Superlúa azul: cando ver o fenómeno que non se repetirá ata 2037

O 31 de agosto poderase observar a segunda lúa chea do mes que, ademais, será lixeiramente máis grande e brillante do habitual

A superlúa azul non se repetirá ata dentro de 14 anos.
A superlúa azul non se repetirá ata dentro de 14 anos.

Anota a data no túa axenda: o 31 de agosto poderás ver a superlúa azul, un fenómeno astronómico que non se repetirá ata o 2037. Pero para entender este inusual acontecemento é preciso analizar cada termo por separado. Por unha banda, que se denomine “lúa azul” non significa que se vaia producir un cambio de cor. “Non ten un aspecto distinto das lúas cheas que poder ver calquera mes do ano”, detallan dende a NASA. Porén, trátase dun fenómeno especial porque será a segunda lúa chea que se produza nun mesmo mes. De feito, en agosto púidose contemplar a lúa en todo o seu esplendor o día 1 e os amantes da astronomía poderán repetir a fazaña o vindeiro xoves.

Publicidade

O fenómeno da lúa azul prodúcese cada dous ou tres anos. De feito, a última púidose observar en outubro de 2020, tamén os días 1 e 31 dese mes. Polo tanto, malia que o “azul” do concepto non indica ningún trazo visual distintivo, este fenómeno si ten algo especial. Segundo explica a NASA, o termo “lúa azul” para designar dúas lúas cheas nun mesmo mes comezouse a empregar en 1940 a raíz dun popular refrán anglosaxón. A expresión Once in a bluemoon (traducido ao galego viría a dicir algo así como Unha vez cada lúa azul) non ten ningún significado literal nin fai referencia directa á lúa. Máis ben, o refrán serve para designar algo que ou ben non sucede nunca ou, incluso, é absurdo.

O termo “lúa azul” comezouse a empregar en 1940 a raíz da expresión anglosaxona Once in a bluemoon

Máis polo miúdo, foi a revista Sky & Telescope a que contribuíu á popularidade deste concepto. En 1946 publicouse o artigo Unha vez cada lúa azul, en honor ao refrán, da man de James Hugh Pruett. O autor opinou que a segunda lúa chea nun mes debería ser chamada “lúa azul” e, a partir de aí, acuñouse o termo. De todos modos, nada ten que ver coa cor coa que se verá o satélite en todo o seu esplendor que, de seguro, presentará unha luz pálida e branca, moi semellante á que se pode observar en calquera outra lúa chea, independentemente de que sexa azul ou non.

De todos modos, que o concepto “lúa azul” non faga referencia á cor da que se verá o satélite, non significa que nalgúns momentos da historia non se puidese observar este astro con tons distintos. Xeralmente, para que a lúa se vexa azul ten que producirse unha erupción volcánica. Así aconteceu en 1883, cando se puideron ver dúas lúas tinguidas de azul, despois da explosión do volcán indonesio Krakatoa. Os penachos de cinza, compostos de partículas de 1 micron de ancho, ascenderon ata o cumio da atmosfera da Terra. As partículas deste tamaño son ideais para dispersar a luz vermella, o que permite o paso da luz azul. É dicir, as nubes de cinza producidas polo Krakatoa actuaron como un filtro azul.

Que é unha superlúa?

Para entender e a rareza da superlúa azul hai que pasar aoo seguinte concepto: o de superlúa. O termo fai referencia ao momento no que a lúa chea coincide co máximo achegamento do satélite á Terra (perixeo). En teoría, durante as superlúas, o satélite verase máis grande e brillante do habitual. Porén, os expertos advirten que as diferenzas son case imperceptibles para o ollo humano. De feito, a lúa chea tan só é un 14% máis grande no perixeo e ten un 10% máis de brillo. É dicir, uns valores demasiado baixos que non se perciben con claridade nin a simple vista.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.