Xoves 25 Abril 2024

Galicia, lugar privilexiado para a eclipse de Lúa do 21 de xaneiro

Hai só uns meses, a finais de xullo do pasado ano, as nubes impediron que Galicia puidera gozar en plenas condicións da que foi a eclipse de Lúa máis longa do século. En poucos días, porén, chega unha nova oportunidade para gozar deste espectáculo astronómico, se o tempo o permite esta vez. E a metade oeste da península será unha das poucas zonas de Europa na que se poderá ver a Lúa totalmente oculta. Haberá que pasar a noite en vela, xa que se producirá, aproximadamente, entre as 4.30 e as 8.00 da madrugada do luns 21 de xaneiro.

Segundo recolle o Instituto Geográfico Nacional (ligazón en PDF), a primeira eclipse de Lúa deste 2019 será visible principalmente desde América en todas as súas fases, coincidindo alí co solpor e as primeiras horas da noite. Alén do continente americano, só nunha estreita faixa da costa occidental de África, o litoral oeste de Europa, as illas Británicas e Escandinavia poderán observar o fenómeno. No resto de Europa e África, a Lúa ocultarase antes de que se produza a fase total, o que impedirá ver o fenómeno.

Publicidade

A eclipse de Lúa do 21 de xaneiro

Unha eclipse lunar prodúcese cando o Sol, a Terra e a Lúa están aliñados e a sombra da propia Terra escurece o noso satélite natural. A duración do fenómeno depende do tempo que tarde a Lúa en pasar pola sombra que proxecta o noso planeta. No caso de xullo, ao pasar moi preto do centro desta zona, e ao coincidir co apoxeo, o punto máis afastado da órbita mensual respecto da Terra, produciuse o máis longo do século.

Ademais da ocultación producida por esta zona de sombra, durante as eclipses de Lúa acontece outro fenómeno que tamén chama a atención de quen o observa. Debido ao efecto de refracción da luz solar coa atmosfera terrestre, a Lúa pasa tamén por unha área de penumbra xusto antes e despois da fase total do eclipse; neste tempo aparece cun ton avermellado, bautizada en ocasións como ‘lúa de sangue‘.

No caso da eclipse que veremos o 21 de xaneiro, haberá que mirar cara ao noroeste a partir das 4.30 da madrugada, cando se producirá o primeiro contacto coa zona de penumbra. Unha hora despois entrará na rexión de sombra e, por tanto, comezará a ocultarse. Ás 5.43 horas comezará a eclipse total, e o máximo terá lugar ás 6.09 da madrugada. Media hora despois comezará a saír de novo da súa ocultación – a eclipse total durará, por tanto, 1 hora e 1 minuto -. E, finalmente, ás 7.49 da mañá, a Lúa sairá totalmente da zona de sombra. Xa coas primeiras luces do amencer, ás 8.44 horas, producirase o último contacto coa zona de penumbra.

As outras eclipses de 2019

A do 21 de xaneiro será a única oportunidade para ver eclipses totais en Galicia neste 2019. O 16 de xullo, pouco despois do solpor, veremos unha ocultación da Lúa, pero será parcial.

Esta mesma semana haberá unha eclipse parcial de Sol, entre o 5 e o 6 de xaneiro, pero só poderá verse desde o noreste de Asia e o Pacífico norte. O 2 de xullo haberá unha eclipse total de Sol no Pacífico Sur e Sudamérica. E finalmente, o 26 de decembro, haberá unha eclipse anular de Sol visible só desde o sur de Asia.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea