Xoves 28 Marzo 2024

As catro mentiras da Lúa que (non) vimos o mércores

“A extraordinaria eclipse da superlúa azul de sangue“. “Un espectacular fenómeno que non se produce desde hai 150 anos“. Os titulares sobre o cacareado acontecemento que tivo lugar este pasado mércores 31 de xaneiro agochan varios matices. En Galicia, e en gran parte do mundo, non puidemos percibir prácticamente nada distinto a calquera outra Lúa Chea do ano.

Así, a expectación creada foi, na gran maioría dos casos, unha gran desilusión. Para coñecer polo miúdo as catro mentiras da suposta eclipse da superlúa azul de sangue, contactamos con Martín Pawley, experto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que nos explica dunha forma moi didáctica o suposto acontecemento que non foi:

Publicidade

Non foi unha Lúa azul

Coñécese por ‘Lúa azul’ a segunda Lúa Chea nun mesmo mes

O de azul é unha simple licenza poética. Nada que ver cunha suposta coloración azulada no satélite. Defínese como lúa azul a segunda lúa chea que acontece no mesmo mes. “É un feito pouco frecuente, pero non excepcional”, sinala Martin Pawley. O intervalo medio entre dúas lúas cheas é de 29,5 días, polo que non adoitan coincidir no mesmo mes. Pero este xaneiro foi unha desas excepcións. A primeira foi o día 2, e a segunda, este 31.

O curioso é que o concepto actual de ‘lúa azul’ xurdiu doutro erro de interpretación, tal e como explica a Agrupación Ío nesta interesante entrada do seu blog.

Non foi unha ‘superlúa’

“Non hai razón para a expectación”, adianta Martin Pawley. “Dun tempo para acó estase a empregar o termo “superlúa” para designar as Lúas cheas que cadran co noso satélite no perixeo, isto é, no punto de maior achegamento á Terra na súa órbita. Este mércores hai lúa chea, e a lúa está no perixeo. Mais iso non significa que o brilo da lúa vaia ser sensiblemente maior, nin o tamaño do satélite no ceo vai parecer moito máis grande”. E ademais, o noso ollo non é tan preciso como para percibir este cambio. Así o explica Martin:

O ollo humano non é quen de percibir o 14% de diferenza de tamaño da ‘Superlúa’

“O diámetro do disco do satélite entre un apoxeo e un perixeo aumenta até un 14%: esa é a diferenza entre a Lúa máis pequena e a máis grande. Mais ese 14% é moi pouco para o noso cerebro. Cando estendemos o brazo, o dedo pequeno – o maimiño – tapa unha distancia angular equivalente a 1 grao (60 minutos angulares); o dobre dunha Lúa Chea típica.

É dicir, co brazo estendido chegaríanos medio dedo maimiño para tapar o satélite (pode comprobarse facilmente estes días, que ademais está despexado). Con eses números na cabeza, é doado concluír que a diferenza entre a Lúa máis grande e a Lúa máis pequena do ano é de 4 minutos angulares, ou sexa, a quinceava parte do grosor do dedo máis pequeno da man cando temos o brazo estendido”.

Pero non só é unha cuestión de tamaño, senón tamén de memoria: “Aínda que é certo que o ollo é capaz de distinguir obxectos dun tamaño angular aínda menor (a resolución do ollo é 1 minuto angular), o que non se nos dá nada ben é comparar ‘de memoria'”. Así, “podemos dicir de dúas estrelas dadas cal brilla máis se as vemos ao mesmo tempo, mais non temos maneira de ‘notar’ a ollo ceibe se é máis brillante a Lúa Chea deste mes que a do mes pasado“, explica Martin.

Non houbo eclipse

A eclipse tivo lugar cando o satélite aínda non era visible en Galicia

Polo menos, nin en Galicia, nin en España, nin en Europa. A eclipse tivo lugar entre as 13.52 e as 15.08 hora galega, mentres que a Lúa non comezou a asomar no horizonte ata case 4 horas despois. Así, o mellor lugar para ver a eclipse foi o Oceáno Pacífico, o leste de Asia, Oceanía e o oeste de Norteamérica. A medida que nos achegamos a Europa, a visibilidade foi menor.

Porén, si haberá unha boa oportunidade para gozar dunha eclipse lunar o 27 de xullo deste ano. “Non a veremos completa, perderemos as primeiras fases (en Galiza a Lúa asomará xa en sombra), mais estaremos a tempo de ver a parte central da eclipse e a saída da Lúa da sombra da Terra”, adianta o experto de Ío.

Non foi unha ‘Lúa de sangue’

E non, tampouco vimos a Lúa cun ton avermellado. Este fenómeno débese, segundo explica Pawley, a que durante as eclipses totais, cando o satélite entra completamente na sombra da Terra, “non desaparece totalmente da vista pois fica indirectamente iluminada pola luz do Sol refractada a través da atmosfera terrestre”. Un fenómeno que, de feito “serve para obter información sobre a ‘limpeza‘ da nosa atmosfera”. As erupcións volcánicas e os incendios forestais adoitan influír nos matices desa cor avermellada.

Pero como xa mencionaba Martin, este ton vermello só se viviu nas zonas nas que a eclipse foi visible. E Galicia non foi unha delas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.