A Lúa vese máis grande preto do horizonte, pero non por ser superlúa, senón por unha ilusión óptica.
A Lúa vese máis grande preto do horizonte, pero non por ser superlúa, senón por unha ilusión óptica.

Superlúa: así se constrúe unha ilusión

Millóns de persoas contemplan a Lúa estes días pensando que loce moito máis grande, cando as diferenzas son imperceptibles ao ollo humano

“A espectacular superlúa de neve máis brillante, que non se repetirá ata 2026″. “Un fenómeno único“. Moito se difundiu e moito se escoitou o suposto fenómeno astronómico que se ía vivr estes días co satélite da Terra. A combinación era perfecta para xerar misterio e atracción: un prefixo atractivo e un sobrenome (esta vez era de neve, pero tamén hai a superlúa de sangue, como a do eclipse do pasado 21 de xaneiro, ou a superlúa azul).  Mais pouco hai de especial, alén da ilusión.

Que é unha superlúa?

A definición foi inventada por un astrólogo (non un astrónomo). En 1979, Richard Nolle deulle o nome de “Supermoon” ao suceso polo cal a lúa chea coincidía co máximo achegamento do satélite á Terra (perixeo). E non é un fenómeno estraño, nin pouco habitual. Miquel Serra, investigador do Instituto de Astrofísica de Canarias, explica no seu blog que a superlúa adoita repetirse de 3 a 5 veces ao ano. Porén, por algunha razón, non todas obteñen a mesma repercusión nos medios.

Pero a superlúa é realmente máis grande?

Si, pero non é perceptible ao ollo humano. A proba é sinxela de facer. A xema do dedo maimiño pode tapar sempre o satélite, por moi grande que pareza no ceo. “O diámetro do disco do satélite entre un apoxeo e un perixeo aumenta até un 14%”, explicaba Martin Pawley, da Asociación Astronómica Ío, co gallo da expectación creada coa suposta superlúa de sangue azul de 2018. “Ese 14% é moi pouco para o noso cerebro. Cando estendemos o brazo, o dedo pequeno – o maimiño – tapa unha distancia angular equivalente a 1 grao (60 minutos angulares); o dobre dunha Lúa Chea típica”.

Mínimo perixeo lunar (distancia Terra-Lúa=356.355 km; tamaño aparente da Lúa=33,5 minutos de arco) e máximo apoxeo (distancia Terra-Lúa=406.725 km; tamaño aparente da Lúa=29,4 minutos de arco) no período que vai desde os anos -1999 a 3000. A diferenza de tamaños aparentes (desde a Terra) é dun 14%. Ilustración: Gabriel Pérez Díaz, SMM (IAC). Fonte: Fred Espenak @ astropixels.com.
Mínimo perixeo lunar (distancia Terra-Lúa=356.355 km; tamaño aparente da Lúa=33,5 minutos de arco) e máximo apoxeo (distancia Terra-Lúa=406.725 km; tamaño aparente da Lúa=29,4 minutos de arco) no período que vai desde os anos -1999 a 3000. A diferenza de tamaños aparentes (desde a Terra) é dun 14%. Ilustración: Gabriel Pérez Díaz, SMM (IAC). Fonte: Fred Espenak @ astropixels.com.

Por tanto, abonda con facer o cálculo: Miquel Serra expón que a diferenza do tamaño da Lúa entre apoxeo e perixeo é de 4 minutos de arco: unha quinceava parte do tamaño da xema do maimiño. Algo moi, moi pequeno. E ademais, está a cuestión da memoria, lembraba Martin Pawley. ” Aínda que é certo que o ollo é capaz de distinguir obxectos dun tamaño angular aínda menor (a resolución do ollo é 1 minuto angular), o que non se nos dá nada ben é comparar ‘de memoria’”. Así, “podemos dicir de dúas estrelas dadas cal brilla máis se as vemos ao mesmo tempo, mais non temos maneira de ‘notar’ a ollo ceibe se é máis brillante a Lúa Chea deste mes que a do mes pasado“, explica o membro de Ío.

Así, aínda que miremos marabillados á superlúa pola expectación xerada nos medios, é probable que esteamos vendo a mesma lúa chea de hai un mes. Con todo, algo menos sorprendente que a ilusión óptica que se produce cando a lúa está preto do horizonte, cando parece moito maior. E aínda así – podemos facer a proba – poderase seguir tapando co dedo maimiño.

As catro mentiras da Lúa que (non) vimos o mércores

Que pasa coas mareas na superlúa?

Cando se inventou a superlúa, Richard Nolle falou que durante estes fenómenos aumentan as catástrofes, como terremotos, grandes temporais e erupcións volcánicas. E calquera hecatombe que se producira cerca dunha superlúa, por mera probabilidade, quixo vinculala a con ela, segundo explica Luis Alfonso Gámez no seu blog Magonia.

Si e certo, como todo o mundo sabe, que a Lúa ten influencia nas mareas da Terra. E loxicamente, cando a Lúa está no perixeo, adoitan producirse mareas vivas. Pero nada máis alá disto.

Referencias:

La ‘superluna’ del 19 de marzo y el terremoto de Japón (Luis Alfonso Gámez en Magonia, 11 de marzo de 2011).

SuperLunas (Miquel Serra Ricart, no blog Vía Láctea, 8 de agosto de 2014).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.