Avance galego fronte ao glioblastoma: unha radioterapia combate o tumor e protexe o cerebro san

Unha investigación da USC en fase preclínica preserva mecanismos esenciais relacionados coa función neuronal no órgano saudable

O glioblastoma é un tumor que se orixina no cerebro, de rápido crecemento e agresividade, que afecta sobre todo as persoas maiores. É o máis común dos tumores cerebrais e, na actualidade, conta con opcións terapéuticas limitadas. Persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC dirixido por Yolanda Prezado acaba de descubrir que a irradiación de radioterapia con minifeixes de protóns -pMBRT- (protonterapia) fai máis vulnerable o tumor ao mesmo tempo que protexe mecanismos esenciais do cerebro san. Isto dá resposta a un dos grandes retos da radioterapia: atacar o glioblastoma sen castigar a parte non afectada do cerebro.

O estudo, que acaba de publicarse na principal revista científica do campo da radioterapia oncolóxica, demostra que a protonterapia con minifeixes non é só outra forma de distribuír a dose, senón que desencadea respostas biolóxicas diferentes no tumor e no tecido cerebral san. A investigadora Oportunius da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia Yolanda Prezado explica: “No tumor observamos cambios metabólicos asociados a unha potencial maior sensibilidade á radiación. Ao mesmo tempo, no cerebro san, a pMBRT preserva proteínas relacionadas coas conexións e a función neuronal que poden verse afectadas tras unha irradiación convencional”.

Publicidade

Avances cara a estudos en pacientes

O resultado, engade a investigadora principal do CiMUS da USC, “é especialmente prometedor: unha mesma estratexia de irradiación parece inducir no tumor cambios compatibles cunha maior vulnerabilidade á radiación, mentres preserva mecanismos esenciais do cerebro non afectado. Comprender esta dobre resposta achéganos a explicar por que a pMBRT mostrou resultados tan prometedores en modelos preclínicos de glioblastoma e reforza o seu potencial para avanzar cara á fase clínica”

Ademais, recentemente tratáronse en Estados Unidos os primeiros pacientes mediante MBRT con raios X de baixa enerxía, proporcionando unha primeira proba de viabilidade clínica deste concepto de irradiación espacialmente fraccionada. A pMBRT traslada agora este principio ao uso de protóns, co potencial de combinar as vantaxes dosimétricas da protonterapia cos efectos biolóxicos asociados á irradiación con minifaces.

Publicidade

Estudos en roedores

Estudos previos en roedores reportaron efectos neuroprotectores a longo prazo tras a irradiación cerebral. Para investigar os mecanismos radiobiolóxicos subxacentes da pMBRT, o equipo do CiMUS realizou un perfil proteómico non dirixido que compara a pMBRT coa terapia de protóns convencional (TPC) nun modelo ortotópico de GB en ratas.

A radioterapia con minifaces de protóns, unha modalidade espacialmente fraccionada, demostrou ser esperanzadora en modelos preclínicos e aplicacións clínicas temperás ao mitigar a toxicidade no tecido normal e, ao mesmo tempo, mellorar o control tumoral.

En conxunto, estes achados resaltan a dobre capacidade da pMBRT para sensibilizar os tumores á radiación á vez que preserva o tecido cerebral, o que apoia o seu potencial traslacional para o tratamento do glioblastoma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto con participación galega estuda novas formas de radioterapia contra os tumores cerebrais

InnovaRTBRAIN investiga tratamentos máis eficaces e seguros fronte ao glioma, un dos cancros do cerebro máis agresivos e complexos

Yolanda Prezado: “O Centro de Protonterapia situará Galicia nunha situación privilexiada para investigar”

A física galega, premiada co Wonenburger 2026, consolidou a súa traxectoria en Francia e regresou en 2024 a Galicia para crear escola no eido da radiobioloxía

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia