Un estudo da UVigo constata os beneficios de exercicios hipopresivos durante o posparto

As investigadoras realizaron un ensaio para tratar os problemas nos músculos abdominais debido ao crecemento do feto e os cambios hormonais

A pesar de ser empregados con frecuencia na práctica clínica, son escasas as investigacións sobre os exercicios hipopresivos, realizados en apnea con aspiración diafragmática. Co obxectivo de coñecer os seus efectos sobre a diástase de rectos abdominais, que as mulleres poden padecer tras o parto, investigadoras da Facultade de Fisioterapia levaron a cabo o primeiro ensaio clínico dirixido a avaliar os efectos deste tipo de exercicios fronte a esta patoloxía, que pode dar lugar a problemas como dor de costas ou distensión abdominal.

Un artigo publicado na revista científica Plos One recolle os resultados deste estudo do grupo de investigación en Fisioterapia Clínica (FS1), que buscaba comparar as melloras que xeradas por un programa de fortalecemento abdominal baseado nos hipopresivos fronte a outro realizado con “exercicios abdominais clásicos”, explican, constatando que ambos teñen un efecto positivo similar.

Publicidade

Exercicios

As integrantes do grupo FS1 Iria Da Cuña, Eva María Lantarón e Mercedes Soto levaron a cabo este traballo xunto co investigador da Universidade de Lisboa Augusto Gil. Desenvolvido con pacientes de diferentes centros de saúde da área de Vigo, na investigación participaron 28 mulleres de entre 25 e 40 anos, que deran a luz nas oito semanas previas ao inicio do estudo e que realizaron, divididas en grupos, dous programas de exercicio terapéutico de doce sesións dunha hora.

Estes incluían unha serie de exercicios de mobilidade e estiramento comúns, para logo centrarse nun dos casos nos hipopresivos e noutro, en exercicios abdominais clásicos. O obxectivo do traballo era coñecer os seus efectos, tanto de xeito inmediato como unha vez completado o programa, na distancia interrectos, espazo que se corresponde “co tecido conxuntivo que coñecemos como liña alba”, explican desde o grupo FS1.

Publicidade

Os cambios hormonais e as tensións que produce o crecemento do feto sobre a parede abdominal fan que esta distancia incremente durante o embarazo, dando lugar á diástase de rectos abdominais, a separación do ventre dos dous músculos rectos abdominais. Esta situación, explican, resólvese en moitos dos casos de forma espontánea tras o parto, mais cando isto non acontece pode derivar nunha serie de problemáticas. “O estudo confirma a importancia do exercicio terapéutico para a redución da distancia interrectos”, salienta Da Cuña.

Dous programas con efectos beneficiosos

“É o primeiro ensaio controlado aleatorizado que se fai para avaliar os efectos dos exercicios hipopresivos, polo que descoñecíamos os efectos que ían ter”, recoñece Da Cuña respecto dun traballo que buscaba coñecer se algúns dos dous programas resultaría máis efectivo. Os resultados das avaliacións realizadas amosan que ambos conseguían unha redución da distancia interrectos e que, nos dous casos, os beneficios eran maiores no caso daquelas mulleres que viviran cando menos un parto previamente. 

Os resultados desta investigación amosan tamén que, nas medicións en repouso, “a realización dun programa de exercicios abdominais clásicos ten maiores efectos”, o que suxire beneficios “sobre o ton muscularabdominal basal”.

Pola contra, o programa de hipopresivos “mostra maiores resultados” durante a realización dunha “contracción abdominal”, engade Da Cuña. “Isto é importante, porque non só necesitaremos que distancia interrectos diminúa en repouso, senón que se reduza durante as actividades que implican unha hipertensión abdominal e para iso parece que os hipopresivos achegan mellores resultados”, subliña a investigadora do grupo FS1.

Neste punto, pon de relevo que “sería moi importante comprobar os efectos destes programas en mulleres con diástase abdominal patolóxica”, xa que non era o caso de todas as participantes neste estudo e con esa idea, o grupo FS1 continúa coas súas investigacións centradas nesta patoloxía. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais