De Baiona á praia das Catedrais: o mapa das Bandeiras Negras de Galicia

Un informe de Ecoloxistas en Acción identifica seis puntos do litoral galego polos seus problemas de contaminación e mala xestión

Tras unha análise da costa de Galicia, Ecoloxistas en Acción presenta os resultados do seu informe de Bandeiras Negras: a organización ecolóxista outorga este recoñecemento a puntos concretos do litoral, dous por provincia e por cidade autónoma: un caso por contaminación e outro por mala xestión. Para consultar estes datos, lanzan un mapa interactivo no que se poden observar as seis bandeiras negras que suma Galicia entre A Coruña, Pontevedra e Lugo, respecto das 48 bandeiras outorgadas no Estado.

Este ano, as localizacións galegas destacadas son o Porto Deportivo de Baiona, Cabo Estai, Monte Neme, a costa de Ferrolterra, illa Pancha e a praia das Catedrais. Estes son os por que detrás do negativo recoñecemento.

Publicidade

Impacto ambiental da ampliación do Porto Deportivo de Baiona

O proxecto de ampliación do Porto Deportivo de Baiona contempla recheos sobre a lámina de auga da ría de Vigo que incrementarían a superficie do porto, a construción dun edificio para usos hostaleiros, un aparcadoiro e un novo varadoiro, así como o aumento do número de amarres de 340 a preto de 550. O proxecto podería vulnerar varias directivas da Unión Europea, como a Directiva Hábitats 92/43/CEE, a Directiva Marco da Auga 2000/60/CE, a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña 2008/56/CE, e a normativa sobre avaliación de impacto ambiental. En particular, sinalan a ausencia dunha avaliación ambiental actualizada, o incumprimento do principio de precaución e o risco de deterioro dos hábitats protexidos, motivo polo cal esixen a paralización inmediata da ampliación.  A plataforma veciñal Salvemosantamarta e diversos colectivos ambientais rexeitan o proxecto, denunciando que o recheo poría en risco a calidade do litoral, a paisaxe, a praia de Santa Marta e a biodiversidade mariña, perpetuando un modelo de turismo estacional que sobrecarga os recursos locais.

Agresións urbanísticas na costa de Cabo Estai

Ampliación do Porto Deportivo de Baiona. Foto: Ecoloxistas en Acción
Ampliación do Porto Deportivo de Baiona. Foto: Ecoloxistas en Acción

Esta Bandeira Negra concédese ao Concello de Vigo e aos promotores da urbanización con seis chalets no espazo natural litoral de Cabo Estai. Unha obra que retorce a legalidade urbanística desprotexendo terreos non urbanizables, afectando ao dominio público marítimo-terrestre e construindo un vieiro asfaltado que usurpa fincas da veciñanza. Unha bandeira ademais para expresar a solidariedade coa mobilización da Asociación veciñal de San Miguel de Oia e o seu presidente, quen foi denunciado polos promotores por cuestionar esta desfeita ambiental e urbanística.

Publicidade

A recoñecida mina do Monte Neme

O 31 de xaneiro de 2026 produciuse a rotura dunha das balsas de residuos mineiros do Grupo Mineiro Monte Neme. O colapso provocou a saída dun gran volume de augas contaminadas e lodos mineiros que descenderon pola ladeira ata alcanzar o rego de Tuixe, o rego dos Riás e finalmente a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo integrado na Rede Natura 2000. O accidente produciuse durante a execución das obras de restauración impulsadas pola Xunta de Galicia e financiadas con fondos europeos Next Generation EU, cuxo obxectivo era precisamente eliminar os riscos ambientais asociados ás antigas explotacións mineiras e descontaminar as augas acumuladas nas balsas.

A rotura constitúe o segundo episodio grave rexistrado nestas instalacións en apenas doce anos, despois do colapso doutra balsa ocorrido en febreiro de 2014. A repetición dun desastre similar pon de manifesto o fracaso de décadas de xestión administrativa e a incapacidade das administracións competentes para resolver de forma definitiva un problema ambiental coñecido desde hai máis de trinta anos.

Verteduras contaminantes en Cabo Prioriño

Durante décadas, a costa de Ferrolterra sufriu o impacto da chegada de augas residuais sen tratamento adecuado, o que provocou a degradación dos ecosistemas mariños e o peche de bancos marisqueiros. Entre os problemas máis visibles destaca a presenza de residuos sólidos, especialmente toalliñas húmidas, que chegan ao mar durante episodios de fortes choivas. Esta situación resulta especialmente preocupante ao tratarse dun espazo de alto valor ecolóxico, integrado na Rede Natura 2000 e declarado Zona Especial de Conservación polo Decreto 37/2014, ademais de formar parte das áreas importantes para a conservación das aves identificadas por SEO/BirdLife.

