A misión Artemis II leva seis días nunha travesía que levará ao ser humano á Lúa cincuenta anos despois. O obxectivo é a súa cara oculta, onde a nave Orión acadará un período crítico de ata 50 minutos sen comunicación coa Terra. Isto ocorre porque a masa física do satélite bloquea os sinais de radio. Así, superarase o récord do punto máis afastado no espazo ao que chegou a humanidade, xa que estarán a máis de 400.000 quilómetros da Terra. Agora, a nave navega grazas á gravidade da Lúa, que exerce máis forza que a gravidade terrestre.
Ata o momento, a tripulación puido observar a Cunca Orientale, o gran cráter situado entre a cara visible e a oculta da Lúa, considerado un dos mellor conservados do sistema solar. Os precedentes desta viaxe polo lado non visible comezan na Unión Soviética, cando a sonda automática Lúa 3 fotografouno por primeira vez en 1959. Pero os avances máis recentes proceden de China: o Chang’e-4 realizou o primeiro aluaxe suave en 2019, dentro da cunca Von Kármán, e cinco anos despois Chang’e-4 foi a primeira misión en recoller mostras lunares do lado oculto.
Esta zona é o hemisferio que non se pode observar dende a Terra, xa que sempre se presenta a mesma cara: a Lúa tarda en rotar sobre si mesma o mesmo que o seu movemento de traslación arredor do planeta. Adoita chamárselle erroneamente “lado escuro”, pero non hai sección da Lúa que non reciba luz solar nalgún momento.
Nos seus momentos libres, a tripulación captura imaxes espectaculares dende a nave Orión que se manterán na memoria astronómica do ser humano. A continuación, unha selección das imaxes máis impresionantes durante os cinco primeiros días desta viaxe free-return, que permitirá aos astrounautas volver á Terra sen maniobras complexas.
Despegue de Artemis II
O foguete do Sistema de Lanzamento Espacial da NASA que transporta a nave espacial Orión despegou o mércores 1 de abril de 2026 dende o Complexo de Lanzamento 39B no Centro Espacial Kennedy da NASA en Florida.

Nai Terra
Un arco delgado que brilla na escuridade do espazo sobre a Terra. A luz do Sol traza as curvas do océano e as nubes, mentres que o resto do planeta permanece na sombra.

Iluminada en Orión
A astrounauta da NASA Christina Koch está iluminada por unha pantalla dentro da nave espacial Orión no terceiro día de misión. Á dereita do centro da imaxe, o astronauta da Axencia Espacial Canadiense Jeremy Hansen mira por unha das fiestras da cápsula. As luces están apagadas para evitar o deslumbramento nas fiestras.

O nunca visto
Esta imaxe foi tomada no cuarto día da viaxe á Lúa. O satélite está orientado co Polo Sur na parte superior e nun inicio puideron a ver partes do lado oculto. Artemis II marca a primeira vez que os humanos ven toda a Cunca Orientale, que os astronautas poderán observar dende múltiples ángulos mentres se achegan.

Pensando en ti, Terra
Nesta fotografía pódese ver a silueta do astronauta da NASA e comandante de Artemis II Reid Wiseman mentres mira cara á Terra na súa viaxe á Lúa. A imaxe foi tomada o 4 de abril de 2026.

Un día máis preto da Lúa
A Terra pódese observar iluminada pola negrura do espazo dende unha das catro fiestras de Orión. O planeta faise máis pequeno a medida que a tripulación se achega á Lúa. Foi tomada no cuarto día de misión.

Boas noites, Lúa
Antes de irse a dormir o quinto día de voo, a tripulación de Artemis II tomou unha imaxe máis da Lúa, a medida que se acercaba á fiestra de Orión. Aproximadamente unha hora despois de entrar na esfera de influencia lunar, a especialista da misión, Christina Koch, comunicouse coa NASA: “Agora estamos caendo á Lúa en lugar de afastarnos da Terra. É un fito incrible!”.

Podes ver unha retransmisión en directo da traxectoria de Artemis II a partir das 19:00 horas na seguinte ligazón.














