Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

Preto de 2.500 mortos e outros tantos feridos. Ese é o último balance das persoas afectadas por un tremor que sacudiu as rexións próximas a Marrakech, en Marrocos, na noite do venres. Nada que dicir dos cuantiosos danos materiais que deixou un sismo de magnitude 6,8 na escala de Richter. Malia que os expertos xa advertiron que os terremotos son habituais na zona, xa que as rexións do norte do país se atopan no bordo dunha placa tectónica, non se esperaba un sismo tan catastrófico. Un tremor que, ademais, se deixou sentir nalgunhas partes do sur da península ibérica. Aínda que non chegou a Galicia, na nosa historia houbo terremotos que si deixaron unha profunda pegada na memoria.

Segundo o Catálogo de terremotos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o sismo de maior magnitude na historia de Galicia produciuse a noite do 21 ao 22 de maio de 1997 en Triacastela (Lugo), acadando 5,1 na escala Richter. As lembranzas e crónicas do momento traen á memoria momentos de histeria e pánico, con moitos galegos sentido o tremor baixo os pés e pasando a noite nos coches ou, incluso, en autobuses, ante o medo de que as súas casas se derrubasen. Non houbo que lamentar vítimas mortais, polo menos relacionadas directamente co sismo. Mais un home de Sarria que padecía do corazón morreu na rúa a causa dun infarto. Os danos materias e psicolóxicos, pola contra, foron innumerables.

Publicidade

Magnitude fronte a intensidade

Malia que o terremoto de 1997 en Triascastela foi o maior magnitude segundo os rexistros do IGN, que ten datos dende 1370 ata a actualidade, non foi o máis intenso que se viviu en Galicia. Para iso, cabe diferenciar entre os dous conceptos. No caso do primeiro, a magnitude é unha medida que achega información sobre o tamaño do terremoto. É dicir, indica canta enerxía foi capaz de liberar. A escala máis empregada é a de Richter pero na actualidade, segundo o Instituto Andaluz Universitario de Xeofísica e Prevención de Desastres Sísmicos (IAGPDS) da Universidade de Granada (UGR), a tendencia é a de calcular a magnitude do terremoto a partir do “momento sísmico” (Mw).

No lado contrario está a intensidade dos sismos, que se mide segundo os efectos que produce nas persoas, nos obxectos, nas edificacións e incluso no solo. Na escala que segue o IGN, hai ata doce graos de intensidade que se designan con números romanos. A partir do grao V, os terremotos van dende fortes a daniños, converténdose en destrutores ou devastadores conforme se vai aumentando a escala e se supera o grao X. Os sismos máis intensos que se rexistraron en Galicia foron o de 1910 en Ferrol e en 1920 en Pontevedra. Ambos acadaron o grao VII, que designa terremotos “daniños”. Neste tipo de sismos xa é complicado manterse de pé, os mobles poden moverse e caer obxectos das estanterías e os edificios, segundo o seu grao de vulnerabilidade, poden sufrir danos estruturais considerables.

Publicidade

A continuación, enuméranse os sismos de intensidade superior a V que se rexistraron en Galicia dende 1370 ata a actualidade, segundo os datos do IGN.

Ferrol, 24 de novembro de 1910

O IGN sinala un terremoto que sacudiu Ferrol o 24 de novembro de 1910 como un dos máis intensos da historia de Galicia, acadando o grao VII. Segundo un artigo publicado polo xeólogo Antonio Aretxabala, rompéronse cristais, houbo fendas en edificios e moitas persoas saíron asustadas á rúa, dado que se produciu ás 9.53 horas da mañá.

Pontevedra, 26 de novembro de 1920

Aínda que as coincididencias sexan cuestión do azar, tan só 10 anos despois do sismo de Ferrol produciuse un terremoto de igual intensidade que sacudiu Pontevedra con forza. Arredor das 11.30 horas da mañá comezou a tremer a terra. Producíronse desprendementos en edificios, nalgúns casos de gravidade, e escenas de pánico, segundo as hemerotecas que recolle Aretxabala no seu artigo. Ademais, na escola Normal varias alumnas resultron feridas ao tirarse pola ventá debido ao susto.

Becerreá, 16 de xaneiro de 1979

A comezos de 1979, o 16 de xaneiro, Becerreá viviu unha sacudida ás 00.55 horas. Un terremoto de intensidade VI fixo tremer a terra do concello lucense cunha magnitude que acadou 3,6 na escala Richter. Segundo o IGN, os sismos desta intensidade séntense no interior dos edificios e incluso no exterior, provocando que as persoas perdan o equilibrio e se asusten. De igual modo, pode romper vasos e pratos e caer algúns obxectos colgados. Os edificios tamén poden sufrir danos estruturais.

Becerreá, 18 de decembro de 1979

Menos dun ano despois do terremoto de intensidade VI que sacudiu Becerreá, a localidade lucense viviu outro sismo semellante. O tremor notouse de madrugada, ás 5.47 horas, e cunha magnitude de 4,2 na escala Richter. Os danos materiais que puido provocar, ao tratarse tamén dun terremoto de grao VI, foron semellantes ao acontecido o 16 de xaneiro dese mesmo ano.

Tomiño, 24 de febreiro de 1904

Outro dos terremotos máis intensos que se rexistraron en Galicia deixouse sentir na localidade pontevedresa de Tomiño o 24 de febreiro de 1904. Non trascenden moitos datos deste episodio, máis alá de que o tremor se produciu arredor das 0.00 horas. No IGN non consta ningunha magnitude asociada. Si a intensidade, que escalou ata o grao VI, con danos semellantes aos que causaron os terremotos de Becerreá.

Viana do Bolo, 25 de decembro de 1895

Nunha data tan sinalada, e en plena tarde de Nadal, sobre as 17.39 horas, produciuse un dos sismos máis intensos da historia de Galicia. Afectou principalmente a Viana do Bolo o 25 de decembro de 1895. Segundo a escala do IGN, estivo entre o V-VI graos de intensidade, é dicir, entre forte e levemente daniño. Este tipo de terremotos séntense no interior dos edificios, moitas persoas espertan e saen cara ao exterior. Os obxectos colgados poden oscilar, os mobles desprazarse e romper pezas de louza. Os edificios poden sufrir danos estruturais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño