Científicos galegos advirten da entrada de candorcas polas Rías Baixas

O centro de investigación Bottlenose Dolphin Research Institute, con sede no Grove, prognostica a súa chegada esta mesma semana

As candorcas xa teñen data de regreso a Galicia. Segundo confirman dende o centro de investigación Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con sede no Grove, está previsto que un grupo de Orcinus orca entre polas Rías Baixas nos próximos días e percorra as augas galegas. Ante a posibilidade de interacción con barcos, dende o BDRI recomendan a navegación a profundidades inferiores aos 30 e aos 50 metros, sempre que sexa seguro. Tamén sinalan que deter a embarcación e usar disuasores acústicos e sacos de area son estratexias que “non parecen ter efecto”. Os investigadores do Grove tamén poñen en valor a aplicación Orcinus, que permite facer seguimento dos grupos de candorcas e axuda a prognosticar a súa chegada a Galicia.

Máis de 800 encontros en tres anos

Nos últimos anos, as candorcas tiveron unha importante presenza mediática polas súas interaccións coas embarcacións. Dende o Grupo de Traballo Orca Atlántica (GTOA) contabilizan máis de 800 encontros dende a costa norteafricana ata a Bretaña francesa. Os datos comezaron a monitorizarse dende o verán de 2020 e non só se contabilizan interaccións, senón tamén avistamentos. Da cifra total, 549 responden a un achegamento das candorcas aos barcos e nun 19,9% impediron a navegación dos buques ou causaron estragos nas embarcacións.

Publicidade

Segundo informan dende GTOA, a frecuencia aumentou entre 2020 e 2021, desde que os eventos comezaron en xullo de 2020, pero entre 2021 e 2022 non houbo un aumento significativo. Cambian ao longo dos tempos e das zonas. En 2023 rexistráronse 94 interaccións (25 delas con graves avarías que tiveron que ser remolcadas) e 43 avistamentos, especialmente na zona do Estreito e en Portugal. De todos modos, dende o GTOA piden “tranquilidade aos navegantes” e aconsellan evitar as áreas de risco pola noite. Indican, tamén, que na súa web e na aplicación GT Orcas figuran mapas de semáforos coas zonas onde hai máis perigo entre o Estreito de Xibraltar e Galicia.

Cambio de comportamento

A candorca ibérica é unha subpoboación dunha especie en paso pola nosa costa dende tempo inmemorial, deste xeito ten varios nomes populares coñecidos: esparte, espolarte, espirlón e bighorna. Dende o 2020 as candorcas pasaron de realizar interaccións baseadas na curiosidade a outras nas que mantén contacto físico coas embarcacións chegando a romper pezas como o leme. A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) participou dende o seu inicio no Grupo de Traballo Orca Atlántica-GTOA para buscar unha explicación a este comportamento.

Publicidade

A candorca é unha especie considerada vulnerable na lexislación española, mais a CemmaA-GTOA consideran que debería adecuarse a súa categoría de protección a una situación real e actualizada e pasar a ser especie en perigo crítico de extinción, tal e como a recoñece a IUCN e a normativa en Portugal. É necesario consensuar a nivel internacional categoría e accións que permitan una protección efectiva.

Neste momento xa saíron da área do Estreito de Xibraltar, ao menos un grupo de candorcas e navegan polas augas de Portugal centro, entre tres e seis millas da costa, aínda que eventualmente achéganseempuxando o atún cara á costa dende augas máis profundas. Nos anos 2015 e 2019 foron observadas polos equipos da Cemma nas augas de Fisterra, non se descarta este ano manter o rexistro da especie no seu paso cara ao norte seguindo ao atún.

Proxecto Friendship Orcas

Dende hai un ano estase levando a cabo o proxecto Friendship Orcas con financiamento da Fundación Santander mediante o cal se están xerando diversos materiais educativos e divulgativos, entre os que destacan tres ferramentas fundamentais como apoio á prevención das interaccións: web, aplicación móbil e catálogo de FotoID.

A páxina web recolle moita información e resulta unha plataforma de descarga de información para todo o mundo dado que está nos idiomas: inglés, portugués, francés, español e galego, ao igual que o resto dos materiais que se ofrecen, cunha vocación políglota para chegar ao máximo público posible. O catálogo recolle máis de 20.000 imaxes de 30 entidades e persoas diferentes o que permitiu identificar a 35 exemplares de candorcas entre as que se atopan as Gladis que son as 15 candorcas que actualmente interactúan coas embarcacións.

A aplicación móbil (GT Orcas en Google Play e Apple Store) é unha ferramenta, tamén nos cinco idiomas, na que ademais de contar con información básica para identificar os cetáceos e as condicións ambientais da navegación, dispón de mapas dos avistamentos e interaccións e mapas preditivos semafóricos o que permite previr os encontros e tamén trasladar dun xeito áxil os datos de avistamentos e interaccións con calquera cetáceo. Estas ferramentas abren amplas posibilidades na participación pública na conservación dunha especie que precisa atención.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Mozarrón’ e ‘Pega’, as tartarugas que regresan ao mar tras chegar desnutridas ás costas galegas

A CEMMA devolve ao océano dous espécimes de 'Caretta caretta' despois dunha rehabilitación en augas de 18 a 20 graos

▪️ Un estudo con participación galega atopa proteínas relacionadas co alzhéimer en cetáceos

A investigación determina que a proteína AT100 asociada a doenzas neurodexenerativas indica envellecemento natural e dano neuronal agudo

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

Un estudo advirte da crítica situación das candorcas ibéricas: xa hai menos de 40 exemplares

Un artigo analiza a evolución demográfica da subpoboación entre 2011 e 2023 e alerta que o grupo de cetáceos non mostra signos de recuperación