Traballos arqueolóxicos na Cova de Eirós (Triacastela).
Trabajos arqueológicos.

A Cova Eirós dá novas claves sobre a vida dos últimos neandertais

As últimas campañas de escavacións arqueolóxicas en Cova Eirós (Triacastela, Lugo) que dirixe o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC en colaboración co Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) de Tarragona continúan a proporcionar novos datos sobre as ocupacións paleolíticas do Noroeste peninsular, consolidando o acadado no xacemento dende o  ano 2008.

Escavación no nivel 3 de cova Eirós.
Escavación no nivel 3 de cova Eirós.

Actualmente, a escavación do nivel 3, datado no Paleolítico medio, e a recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas na cavidade o están a confirmar como un dos xacementos de referencia para o estudo da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades prehistóricas de cazadores recolleitadores que ocuparon Galicia nos últimos 40.000 anos. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan cos últimos grupos de neandertais, seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.

Así, as novas datacións absolutas confirman ao grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós coma un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada dos Homo sapiens a este territorio. “Este feito permítenos achegar ás causas da súa desaparición e valorar se foi froito dos cambios climáticos (recrudecemento do clima) ou da nova competencia producida pola chegada dos humanos modernos á rexión”, explica Ramón Fábregas, director científico do proxecto . Os traballos céntranse hoxe na escavación dos niveis comprendidos nesta época, o que de seguro contribuirá a abundar no seu coñecemento.

Por outra banda, co estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós os investigadores achéganse á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Os últimos traballos levaron á descuberta de novos motivos e a profundar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como a fotogrametría. “A análise e datación por Carbono 14 permítenos atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores recolleitadores”, afirman.

Grazas ás novas escavacións, os últimos anos de traballo non só posibilitaron perfilar mellor a secuencia de ocupacións de Cova Eirós senón tamén manter os estudos sobre o xacemento e a Prehistoria galega, cuxos resultados se están a publicar en revistas científicas e congresos de gran prestixio, tanto nacionais coma internacionais. E a vontade é continuar. “A cavidade segue a mostrar un gran potencial xa que aínda quedan máis de dous metros de recheo por escavar e as galerías interiores para revisar na procura de arte rupestre”, afirman.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.