Comeza a conta atrás para o lanzamento da misión Artemis II, previsto para as 22:24 horas do mércores 1 de abril en Florida —00:24 horas do 2 de abril no horario peninsular español—. Tras semanas de incidencias, como fugas de combustible e outros contratempos, a NASA afronta unhas últimas horas sen problemas para a primeira viaxe con astronautas á Lúa en máis de medio século.
Segundo informa a axencia espacial, o foguete está a funcionar correctamente na plataforma de lanzamento e as condicións meteorolóxicas parecen favorables. Os meteorólogos estiman un 80% de probabilidade de condicións axeitadas, aínda que poderían aparecer complicacións por nubes cúmulos, ventos en terra ou actividade solar. En caso de aprazamento, a fiestra de lanzamento inclúe novas oportunidades o 2, 3, 4, 5, 6 e 30 de abril. Está previsto que o equipo comece a carga de propelentes no foguete do Sistema de Lanzamento Espacial, de 32 pisos, o na mañá do mércores.
Durante esta misión de 10 días, sen opción dun aborto rápido, a tripulación deberá comprobar o funcionamento crítico dos sistemas de soporte vital da nave Orión, á vez que se enfrontan á intensa radiación dos cintos de Van Allen. A tripulacion está composta polos astronautas da NASA Christina Koch, Victor Glover e Reid Wiseman, e o astronauta da CSA Jeremy Hansen, entre os que se atopa a primeira muller e o primeiro afroamericano en participar nunha misión lunar.
Unha misión sen aluaxe
A misión nin sequera contempla aluar, como xa se logrou hai máis de 50 anos, pero será clave para que, en 2028, Artemis IV o consiga con máis garantías de éxito. Artemis II e Artemis III —esta última tamén tripulada e prevista para o próximo ano en órbita baixa terrestre, co obxectivo de probar os traxes espaciais e diversas tecnoloxías críticas— funcionarán como ensaio. Dentro de dous anos, dous dos catro astronautas da nave Orión descenderán á superficie lunar para recoller mostras, facer experimentos científicos, estudar o terreo e obter datos da contorna do noso satélite. En total, serán 30 días de misión, unha duración tres veces superior á da que se inicia con Artemis II.
A máis de 400.000 quilómetros da Terra
Durante o sobrevoo pola cara oculta da Lúa, os catro astronautas afastaranse máis de 400.000 quilómetros da Terra, acadando o punto máis afastado no espazo ao que chegou a humanidade ata o momento. Para afrontar o reto de protexer a tripulación fronte á radiación solar extrema e cósmica durante Artemis II, a NASA emprega unha estratexia de “defensa por capas”. Baixo o nome de “Experimento Matroshka”, combina tecnoloxía de detección avanzada para monitorizar os niveis de radiación con solucións físicas deseñadas para reducir a exposición, mediante múltiples capas de protección.
Avances tecnolóxicos
Son moitas as diferenzas entre a misión Artemis II e a Apolo 17 de 1972, especialmente no ámbito tecnolóxico. Nesta ocasión, viaxarán catro astronautas a bordo dunha nave con maior espazo habitable, que contará con paneis solares para a xeración de enerxía e múltiples sistemas informáticos redundantes, dotados de maior capacidade de memoria e procesamento. Ademais, as telecomunicacións evolucionaron de maneira notable: fronte aos sistemas básicos dos anos setenta, hoxe disponse dunha infraestrutura con maior ancho de banda e fiabilidade. As comunicacións dixitais son moito máis robustas e permiten transmitir voz, telemetría e datos científicos complexos con maior precisión e estabilidade.

Participación galega
A misión contará coa participación do Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial (ATRG) do centro atlanTTic da UVigo, no marco da colaboracia través da cooperación establecida coa empresa tecnolóxica española Integrasys, seleccionada pola NASA para realizar tarefas de seguimento terrestre da cápsula Orión. O sinal da cápsula, captado polas antenas da Universidade de Vigo, será analizado por persoal empregando o principio do efecto Doppler. A frecuencia do sinal varía en función do movemento da nave, polo que, ao medir con gran precisión estes cambios, os especialistas poderán determinar a súa posición exacta. O equipo de operadores da UVigo traballará de forma ininterrompida durante os dez días que dure a misión, procesando os datos nun labor de seguimento técnico esencial para garantir que a nave se manteña na traxectoria prevista pola NASA.
Onde ver o despegue?
A misión Artemis II poderase seguir dende casa a través de plataformas como NASA+, a canle de Youtube da NASA e Artemis, e as redes sociais oficiais das axencias participantes, onde se comparten imaxes, vídeos, explicacións e momentos clave en tempo real.