Degradación ambiental da illa Pancha

O da Illa Pancha é un caso de privatización dun ben público pertencente a un espazo protexido, outorgándolle un uso non contemplado na normativa destes espazos sen a preceptiva xustificación do interese xeral, sen contar con informes sectoriais obrigatorios e sorteando o procedemento regrado con falacias e opacidade. No seu último escrito do 13 de xuño de 2024, o Defensor notifica que a Consellería de Medio Ambiente «manifesta aceptar a Recomendación formulada, referida ao cumprimento do apartado cuarto do artigo 46 da Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade», e comprométese a adoptar «as medidas precisas para o cumprimento da Resolución nas próximas certificacións que emita sobre os posibles efectos dun proxecto sobre os espazos da Rede Natura 2000 de Galicia».

Estado de conservación de Illa Pancha. Foto: Ecoloxistas en Acción
Estado de conservación de Illa Pancha. Foto: Ecoloxistas en Acción

Como pode observarse, a Consellería recoñece que non se está a cumprir a legalidade, pero elude comprometerse a corrixir a situación neste caso concreto. Pola súa parte, a Administración Portuaria e o Concello derivan a responsabilidade ambiental na Consellería, mentres evitan esixir o cumprimento dos trámites preceptivos nos seus respectivos procedementos de outorgamento de concesións e licencias.

Falta de conservación da praia das Catedrais

A historia da xestión da praia de As Catedrais – Augas Santas é moi representativa do xeito de protexer o noso patrimonio natural en Galicia, xa que aprobáronse recoñecementos ao patrimonio natural que máis que figuras de protección son promoción turística que incrementa a súa vulnerabilidade. A Xunta de Galicia tardou décadas en deseñar os plans de protección requiridos, facilitando así a súa degradación. Cando finalmente chegaron eses plans, non se implementan nin se destinan os fondos precisos para a súa xestión, quedando en papel mollado.

No ano 2025 cumpríuse unha década da publicación do Plan de Conservación do Monumento Natural da praia de As Catedrais e dúas da aprobación desa figura de protección, mais os problemas seguen aí. As novas seguen a falar de saturación, mal comportamento, degradación e inacción das administracións responsables alén de seguir a promovela coma reclamo turístico. 

Mención especial: Fábrica celulósica de ENCE en Pontevedra

Aínda que non sinalada este ano expresamente nos informes, a factoría celulósica de ENCE na ría de Pontevedra non pode deixar de ser mencionada no informe Banderas Negras. As súas continuas malas prácticas ambientais e conflitos de interese con distintas administracións, segue tendo a marca de bandeiras negras en Galicia. Agora, a Comisión Europea dá a razón ao movemento social, na liña defendida pola Asociación Pola Defensa da Ría, na súa demanda ao Gobierno español para que adapte a Lei de costas ás normas comunitarias no que ás prórrogas se refire. 

Ábrese a porta a que se aprobe o novo regulamento da lei elaborado polo goberno central onde, entre outras cousas, establece que as concesións en dominio público que poidan ser inundables (como no caso de ENCE) poderán ser revogadas e, en todo caso, que ningunha concesión en dominio público poderá estenderse máis aló dos 75 anos en total con efectos retroactivos, co cal ENCE tería que abandonar Lourizán no ano 2033 no canto de 2073. 

Cara a un proceso de restauración ecolóxica

Para presentar solucións, Ecoloxistas en Acción presentaron a restauración ecolóxica como eixo central do informe. Consiste en axudar á recuperación dun ecosistema degradado, danado ou destruído que se pode levar a cabo de forma activa —intervencións destinadas a restablecer funcións naturais— ou de forma pasiva —que os ecosistemas se recuperen por si mesmos, unha vez eliminadas as presións—.

Ademais, o Regulamento sobre a Restauración da Natureza, en vigor desde agosto de 2024, inclúe obxectivos vinculantes de restauración de hábitats e especies costeiras, establecendo metas para recuperar progresivamente os ecosistemas terrestres, costeiros e mariños degradados, co obxectivo de mellorar o seu estado de conservación nas próximas décadas. 

No informe proponse a actuación sobre algúns lugares do litoral que recibiron unha bandeira negra e onde, se se intervén neles mediante a restauración, sería posible reverter, en certa medida, a perda de biodiversidade, aumentar a adaptación fronte aos impactos do cambio climático e mellorar a calidade ambiental dos territorios.


Podes consultar o mapa interactivo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia