“En Galicia temos un problema para investigar a fauna e os restos humanos prehistóricos”, explica Ramón Fábregas, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela. Os solos ácidos destrúen a maior parte destes restos, e por iso apenas se conservan fósiles no territorio. Porén, hai unha pequena parte de substratos calcarios que son máis benévolos co paso do tempo. Unha destas ‘illas’ é Cova Eirós, unha gruta no municipio lucense de Triacastela que foi usada durante decenas de miles de anos polos nosos devanceiros e pola abundante e diversa fauna que percorreu o noroeste peninsular en tempos pasados.
Entre outras criaturas, na cova atopáronse restos do lendario oso das cavernas (Ursus spelaeus). No que hoxe é Triacastela, esta especie extinta, un 30% maior có oso pardo, hibernaba e desenvolvía parte da súa actividade cando os humanos (que probablemente xa o cazaban daquela) estaban ausentes deste lugar. O vínculo do oso das cavernas con Cova Eirós é un dos aspectos reseñables da tese de Irene Valverde Tejedor, que foi codirixida polo profesor Fábregas e a profesora da Universidade de Ferrara Thun Hohenstein.

“É un traballo moi novidoso, porque é a primeira vez que se cotexan en Galicia os restos de fauna prehistórica do Paleolítico Medio e Superior en Cova Eirós, tendo en conta detalles como a interacción dos humanos modernos e os neandertais neste lugar”, explica Fábregas. Baixo o título “Patróns de aproveitamento faunístico e estratexias de subsistencia durante a Transición Paleolítico medio-superior no noroeste peninsular“, Irene Valverde interpreta as pegadas que se poden detectar nestes fósiles.
Así, segundo subliña Fábregas, Irene Valverde estudou detalles como os cortes realizados nos ósos dalgunhas présas capturadas polos homínidos que viviron en Eirós. “Atopáronse, por exemplo, ósos longos partidos de forma intencionada, o que fai supoñer que extraían a médula para consumila polas súas propiedades nutritivas”. Estes datos permitiron, por tanto, coñecer as estratexias de subsistencia dos humanos anatómicamente modernos e dos neandertais, reconstruíndo os distintos escenarios de ocupación e utilización da cova.
Mais non só os osos e os humanos compartían Cova Eirós. De cando en vez, segundo os restos estudados por Valverde, aparecían por alí preeiros e carnívoros que se alimentaban dos restos que non foran totalmente aproveitados polos outros ‘veciños’.
O traballo de Irene Valverde baséase no estudo zooarqueolóxico e tafonómico de todos os restos de fauna atopados durante unha secuencia de ocupacións que se data entre 46.000 e 30.000 anos antes de agora, aproximadamente. Segundo subliña a USC, as conclusións constitúen “un importante avance para a investigación da Prehistoria galega”.
O profesor de Ecoloxía Prehistórica Marco Peresani, gran experto mundial no estudo da transición do Paleolítico medio ao superior en Europa, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento realizada por Valverde Tejedor. O profesor de Prehistoria da Universidade de León e experto en Zooarqueoloxía do noroeste peninsular Carlos Fernández, e Antón Rodríguez Casal, profesor Titular de Prehistoria da USC, que actuou como secretario, completaron a composición dun tribunal que acordou outorgar á autora deste tese a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.