Os ingresos por gripe en Galicia aumentaron un 55% na última semana

O virus provocou 107 novas hospitalizacións e suman 313 no que vai de tempada

A febre, a dor muscular e a fatiga son tres dos síntomas máis comúns da gripe. Os casos deste virus respiratorio están a aumentar en Galicia segundo a Consellería de Sanidade e agárdase que se acade o pico entre o 20 e o 26 de xaneiro. Así o corroboran os datos do último Informe de actividade das infeccións respiratorias agudas en Galicia: esta semana ingresaron 107 persoas con gripe, un 55% máis que no período anterior. As consultas tamén se incrementaron nun 29%. Con todo, dende Sanidade prognostican que a onda epidémica deste ano se manteña “no nivel baixo de intensidade”.

“Aínda non sabemos como vai ser o pico. Hai que esperar para valorar a virulencia”, indica a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González. A experta traslada a sensación de que hai unha gran cantidade de persoas con arrefriados leves, mais non cun curso grave de enfermidades respiratorias. Porén, cre que é cedo para valorar a tempada de virus, especialmente da gripe, dado que aínda está a comezar o inverno, a estación na que se dan máis casos de influenza. O aumento de contaxios, di González, tamén está relacionado coas reunións familiares e a volta a colexios, universidades e traballos despois das vacacións de Nadal.

Publicidade

O maior incremento, tanto nas hospitalizacións como nas consultas, estase a experimentar nos maiores de 80 anos. En relación aos ingresos, houbo un aumento en todas as áreas sanitarias agás en Ferrol e e Pontevedra. En toda a tempada notificáronse 313 hospitalizacións e a maioría delas, 187, positivas no virus do tipo A.

Modelo de predición da gripe

Todos estes datos pódense recompilar a través do labor de control da Consellería de Sanidade, que recaba a información a través das consultas en atención primaria, de resultados das probas microbiolóxicas para o diagnóstico da gripe e doutros virus respiratorios, como o SARS-CoV-2 e o respiratorio sincitial, e os ingresos hospitalarios. A isto súmase os datos de venda de antigripais das 70 farmacias sentinela que están comezando a operar a ofrecer información para un prognóstico máis fiable.

Publicidade

Segundo o modelo de predición, e tal e como recolle o informe, é esperable que a taxa de consultas aumente nas próximas dúas semanas pero sen que isto implique unha maior gravidade da onda epidémica. “A gripe é un virus respiratorio estacional moi asociado coa época do frío. A vacina deste ano cobre tres cepas e a idea non é evitar os contaxios ou a enfermidade, senón protexer contra a sintomatoloxía grave”, lembra González. Isto mesmo ocorre coas vacinas da covid.

Con todo, aínda non se coñecen os datos totais de vacinación contra a gripe en Galicia. Segundo lembraba o conselleiro de Sanidade esta semana, a campaña remata o 18 de xaneiro e será a partir de aí cando se faga balance. A última actualización da Xunta apuntaba a máis de 760.000 persoas vacinadas fronte á gripe. A taxa nos maiores de 65 anos, a poboación diana da campaña, acada o 75%. Observando os datos segundo as franxas etarias, menos do 50% da poboación de entre 60 e 69 se vacinou; o 70% de entre 70 e 79; e preto do 85% dos maiores de 85 anos. En canto ás embarazadas, a porcentaxe foi de máis do 35%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte

Galicia será pioneira en reforzar a vacina contra a meninxite aos 12 anos a partir de maio

Sanidade incorporará ao calendario vacinal unha dose adicional na adolescencia para reducir contaxios e avanzar na erradicación da enfermidade

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos

África González: “Xa se notan os efectos dos antivacinas: o sarampelo volveu con forza”

A catedrática de Inmunoloxía da UVigo foi a primeira convidada de 'Ciencia en feminino', o ciclo de charlas de GCiencia e da Deputación de Pontevedra polo 8M