Cinco asteroides pasarán preto da Terra en apenas 24 horas

A NASA confirma que ningún deles é potencialmente perigoso, pese a que pasarán a menos de 7,5 millóns de quilómetros do planeta

En tan só dous días, cinco asteroides pasarán preto da Terra. Así o confirma a NASA a través da súa aplicación Eyes on Asteroids, que rastrexa todos os obxectos, sexan meteoritos ou cometas, que se achegan ao noso planeta. Malia que todos pasarán a menos de 7,5 millóns de quilómetros da Terra, ningún supera os 150 metros de tamaño, polo que non son considerados potencialmente perigosos pola NASA.

Dous deles pasarán preto da Terra este luns 11 de setembro. Trátase dos asteroides 2023 RU e 2023 RK, de 26,1 metros e 23,8 metros respectivamente. É dicir, do tamaño dun avión, segundo especifica a NASA. O primeiro acadará a súa máxima aproximación ao planeta sobre as 17.00 horas, a unha distancia de 4.062.490 quilómetros. No que respecta a 2023 RK, achegarase a 6.111.969 quilómetros da Terra, alcanzando o seu máximo arredor das 19 horas.

Publicidade

Os outros tres asteroides aproximaranse este martes. Está previso que RC1, de 6,4 metros —é dicir, do tamaño dun autobús— se achegue sobre as 8 horas do 12 de setembro a uns 1.203.038 quilómetros. No que respecta ao asteroide RO1, aproximarase sobre as 9.30 horas á Terra. Cun tamaño de 21,7 metros, a súa distancia será de 2.514.502 quilómetros. Finalmente, o obxecto RT2 de 8,1 metros pasará sobre as 8.30 horas a unha distancia de 4.209.911 quilómetros.

Imaxe da aplicación Eyes on asteroids, cos cinco obxectos que se achegarán á Terra estes días.

Hai risco para a poboación?

De todos modos, ningún destes obxectos é potencialmente perigoso. Dende o portal de noticias Live Science explican que, se o prognóstico da NASA fose errado e finalmente os asteroides chocasen contra a Terra, “non provocarían un evento catastrófico”. De todos modos, isto non significa que non supuxesen ningún risco para a poboación. Dende a páxina web sinalan a explosión dun asteroide en 2021 en Vermont, Estados Unidos, e a doutro en 2013, en Rusia. Ao parecer, este último xerou unha explosión que feriu a 1.500 persoas.

Publicidade

Por este motivo, as axencias espaciais de todo o mundo xa están a traballar en posibles formas de desviar asteroides perigosos se algunha vez estivesen en risco de chocar contra a Terra. O 26 de setembro de 2022, a nave espacial Proba de redirección de dobre asteroide (DART) redirixiu o asteroide Dimorphos ao desvialo do seu curso, alterando a súa órbita en 32 minutos na primeira proba do sistema de defensa planetaria da Terra. Desde entón, a NASA aclamou a misión como un éxito que superou todas as expectativas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como viviron os astronautas de Artemis II? A NASA revela centos de imaxes e audios inéditos

Trátase do primeiro conxunto de información planetaria recompilada principalmente por seres humanos en máis de medio século

Queres ter un anaco do cosmos? A NASA permite adoptar un píxel do Grace Roman

A iniciativa permite obter unha pequena parte das primeiras imaxes do observatorio espacial, que ten un campo de visión cen veces maior ca o do telescopio Hubble

30 segundos de incerteza marcan o novo fito da NASA: así foi o lanzamento do telescopio Grace Roman

O último observatorio da axencia espacial estadounidense xa saíu da atmosfera terrestre e agárdase que produza as primeiras imaxes a principios de 2027

Begoña Vila, ante o lanzamento do telescopio Grace Roman: “Só teremos 30 segundos”

A astrofísica da NASA asegura que o novo observatorio producirá en cinco meses a mesma cantidade de datos que enviou Hubble nos 36 anos que leva operativo