Cova Eirós: as claves dunha xoia da prehistoria de Galicia

Indicios da orixe da humanidade, do oso das cavernas e a primeira mostra de arte rupestre en Galicia converten este lugar nun enclave único

En marzo deste ano, despois de case dous anos de trámites, a Xunta de Galicia recoñecía a Cova Eirós de Triacastela como Ben de Interese Cultural (BIC). Aínda que no inicio do procedemento a pretensión era a categoría de monumento, o valor engadido da súa localización, recoñecido nun informe favorable emitido polo Consello da Cultura Galega (CCG), levou a categorizalo como xacemento arqueolóxico.

O valor de Cova Eirós abrangue moitos ámbitos científicos, dende o histórico ata o antropolóxico, o biolóxico ou o artístico. No seu interior atópanse rastros de lumes de hai máis de 180.000 anos. Ademais, é a única cova da que se coñece a ocupación continuada do Homo Sapiens e o Homo Neanderthalensis. Estes rastros, xunto ás mostras de arte rupestre, que tamén son as máis antigas de Galicia, supoñen un libro aberto das orixes da humanidade no que hoxe é territorio galego. Por outra banda, a cova é un dos xacementos paleontolóxicos máis relevantes no estudo do oso das cavernas a nivel europeo.

Publicidade

A Cova Eirós dá novas claves sobre a vida dos últimos neandertais

Como é a Cova Eirós?

A cova está situada a uns 780 metros de altitude sobre o nivel do mar, na ladeira norte do monte Penedo, na serra de Oribio. A súa entrada ten 2 metros de altura e 3,5 metros de largo, pero un pequeño ribazo exterior de forte pendente evidencia que no pasado foi aínda maior. Na boca da cova atópase a principal concentración de achados arqueolóxicos, aínda que se poden ver tamén no resto do xacemento.

Tras os sete primeiros metros de percorrido, a cova estréitase durante os 15 seguintes, á vez que a altura decrece; termina por desembocar nunha gran sala de 15 metros de longo e 5 de altura. Nesta gran sala, máis na galería leste, é onde se atopan os 13 paneis de arte rupestre documentados, que condensan un total de 93 motivos.

Publicidade

No fondo da sala ábrense dúas galerías que discorren de xeito paralelo. A de esquerda (leste) desemboca nun lago artificial, formado onde se fixeron as escavacións paleontolóxicas dos 90. A da dereita (oeste) discorre durante 70 metros antes de facerse intransitable.

Dos 93 motivos da cova, a metade correspóndese con elementos pintados, seguido dos gravados e o uso de releves ou realces naturais da roca. O descubrimento das pinturas supuxo a primeira toma de contacto co mundo simbólico das persoas que habitaron esta terra fai 20.000 anos, xa que, ata o momento, non existían evidencias recollidas.

Outro achado interesante foi un colgante, elaborado a partir dun canino dun pequeno carnívoro, que evidencia a presenza humana no noroeste peninsular dende arredor de 26.000 anos. Tamén se acharon outras mostras da industria ósea nos niveis do Paleolítico: do superior atopouse unha azagaia decorada (unha lanza curta), mentres que do Paleolítico medio foron recuperadas numerosas ferramentas líticas en seixo e cuarcita.

Proxección e consecuencias

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, anunciou en xaneiro a posta en marcha dun proxecto museolóxico en Triacastela, cuxo obxectivo é concienciar sobre a riqueza do patrimonio histórico, natural e cultural das Serras Orientais, á vez que crear una nova rede de atracción turística.

Por outra banda, como consecuencia do novo recoñecemento de Cova Eirós, tódalas intervencións ou actividades arqueolóxicas que se pretendan realizar a partir de agora deberán ser previamente autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Debido ás necesidades de conservación da cova, contémplase crear unha réplica para achegar o seu valor aos visitantes

Ademais, debido á fraxilidade a á conservación de pinturas e gravados, o acceso estará restrinxido a investigadores, especialistas, ou persoal autorizado para establecer as medidas que aseguren a preservación. Tamén será necesario levar un rexistro das persoas que entren e do seu tempo de permanencia.

En base á limitación do acceso, e para facilitar o coñecemento da cova por parte, principalmente, dos veciños, estudarase a creación dunha réplica, física ou virtual, coa fin de garantir a súa conservación cara o futuro.

O procedemento

O expediente para o recoñecemento como BIC iniciouse en 2017, e non foi resolto ata case dous anos despois. Durante o proceso foron clave os informes favorables emitidos por distintos organismos a nivel autonómico.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) expresara o 20 de febrero a súa preocupación pola tardanza, e insistía en que a declaración debía ser inminente, para establecer zonas de protección que a protexeran dos posibles estragos da actividade mineira, como pasara en outras covas do mesmo conxunto arqueolóxico.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Moita chuvia e frío: así era o clima das serras orientais galegas onde viviron os últimos neandertais

Un estudo da USC permite identificar a zona de Cova Eirós como un "refuxio climático" que ofrecía máis posibilidades de subsistencia pola vexetación de arredor

De cervos a cabalos: este era o menú dos neandertais que habitaban Cova Eirós

Un novo método baseado en coláxeno aplicado dende a USC identifica restos óseos fragmentados e amplía o coñecemento sobre a súa alimentación

A Xunta exerce o dereito de tenteo para recuperar seis moedas históricas galegas

As pezas, que datan do século VI, foron declaradas Ben de Interese Cultural e inexportables para garantir a súa conservación en Galicia

A música e o baile tradicionais galegos, declarados bens de interese cultural

A Xunta de Galicia recoñece o seu valor como patrimonio inmaterial, garante a máxima protección legal e destaca o papel das comunidades portadoras e do tecido asociativo na súa transmisión