a outras disciplinas. A investigadora estivo no Museo de Ciencias Naturais de Madrid traballando na súa tese doutoral, e posteriormente viaxou a Toledo como posdoc. Con todo, nesta etapa, unha nova Sara Varela coñeceuse a si mesma: comezou a facer modelos con ordenadores. “Era algo que nunca fixera, pero gústame e dáseme ben”, asegura, mentres explora esta parte dos seus inicios.

Así, chegou ás simulacións cando non era tan habituais. Comezou cun proxecto para simular a distribución das plantas en perigo en Castela-A Mancha. Este labor levouna tamén a Praga, cun equipo de ecoloxía teórica para tentar entender os movementos dos animais cun posible cambio no clima. Tamén serviría para coñecer o pasado: que ocorreu nos máximos glaciares, a extinción das especies… “Ao final, xa non sei nin a que me adico”, asegura.

Con todo, os límites non quedaron aquí. A nivel internacional, traballou en América, con Uruguai e Goiânia (Brasil) como destinos. Este último chegou ata o corazón da bióloga: “Foi o mellor sitio no que estiven a nivel académico, a xente de Brasil sabe moitísimo”. Alí, cun equipo de bioxeografía, traballaba nunha paisaxe de terra vermella, formigueiros, vacas e campos, onde formulaban “unhas preguntas moi interesantes”.

Unha sempre volve onde foi feliz

Cunha parada en España, concretamente en Alcalá de Henares, realizou outro traballo como posdoc durante o seu primeiro embarazo. Mais o seu punto de inflexión foi Berlín, onde estivo sete anos entre o Museo de Ciencias Naturais e un equipo de paleontoloxía internacional moi diverso. Alí, na capital alemá, viviu o seu segundo embarazo, onde creou a súa familia e rematou por chegar o virus da covid.

“Tiña ganas de volver e o único camiño que contemplei foron os proxectos europeos”, asegura, a través dunha reivindicación: “En España non hai forma de traballar, o oficio de científico non existe”. Así, a forma que tiña para retornar ao seu fogar era solicitar a bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Grazas á súa concesión, Sara Varela chegaba a Vigo no 2020, e un ano despois, toda a súa familia volveu a xuntarse a través dunha filosofía: “Ademais da carreira, hai outras cousas que tamén hai que xestionar”.

O programa Oportunius foi unha das oportunidades de Sara, establecida como un talento dentro do mundo da investigación. “Ninguén me falou xamais de países nin comunidades autónomas que teñan un programa tan bo”, afirma. A raíz disto, destaca a cantidade de axudas que ofrece, a través do que reciben un salario, máis aló do diñeiro para as súas investigacións.

Esta é unha situación que non se dá noutros países, onde o salario vai incluído na contía que ofrecen, o que non dá a posibilidade de contratar a ninguén. Agora mesmo, o seu equipo de ecoloxía teórica da Universidade de Vigo está formado por 10 investigadores: “Unha das mellores cousas que fixen nestes anos foi axudar a moita xente”, asegura, pois o seu obxectivo é que todos os membros poidan estabilizarse no difícil mundo da investigación.

Ampliando os horizontes dunha “pequena empresa”

Sara Varela é a responsable do grupo de investigación “Ecoloxía e evolución da vida na Terra”, que xira arredor da ecoloxía teórica. Ata agora, buscaban o que a bióloga xa fixera nos seus inicios: entender por que as especies están onde están e por que son como son. Esta era unha rama pouco contemplada polos investigadores, pois “hai máis persoas que describen como son as especies para saber o que hai”.

Deste xeito, ata a chegada deste equipo, eran moi poucos os que tentaban entender como funciona a vida da Terra. Un dos obxectivos principais que establece a longo prazo, a través do rexistro fósil, é entender por que de súpeto aparecen moitas especies, e noutro momento extínguense outras moitas. Así, outra das intencións é predicir o futuro, como por exemplo, saber que vai pasar coas especies e o clima. “Sei que soa moi ambicioso, pero imos pouco a pouco”, asegura.

Co paso do tempo, o equipo vai medrando e comezan a unirse novos integrantes de paleontoloxía e arqueoloxía. Así, nos próximos anos, esperan resultados máis prácticos froito da escavación en covas e o tipo de animais que habitaba nelas. “Isto xa é un co-working, únese xente moi interesante e estamos ampliando horizontes”, afirma orgullosa Sara Varela.

Tamén ten oco a reivindicación: “Na universidade, se non tes un posto indefinido, non podes pedir proxectos”, explica. Sara Varela cataloga esta situación como “desesperante”, pois case a única que pode pedir proxectos é ela. Así, “queremos que a xente se faga maior”, pois cada un ten as súas propias ambicións. Deste xeito, Sara autodenomínase como a CEO dunha pequena empresa.

