Venres 29 Marzo 2024

Sara Varela: “Queremos facer un mapa da biodiversidade de 540 millóns de anos”

A científica viguesa regresa a Galicia tras máis de 15 anos grazas ao financiamento dunha bolsa Starting Grant e o plan Oportunius

Elefantes á beira do Miño. Mamuts nos montes de Lugo. Osos das cavernas e hienas nas covas do Courel. Hai miles de anos, a fauna que se movía polo territorio galego era moi diferente á de hoxe. O mesmo acontece no resto do planeta, onde a deriva continental, os cambios climáticos, a interacción entre especies, a súa evolución e, nos últimos miles de anos, a influencia dos homínidos, configuraron todo tipo de hábitats. O estudo da evolución da diversidade é un asunto central desde hai séculos, sobre todo desde que os postulados de Darwin e Mendel transformaron para sempre a concepción do mundo que nos rodea.  Que pasou, cando, como e por que para que a biodiversidade chegase ata o que vemos hoxe? É unha das principais preguntas que intentará responder o ambicioso proxecto encabezado por Sara Varela González, unha científica viguesa que regresa á Universidade da súa cidade co apoio dunha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) e o programa Oportunius da Xunta. O seu plan, que poderá desenvolver ata 2025, e para o que contará cun equipo de arredor de 10 persoas, ten por obxectivo desenvolver “un modelo teórico para ver se somos capaces de explicar como os factores bioxeográficos e climáticos inflúe na presenza das especies no planeta”.

Sara Varela chegará a Vigo desde Berlín, onde pasou os últimos cinco anos no Museum für Naturkunde. Despois de graduarse en Bioloxía na Universidade de Vigo, traballou como paleontóloga na Gran Dolina de Atapuerca, no Museo Nacional de Ciencias Naturais, onde completou a súa tese de doutoramento e, posteriormente, viaxou e viviu países como Xeorxia, Uruguai ou República Checa ata establecerse en Berlín. “Síntome moi afortunada por volver á casa, pensaba que era moi difícil volver desde que marchei en 2003, pero por sorte, coas condicións da Starting Grant, o apoio da UVigo e o programa Oportunius, cunhas condicións moi boas, fixérono posible”, resume.

Publicidade

O obxectivo do proxecto MAPAS (Mapping biodiversity cradles and graves), o nome do grupo que poñerá en marcha desde a UVigo é, como recoñece, “moi ambicioso“, xa que este tipo de iniciativas que apoia o ERC buscan “abrir unha liña de investigación para desenvolver durante toda a carreira”. O equipo dirixido por Sara Varela pretende desenvolver un modelo teórico pioneiro no que, en capas de clima de cinco millóns de anos, se expoña como o clima e outros factores inflúen na presenza de especies ao longo do planeta. “Queremos facer un mapa da biodiversidade de 540 millóns de anos, respondendo preguntas sobre onde puido vivir unha determinada especie en cada momento, canto puido moverse, como foi tolerando os cambios no clima, como lle afectou a competencia con outras especies…”, expón Varela.

É, por tanto, un enfoque distinto ao habitual, no que en vez de centrarse no estudo dos patróns de biodiversidade global, proponse apuntar cara ao modelado e o mapeo a través dun gran rango de tempo, analizando a influencia dos condicionantes bióticos e abióticos nos procesos que xeran dita biodiversidade. De aquí sairán preguntas e respostas de investigación, tanto teóricas como prácticas, para comprender mellor como, onde e por que as especies aparecen, se propagan ou desaparecen.

O cambio climático e o factor humano

O proxecto expón unha cuestión moi relevante nun momento clave para comprender como un cambio climático acelerado pola Humanidade e as súas actividades pode deixar pegada no planeta. “Houbo moitos cambios climáticos ao longo da historia da Terra, pero este que estamos vivindo está, sen dúbida, acelerado pola man do ser humano. Está sendo moi rápido, e vai ter moitas consecuencias que xa podemos avanzar, e outras que aínda descoñecemos; imos precisar moitos enxeñeiros para limpar todo o que ensuciamos, e ten que haber tamén unha política de educación a todos os niveis, desde as actitudes individuais, pero tamén con guías de actuación en aspectos como o urbanismo, a mobilidade, o consumo que se fai en canto á roupa, a alimentación… É cousa de todos, non podemos dicir que isto non vai connosco”.

A pregunta por responder é ata que punto isto garda relación directa coa posible extinción de especies. “Está claro que nos últimos 1.000 anos se produciu unha extinción enorme, pero o gran debate é atopar as causas exactas detrás dela: é so a expansión do ser humano ou hai outros factores?”, expón Sara Varela. “É complicado testar e comprobar que a presión humana está detrás disto”, apunta. “Por exemplo, no caso do mamut, ata que punto o seu retroceso se debeu á caza, ou tamén tivo que ver o fin da última glaciación?”

No caso de Galicia, apunta, cómpre facer “un plan propio de protección contra o cambio climático“, xa que os escenarios están a insistir nun aumento das temperaturas e un aumento do nivel do mar, que afectarán ao litoral e a actividades como a pesca e o marisqueo. E tamén insta a actuar no referente á diversidade. “Temos especies endémicas ás que hai que protexer para anticiparse ao impacto deste cambio”, engade.

Divulgación e arte

O proxecto MAPAS que se desenvolverá na Uvigo vai poñer o foco tamén na divulgación e, en concreto, na arte para transmitir o coñecemento científico. “Imos colaborar con ilustradores como Cirenia Arias ou Douglas Henderson, cos que queremos contar o pasado do planeta dun xeito distinto; hai detalles recorrentes cando se recrean as paisaxes antigas que non se corresponden coa realidade completa, e que a xente coñeza aquilo fai que esperten nela máis inquedanzas, máis gañas de coñecer. Por exemplo, a herba tal e como a coñecemos é moi recente. Ou cando se amosan os dinosauros, sempre se ensinan tiranosauros loitando, pero facían máis cousas, como por exemplo, poñer ovos. Se contamos iso a través da arte, tamén podemos contribuír a un mellor coñecemento científico na sociedade”, reflexiona Sara Varela.

1 comentario

  1. Nivelazo. Enhorabuena por conseguir una Starting Grant, que es algo muy difícil. No sé hasta qué punto podrá llegar en sus aspiraciones; le deseo que al máximo, y le recomiendo que vaya empezando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia