Benvida ás candorcas

Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,

Na última fin de semana do verán, uns visitantes achegáronse á costa galega. Non eran carabelas portuguesas nin arroaces —que temos facilidade para observar durante todo o ano en Galicia—. Unha manda de entre oito e dez candorcas (Orcinus orca) visitaron as rías de Pontevedra e Vigo —podes consultalo nesta peza de GCiencia—, unha escena que me lembra a súa visita hai exactamente un ano pola entrada da ría de Arousa. En ambas as ocasións, produciron os mal denominados nos medios de comunicación xeralistas como ataque —son,  en realidade, interaccións—, que en ocasións rematan con algún que outro temón esnaquizado. Pero non, non van matar a ninguén: elas simplemente queren xogar durante a súa viaxe de peregrinación.

Publicidade

A avoa Toñi é a matriarca das candorcas ibéricas, un exemplar de 60 anos ben recoñecido que viaxaba co grupo que chegou a Galicia. Con todo, foi no Estreito onde se atopou cos tripulantes dun iate de bandeira española que decidiron que a mellor solución era disparar perdigóns—probablemente bólas de chumbo de postas para xabaril— para frear a actividade da candorca en augas portuguesas, segundo os datos que ofrecen as pesquisas lideradas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). Nove son as feridas que ten na súa aleta, froito deste —esta vez si— ataque. A multa por esta acción pode chegar aos dous millóns de euros e responsabilidade penal.

E é que as candorcas chegan a Galicia froito da súa persecución tras o atún vermello, a súa fonte de alimentación principal. Viaxan dende o Estreito de Xibraltar ata o Golfo de Biscaia: “As candorcas sempre se moverán segundo o alimento”, explicaba xa en 2025 o biólogo mariño da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) Alfredo López.

Publicidade

Con todo, hai quei pensa que o seu potencial é vingarse dos barcos como curmás de Moby Dick. Pero nin moito menos. Son coñecidas como “baleas asasinas” (un termo absolutamente ofensivo, se me preguntan) porque os baleeiros españois do século XVIII identificaban a súa habilidade das candorcas de cazar cetáceos máis grandes. Este odio cara ás candorcas mantense ata día de hoxe, unha situación da que xa falou a miña compañeira Laura Filloy no ano 2023. Pero o que non sabían era que as candorcas actúan da mesma maneira ca calquera outro ser vivo: simplemente responden a un estímulo que, neste caso, son os humanos a bordo das embarcacións. Lastimosamente, para os comandantes que teñen a sorte de poder ver unha candorca, o seu xoguete favorito é o leme: unha peza esencial para manobrar o barco, pero non deseñada para soportar presións tan intensas, polo que o material, que pode ser de madeira ou metal, pode chegar a romper.

Pero as candorcas son unha parte máis da fauna galega: o MITECO elabora un mapa que detalla os puntos quentes das interaccións e, entre eles, atópanse Fisterra, a ría de Arousa e a Costa da Morte. De feito, a aplicación GT Orcas, dependente da CEMMA, rexistra máis de 30 avistamentos entre xullo e agosto. Con todo, un estudo do Grupo de Traballo Orca Atlántica (GTOA) publicado en maio advirte da delicada situación da subpoboación atlántica de candorcas ibéricas, das que quedan menos de 40 exemplares, sen mostrar signos de recuperación.

Así, como conclusión final: non se debe atacar ás candorcas e, de feito, débense conservar, sobre todo baixo o seu carácter vulnerable. Démoslles a benvida.

Agora, pasemos aos temas da semana!


⚫️ Sobrevivir cun ril de porco 🩺 Así como o les, este é o novo fito médico anunciado esta semana. Unha intervención no Hospital Xeral de Massachusetts subsituíu o ril do estadounidense Tim Andrews por un órgano de porco editado xeneticamente o 25 de xaneiro de 2025. Fíxose como solución temporal a unha enfermidade renal temporal e á espera prolongada para o transplante de donantes falecidos. Os profesionais encargados da operación sinalan nun artigo de The Lancetque o xenotransplante —o transplante de animal a persoa— permite un soporte renal prolongado sen infección zoonótica. Coñece máis neste artigo.

⚫️ Obstáculo industrial (e ambiental) no río Umia 🚨 O mércores escribín esta reportaxe para visibilizar o que está a ocorrer no paso do río Umia por Cabanelas. Unha grande obra hidráulica de 10 metros afecta o ecosistema do percorrido fluvial: unha represa que se construíu o pasado mes de xullo que funciona como unha ponte empedrada, sen paso para a auga. A situación de seca reduciu o caudal do río, que non pode superar a altura da nova infraestrutura. Isto produce consecuencias ambientais graves como a redución das poboacións de peixes migratorios e a deterioración do carácter microbiolóxico das augas do Umia.

Imaxe da represa construída no río Umia no seu paso por Cabanelas (Ribadumia). Foto: Colectivo Ecoloxistas do Salnés
Imaxe da represa construída no río Umia no seu paso por Cabanelas (Ribadumia). Foto: Colectivo Ecoloxistas do Salnés

Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía