Que é a liña de turbonada? O excepcional fenómeno que anegou Santiago en 10 minutos

O meteorólogo Juan Taboada asevera que é imposible predicir o evento, máis propio da primavera e do verán que do inverno

7.50 horas. Unha chuvia torrencial comeza a caer sobre Santiago. En tan só 10 minutos anegáronse rúas, casas, garaxes e ata baixos de colexios. Houbo condutores que tiveron que saír dos seus coches ante a forza da auga. Nun prazo de tempo tan curto acumuláronse 10 l/m2. “Foi excepcional. En Galicia estamos relativamente afeitos a días de moita chuvia, pero non a precipitacións torrenciais”, asevera o coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada. O inusual fenómeno que causou o caos en Santiago, pero tamén noutras cidades como Vigo e Pontevedra, recibe un nome: liña de turbonada.

“É unha zona da atmosfera que se pode formar dentro das frontes frías, como aconteceu este mércores. Chamámola liña porque é unha zona case recta de bastante lonxitude e pouco grosor. Os efectos que produce en superficie son chuvia e vento moi intensos”, explica o experto. Taboada matiza que as liñas de turbonada son máis habituais nas contornas convectivas. É dicir, as que forman as treboadas propias da primavera e do verán, e máis inusuais durante o inverno. Con todo, a meteoroloxía é tan incerta como cambiante e non se pode descartar a súa ocorrencia nos meses máis fríos do ano.

Publicidade

A isto súmase a imposibilidade de prognosticar un fenómeno tan adverso como a liña de turbonada. Compara a dificultade de previsión coa posibilidade de que ocorra un tornado. “Sabiamos que chegaba unha borrasca moi activa e con ventos moi fortes durante a madrugada, así como con chuvias intensas. De feito, estabamos en aviso laranxa e contabamos con acumulacións de máis de 15 litros nunha hora”, indica Taboada. Porén, este tipo de fenómenos están “fóra da capacidade de predición dos modelos actuais”. Pódese prognosticar que as chuvias van ser intensas, pero non os acumulados máximos que van caer nun determinado lugar. Polo tanto, prever que en 10 minutos caerían 10 l/m2 era un imposible para as ferramentas meteorolóxicas actuais.

A influencia do cambio climático

A liña de turbonada, ademais de ser un fenómeno máis propio doutras estacións do ano, é excepcional. “As chuvias torrenciais en Galicia non é algo que nin moito menos poidamos considerar normal”, sentencia Taboada. Con todo, é prudente á hora de valorar se está a aumentar a frecuencia deste fenómeno en zonas onde é inusual, como o territorio galego. Nun escenario de cambio climático sábese, segundo apunta o experto, que os fenómenos adversos se volven cada vez máis frecuentes. Porén, non se pode sacar unha conclusión clara da frecuencia das liñas de turbonada en Galicia.

Publicidade

“Temos rexistros de chuvia diaria dende hai décadas, pero non de precipitacións cunha resolución tan curta. Tan só temos un período de entre 15 e 20 anos”, apunta o experto, sostendo a dificultade de analizar os datos. “As liñas de turbonada son fenómenos xa de por si raros e é difícil extrapolar o que aconteceu nun só día. Somos xente de ciencia e debémonos aos datos”, aclara. Incide, con todo, en que hai “unha sospeita fundada” de que os fenómenos extremos, como as liñas de turbonada, poderán ser máis frecuentes no futuro. Neste caso, a causa para a ciencia está clara.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas