Desenvolven unha nova metodoloxía para diagnosticar a inflamación articular

Un equipo galego abre a porta a identificar a artrite na articulación temporomandibular cunha técnica de baixo impacto

Un equipo interdisciplinar de investigación no que participa a Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), o Centro Universitario de Odontoloxía de Basilea (Suíza) e a Universidade e o Hospital Universitario de Aarhus (Dinamarca), presenta unha nova técnica para diagnosticar e medir a inflamación articular a través de imaxes volumétricas sen contraste.

Os métodos actuais de seguimento da inflamación nunha única articulación dependen de índices derivados do exame clínico, como a detección do engrosamento sinovial, isto é, o aumento do líquido que cobre as articulacións. Así, para detectalo e proceder, á confirmación clínica de inflamación ou artrite na articulación temporomandibular (ATM, a que une a mandíbula co cranio) cómpre unha imaxe.

Publicidade

A resonancia magnética con contraste é a modalidade máis empregada para diagnosticar a artrite na articulación temporomandibular

A Resonancia Magnética (RM) con contraste é na actualidade a modalidade máis empregada para a diagnose da afectación desta articulación, e tamén a que achega máis información, pero a significación dos datos que proporciona e a súa interpretación son aínda motivo de debate. A diagnose da doenza é, pois, un campo aberto e especialmente espiñento se temos en conta que a artrite da ATM ocorre comunmente en pacientes con artrite idiopática xuvenil (AIX) que, se están en idade infantil, poden non referir dor.

Se ben noutras articulacións como os xeonllos se desenvolveron métodos para medir o volume do revestimento sinovial na sinovite crónica a través de RM reforzada con contraste, estes nunca se aplicaran á articulación temporomandibular, cuxa valoración clínica é moi diferente da das outras articulacións.

Publicidade

Novos avances

Agora, a colaboración entre persoal investigador da USC, o IDIS, o CHUS e as citadas institucións de Dinamarca e Suíza, permitiu idear un novo método co que calcular volume articular e ofrecer unha medida cuantitativa indirecta do tecido inflamado na ATM. No estudo, que acaba de ser publicado na revista Orthodontics and Craniofacial Research, pártese da accesibilidade e o fácil manexo dunha proba radiográfica como a tomografía computerizada de feixe cónico (CBCT polas súas siglas en inglés), unha técnica de uso habitual nas clínicas dentais, para aproveitala no exame clínico destas pequenas articulacións con artrite.

Segundo os autores, isto permite confirmar a presenza de líquido inflamatorio nesa articulación tan pequena por un aumento do volume. A través deste novo método, que calcula o volume articular a través de demarcacións de áreas, o persoal investigador detectou unha alta diferenza entre doentes con AIX e as persoas sas que conformaron o grupo de control. O volume resultante na ATM de doentes con artrite foi o dobre que na articulación de individuos sans.

No estudo, a estimación do volume articular en ATMs afectadas pola AIX logrouse perfilando o espazo articular inflamado en imaxes de CBCT. Deste xeito, o equipo investigador establece un criterio para a identificación da AIX, definido por un cadrante onde non se atopa ningunha das persoas con esa doenza. O interese clínico desta delimitación numérica, que expande así o abano de posibilidades de diagnose con ferramentas de imaxe, estriba no feito de que abre a porta a identificar a existencia de artrite na ATM en casos dubidosos cunha técnica de baixo impacto comparada coas ata o de agora existentes.


Referencia: Quantification of temporomandibular joint space in patients with juvenile idiopathic arthritis assessed by cone beam computerized tomography (Publicado en Orthodontics & Cranofacial Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia do fútbol: a física do balón e a bioloxía do céspede tamén xogan o Mundial

A Copa do Mundo da FIFA 2026 é a posta en práctica de toda a investigación e a innovación no deporte sobre o que máis estudos científicos se publican

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano