A alerta amarela por temperaturas baixo cero amplíase unha xornada máis en Galicia. Un anticiclón localizado no centro do continente europeo mantén os termómetros galegos con rexistros negativos durante esta semana. Máis de 70 concellos das provincias de Lugo e Ourense seguen en aviso debido ao xélido clima que podería baixar dos -4 graos. Ante a situación de pleno inverno, a Consellería de Sanidade vén de trasladar unha serie de recomendacións para reducir ou evitar o impacto das baixas temperaturas na poboación, especialmente a máis vulnerable.
A axencia de meteoroloxía galega vén de ampliar para este venres 17 a alerta amarela por temperaturas mínimas que poden baixar dos -4 graos. Ao aviso activo durante este xoves durante as 12 primeiras horas da xornada súmaselle outro para mañá no mesmo horario. Os concellos afectados serán os localizados no centro e sur de Lugo e no sur de Ourense. Nesta provincia deuse un dato curioso sobre a amplitude de temperaturas que se poden documentar estes días na comunidade. Meteogalicia publicaba no seu perfil da rede social X –antiga Twitter– que os termómetros do concello de Calvos de Randín rexistraron -9,3 graos e 15,8 graos na mesma xornada.
Recomendacións contra o frío
Así, con termómetros que poden rozar os -10 graos e con avisos por baixas temperaturas que levan ás provincias de Pontevedra e Ourense a estar en niveis 3 e 2, respectivamente, a Xunta publica unha serie de recomendacións para previr os efectos negativos desta vaga de frío.
En primeiro lugar débese escoller ben a vestimenta. A Consellería de Sanidade aconsella empregar roupa lixeira, non apertada e que transpire, empregando varias capas de roupa lixeiras superpostas en lugar dunha soa de tecido groso.
Débese prestar especial atención á protección da cabeza, o pescozo, os pés e as mans, xa que son as zonas máis sensibles e de maior perda de calor. Empregarase, ademais, roupa de abrigo resistente ao vento e á humidade, e calzado impermeable e antiescorregadiza. Ademais, procurarase permanecer seco, xa que a roupa mollada arrefría o corpo rapidamente.
No caso de ter que realizar un traballo físico baixo o frío, deberá facerse con precaución, suavemente, procurando non esgotarse, especialmente se se sofre algunha doenza de tipo cardiorrespiratorio ou hipertensión.
Así mesmo, a Xunta recomenda respirar polo nariz e non pola boca, xa que o aire quéntase ao pasar pola fosas nasais, e así diminúe o frío que chega aos pulmóns.
Beber líquidos quentes
Ademais, é conveniente beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica, e evitar as bebidas alcohólicas.
Por outra banda, débense extremar as precaucións no caso de que haxa xeo na rúa, para evitar caídas que poden producir fractura de cadeira ou doutros ósos.
A Consellería de Sanidade remarca a importancia de manter o contacto coas persoas consideradas máis vulnerables, a través de chamadas ou visitas, para valorar a súa situación concreta e previr efectos graves das baixas temperaturas.