Detectada nas augas de Galicia unha nova especie exótica con potencial invasor

Un estudo recolle a identificación de 'Pyura herdmani', de gran tamaño e orixinaria de África, que altera os ecosistemas mariños

Detectada unha nova especie exótica con potencial invasor nas augas de Galicia. Trátase dun tunicado solitario, Pyura herdmani, de grandes dimensións e orixinario de África. É unha especie de ascidia que pode formar grandes agregados, desprazando outras nativas e alterando os ecosistemas mariños.

O persoal investigador do Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEAB-CSIC), o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), o Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), o Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) e a Universidade de Johannesburgo documentou a presenza desta nova especie exótica con potencial invasor en augas de Galicia a través dunha investigación que vén de publicarse na revista Biological Invasions.  

Publicidade

O estudo foi posible “grazas á colaboración do club de mergullo Hydronauta”, segundo trasladan dende o IEO, que observaron e recolleron os primeiros individuos desta especie entre 2015 e 2019 en augas do porto deportivo de Ribeira, na ría de Arousa.

Posteriormente, en 2022, o equipo científico levou a cabo unha campaña en toda a ría, así como tamén na de Vigo, inspeccionando especialmente infraestruturas de portos deportivos e recreativos, onde adoitan adherirse estas ascidias.

Publicidade

Altera ecosistemas mariños

Pyura herdmani é unha especie que pode formar grandes comunidades, desprazando a especies nativas e alterando os ecosistemas mariños. Ademais, especies similares causaron problemas económicos, como a colonización desmedida de cultivos de mexillóns, tan importantes na ría de Arousa.

En base ás análises morfolóxicas e xenéticas realizadas durante a investigación, o grupo científico chegou á conclusión de que os exemplares atopados en Galicia teñen a súa orixe nas costas do norte de África.

Dada a escasa capacidade de dispersión das primeiras fases de vida deste tipo de especies, a introdución destes exemplares en Europa só pode explicarse polo transporte mediado polas actividades humanas. Concretamente, neste caso, crese que a vía máis probable de introdución podería estar asociada á frota pesqueira que operaba no banco Canario-Sahariano e que recala regularmente en Galicia.

Determinar se as especies serán invasoras

“As investigacións orientadas a comprender as características da introdución artificial de especies non autóctonas, así como a súa detección temperá, revisten unha importancia fundamental á hora de determinar se ditas especies converteranse en invasoras, causando potencialmente graves afectacións económicas e ecolóxicas”, sinala Marc Rius, investigador do CEAB-CSIC e primeiro autor do artigo científico.

“Esta información proporciona coñecementos e orientacións vitais para a xestión máis inmediata do problema, podendo orientar os esforzos de forma máis eficaz para erradicar ou polo menos conter a dispersión destas especies”, explica Xavier Turon e Elsa Vázquez, investigadores do CEAB-CSIC e o CIM respectivamente, coautores deste traballo.

Pola súa banda, Bruno Almón, coautor do artigo científico e investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO resalta a colaboración cidadá para este tipo de estudos. “É unha fonte de información moi valiosa, especialmente daqueles colectivos que viven en contacto estreito co mar, xa que permite detectar de forma áxil os cambios que se producen nos ecosistemas que frecuentan”


Referencia: A morphogenetic characterisation of a potentially dominant African marine species in Europe (Publicado en Biological Invasions)

5 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño