Hai 11 anos que Bruxelas denunciou a cloaca a ceo aberto que é o río Miñor e que afecta os concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona. As continuas verteduras fecais arremeten co Esteiro da Foz, en San Pedro da Ramallosa (Nigrán), un espazo incluído na Rede Natura 2000 e en Lugares de Importancia Comunitaria (LIC). En 2010 pechouse a actividade marisqueira, da que dependían unha decena de familias, e as denuncias dos veciños chegaron á Comisión Europea. A pesar destes esforzos, os niveis de contaminación seguen aumentando á espera de que as administracións tomen medidas para frear as cargas fecais que xa superan as permitidas. “Non deixamos de pensar que a declaración dun espazo de Rede Natura non é máis que un papel”, denuncia o biólogo Juan Hermida.
A contaminación na Foz está relacionada coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Gondomar, que queda pequena para a cantidade de augas fecais e pluviais que ten que soportar. Isto tráducese en desbordamentos continuos que rematan no río, na marisma e no mar. Segundo sinalan dende Ecoloxistas en Acción, a auga presenta “niveis intolerables de bacterias fecais que se incrementan en máis dun 50% augas abaixo da vertedura da EDAR, debido aos vertidos incontrolados sen depurar”. Hermida explica que as analíticas demostran a gravidade da contaminación en todo o complexo intermareal.
“A nivel medioambiental o que sucede é que a auga podrece, co cal queda sen oxíxeno e as especies que viven soterradas morren por un fenómeno que se chama anoxia“, explica o biólogo. Para el, é un problema relativamente difícil de atallar. Hermida cre que en primeiro lugar, Augas de Galicia, que ten a competencia da depuradora de Gondomar, debería identificar os puntos onde se concentran as maiores cargas fecais. A Foz do Miñor pechouse polos elevados niveis de E. coli, que chegaron a 160.000 bacterias por cada 100 gramos de molusco, máis de tres veces que a cantidade máxima permitida en Zona C.

En maio, un veciño de Nigrán contactou con Xaquín Pastoriza, o voceiro de Ecoloxistas en Acción Rías Baixas. Acudiron á zona para inspeccionar a desembocadura do río e nunha ponte detectaron un vertido branco preto duns viveiros. Segundo explica Pastoriza, é algo habitual do que non existe ningún tipo de control, e os cheiros son insoportables. Aínda que isto repercute nos tres concellos, Gondomar é o peor parado. O ano pasado, Ecoloxistas colocou unha bandeira negra no esteiro da Foz do Miñor. O biólogo Juan Hermida explica que un dos grandes problemas nestes lugares é que non hai ningún tipo de sinalización sobre a crítica situación medioambiental que sofren, e que o furtivismo segue extraendo marisco destas zonas, co gran perigo para a saúde que supón inxerir marisco que nace e vive en augas fecais.
O biólogo explica que, en Galicia, por norma xeral, non hai control nos espazos declarados Rede Natura: “Nin plans de xestión nin de conversación, non regulan as actividades que se producen”, postula. “Na Foz do Miñor temos visto embarcacións náutico-deportivas cando non se pode”, alega. Hermida é profesor no Intituto de Nigrán e, en colaboración coa Universidade de Vigo, realizou un proxecto de investigación para analizar as augas de todo o Río Miñor. Colleron varias mostras de auga para identificar os coliformes, que son un grupo de especies bacterianas con certas características bioquímicas en común. Son indicadores de contaminación da auga e dos alimentos. “Descubrimos que todo o tramo final de Gondomar é un vertedoiro, aínda que a situación mellora río arriba. Non é nin caro nin difícil poñerlle solución ao problema”. Neste senso, Hermida explica que dende a Plataforma da Foz do Miñor, do que é integrante, solicitaron aos tres concellos afectados colaboración para sufragar un estudo e localizar os puntos “negros”, mais foi rexeitado.
Rede de saneamento
No seu momento, Bruxelas apuntou que habería que acabar co “suposto impacto da contaminación microbiolóxica procedente da xeración de augas residuais” en espazos de Rede Natura 2000 e zonas de produción de moluscos no estuario da Ramallosa. Aínda que España defendeu posteriormente que os concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona tomaran medidas para o tratamento destas cargas fecais, a UE alertou de contradicións e pediu máis explicacións. Por exemplo, no relativo a “tratamentos máis rigorosos” neste tipo de zonas sensibles tanto no ámbito natural como no económico.
Bruxelas apuntou á EDAR de Gondomar como a máxima responsable, aínda que tamén hai estudos que alertan da deterioración na rede de saneamento do municipio. A depuradora está sendo explotada pola Xunta, a través de Augas de Galicia, e co Programa de Control de Verteduras recóllense datos e realízanse inspeccións periódicas en caso de alertas. Augas de Galicia explica que os técnicos encargados destas tarefas corrobaron que se cumpren os límites da autorización de verteduras. “Non obstante, prodúcense alivios de augas pretratadas na depuradora, dado o elevado caudal que entra na planta debido ás coñecidas deficiencias na rede de saneamento municipal”, alega a Xunta.
Nas inspeccións observaron un incremento da carga microbiolóxica do Río Miñor. Co cal, segundo informa a Xunta, o estuario da Foz do Miñor está moi condicionado polos problemas do sistema de saneamento e depuración das augas residuais municipais de Gondomar, que “presenta deficiencias”. Con todo, a Xunta explica que Augas de Galicia impulsou unha colaboración co Concello para financiar e executar a obra “Adecuación da rede de saneamento no Concello de Gondomar”. Con esta actuación, “evitaríanse” as verteduras que se producen nos ríos Zamáns e Miñor, eliminando as graves infiltracións de augas brancas presentes nos colectores da rede xeral de saneamento e acadando unha axeitada xestións as augas pluviais. E, por outra banda, sería unha posible “solución” ao problema de sobrecarga da estación depuradora, que, “como consecuencia das deficiencias na rede de saneamento municipal, recibe un elevado caudal de entrada superando o admisible”.
Finalmente, estas obras foron paralizadas e na actualidade o Concello ten que dar luz verde ás obras de saneamento. A propia Xunta recoñece que as verteduras contaminantes á ría continúan.