MAPAS Lab: máis aló da apariencia

O proxecto máis ambicioso que leva a cabo o grupo de investigación de Sara Varela é MAPAS Lab, co obxectivo de entender onde aparece e desaparece a biodiversidade ao longo do tempo. Levan anos plantexando preguntas que continúan a día de hoxe como foco da investigación: os dinosaurios eran termorreguladores? Publican sobre este aspecto, e sobre outros temas como a especiación e a fragmentación.

Así, fan referencia á paleontóloga sudafricana Elisabeth Vrba a través dunha das súas hipóteses. No mes de maio, publicouse o traballo en Global Change Biology, xunto ás súas compañeiras Sara Gamboa e Sofía Galván. Esta investigación convértese nun dos maiores logros da carreira de Sara Varela, pois “foi a primeira vez na miña vida na que me felicitaron compañeiros dicíndome que se trataba do paper do ano”.

Agora atópanse na recta final do proxecto. Cun ano aínda por diante, esperan resultados nos próximos meses para poder publicar o máis groso da investigación. Pero, por que sacar todo ao final? Para cumprir cun dos requisitos de Sara como líder do equipo: “Sacar cousas para que a xente non se quede na rúa”.

Con todo, non só está sendo o seu proxecto máis desafiante, senón un dos máis significativos, pois foi co que retornou á Universidade de Vigo en calidade de investigadora. “Eu sigo dicindo as mesmas tonterías, pero agora a xente escóitame”, aclara. Sara Varela describe a súa experiencia como posdoc co adxectivo “complicado”, mais agora trata de facer a vida máis doada a outra xente.

“O meu mellor traballo está por chegar”

A carreira de Sara comezou en solitario, tranquila e cos seus propios ritmos. Agora, traballa sen cesar cun grupo de persoas que dependen dela. “Antes tiña un día a día máis relaxado pero con incerteza laboral, máis triste”, explica, sacando a relucir o feliz que está a pesar do agotamento. “Que te respecten, facer cousas que che gustan e axudar á xente? Estou moi ben”, reflexiona, aínda que o estrés non a abandona.

No académico, Sara pensa que as ideas do departamento son boas e que aínda están por chegar novas visións. Cando lle preguntas polo seu mellor traballo, ela teno claro: “Aínda está por chegar, ao mellor en cinco anos”. Aínda queda moito tempo para que demostren o válidas que son, con traballos que publican de dous en dous anos, unha rápida carreira no mundo académico.

Se volve a vista ao pasado, Sara asegura que trataría de disfrutar máis do camiño. Agora, asentada como investigadora e bióloga, cústalle pensar no que leva vivido. Tamén é un camiño difícil o que leva andado, pois “vin a xente moi boa deixar a ciencia polas poucas opcións que hai”, advirte. A súa experiencia tivo dúas claves: perseguir o traballo, fose onde fose, e a compañía, pois o seu marido púidolle acompañar polo mundo adiante. “No meu equipo somos uns privilexiados, eu a primeira”, conclúe.


Referencia: Vrba was right: Historical climate fragmentation, and not current climate, explains mammal biogeography (Publicado en Global Change Biology)

1 comentario

  1. Bos dias:
    A verdade é q temos q felicitar a esta moza, nom só polo q fixo, fai e fará, senóm pq tem melhor visión e actuación académica e laboral q os q estám por riba dela. Alegro-me por ela e polos seus compas de equipa. Nom pode ser q persoas formadas na nossa terra, com cabecinha e senso, tenham q padecer este maltrato laboral e vital.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non, a invasión da velutina non vai a menos: “A súa actividade é cíclica pero está asentada”

A investigadora da UDC María José Servia analiza o comportamento desta especie invasora no 2024 ante un descenso no número de niños retirados

Por que as mulleres tardan 14 anos máis que os homes en conseguir unha cátedra?

Malia que a súa representación no comezo dos estudos universitarios é maior que a dos homes, a cifra de catedráticas é só dun 22% en Galicia

Morcegos contra mosquitos tigre: a estratexia (complementaria) que se vai probar en Moaña

O concello do Morrazo está a preparar a instalación de 30 caixas-refuxios de quirópteros como alternativa natural contra o 'Aedes albopictus'

Área rochosas e menos vexetación: Así impactan os incendios no solo da Serra do Xurés

Investigadores galegos subliñan a importancia dunha xestión estratéxica do lume nas rexións máis propensas a incendios e afectadas polo abandono do rural