Tras as chuvias torrenciais chegaron as xélidas temperaturas a Galicia. Despois dun final de 2024 marcado polas temperaturas suaves e o tempo seco, o novo ano vén acompañado dunha climatoloxía máis propia do inverno. Após as intensas precipitacións e ventos que viviu Galicia a pasada semana, os termómetros baixan de xeito significativo para deixar avisos amarelos en diversos concellos de Lugo e Ourense por temperaturas xélidas que estarán por debaixo dos -4 graos.
O responsable destes xélidos rexistros é un anticiclón centrado en Francia. A masa de aire frío e seco procedente do interior do continente europeo fará que as temperaturas baixen dos cero graos nalgunhas zonas de Galicia. Ante a posibilidade de que os termómetros cheguen a estar por debaixo dos -4 graos, Meteogalicia activa a alerta amarela por baixas temperaturas no centro e sur de Lugo e no sur de Ourense durante este xoves 16 de xaneiro.
Concellos en alerta por temperaturas xélidas
Así, os concellos poderán rexistrar termómetros por debaixo dos -4 graos durante as 12 primeiras horas do día 16. No centro de Lugo as zonas afectadas son: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A), Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba e Xermade. Mais tamén o sur da provincia está en alerta amarela. Concretamente os concellos de Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra do Brollón (A), Quiroga, Ribas de Sil, Saviñao (O), Sober e Taboada.

Na provincia de Ourense, os concellos que poderán baixar dos -4 graos durante este xoves son: Allariz, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Blancos (Os), Bola (A), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Celanova, Cualedro, Entrimo, Gomesende, Laza, Lobeira, Lobios, Merca (A), Monterrei, Muíños, Oímbra, Paderne de Allariz, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz De Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Verín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.
Termómetros semellantes e tempo seco
Durante a madrugada deste mércores 15 de xaneiro Galicia rexistrou “a noite máis fría deste inverno”, segundo afirma a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e as predicións indican que os termómetros manteranse semellantes ao longo destes días. As xeadas e as néboas estarán presentes durante as primeiras horas do xoves en zonas do interior de Galicia e o vento soprará frouxo de compoñente leste con intervalos fortes no litoral do norte.
Mapa de temperaturas mínimas (ºC) desta noite en Galicia.
— AEMET_Galicia (@AEMET_Galicia) January 15, 2025
Até agora, esta foi a noite máis fría deste inverno en Galicia. pic.twitter.com/UBNmIFJjtc
Con respecto ás temperaturas para este xoves e venres, as mínimas estarán en números negativos nas cidades de Lugo e Ourense, mentres que Pontevedra e Santiago poderán estar sobre os dous graos, segundo indica Meteogalicia. Pola contra en Vigo e A Coruña estímase que os termómetros non baixarán moito dos oito e sete graos, respectivamente.
De cara ao venres, Meteogalicia indica que se manterá a influencia do anticiclón europeo, mais as temperaturas mínimas poderán subir lixeiramente. Os ceos manteranse despexados con xeadas no interior e posibles néboas nas zonas de Terra Chá, Lugo, Sarria, terra de Lemos e no Miño de Ourense.