O xenxibre do Himalaia, unha especie invasora asentada en Galicia: “Debemos actuar xa”

A planta 'kahili' chegou á comunidade hai unha década e xa se identificou en máis de vinte concellos, ameazando a biodiversidade dos distintos ecosistemas

As plantas invasoras ameazan a biodiversidade dos ecosistemas. Algunhas son rechamantes, fermosas, con floracións que fan pensar que non poder ser prexudiciais para outros organismos. É o caso do xenxibre do Himalaia (Hedychium gardnerianum), unha das especies invasoras máis coñecidas a escala mundial e que chegou a Galicia hai unha década, incluso ás Fragas do Eume. Está considerada como unha especie preocupante e a Federación Ecoloxista Galega insta á Xunta a poñer en marcha medidas para erradicala debido a súa presenza en máis de vinte concellos. Pode ameazar a fauna e flora da contorna e incluso degradar a auga e aumentar a sedimentación.

O denominado tamén xenxibre branco, xenxibre hawaiano ou kahili pode alcanzar os dous metros de altura. As súas follas son brillantes e as súas flores de cor amarelo alaranxado con grandes pétalos. Nacen en chans húmidos, pero é unha especie que se adapta a outras condicións atmosféricas, xa sexa á calor ou á sombra. O investigador da Universidade da Coruña Jaime Fagúndez explica que esta planta se propaga de “maneira vexetativa” e aparece en bosques húmidos con gran biodiversidade que se ve alterada pola presenza desta especie. “Non aparece en hábitats degradados, pódese atopar en espazos como as Fragas, nos amieirais ou na marxe dos regatos. Por exemplo, preto dos fentos, que son especies con moito interés de conservación”, explica o tamén profesor de botánica.

Publicidade

O xenxibre branco está considerada especie invasora dende 2013. Foto: Wikimedia

A Hedychium gardnerianum está considerada como especie invasora dende o 2013, cando se publica o Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras nas que figura. Está prohibida a súa introdución no medio natural, así como o seu transporte ou venda. Segundo explicou a Federación Ecoloxista Galega, cando se publicou o ‘Plan Estratéxico Galego de xestión das EEI para o Desenvolvemento dun sistema estandarizado de análise de riscos para as especies exóticas en Galicia’ en 2012, a especie xa estaba presente no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e na contorna do Parque Natural das Fragas do Eume.

Eliminación manual

En Galicia a planta está presente nos concellos de Cedeira, Cariño, Ortigueira, Pontedeume, Valdoviño, Corcubión, Miño, Sada, Carnota, Cee, A Coruña, Muros, Malpica, Ribeira e Porto do Son na provincia da Coruña; Poio, Covelo, Gondomar, Redondela e Bueu en Pontevedra; e Foz e Viveiro en Lugo, sen descartarse a súa presenza noutros lugares. Na opinión dos ecoloxistas, a planta pode aínda erradicarse das paisaxes galegas, por iso piden unha “eliminación manual”; solicitan as medidas de control necesarias para a eliminación dos exemplares da especie que se atopen en parques, xardíns e calquera espazo público ou privado; e a realización de campañas de educación ambiental.

“O xenxibre do Himalaia é unha desas especies das que aínda se poden confinar as poboacións”

JAIME FAGÚNDEZ, investigador da Universidade da Coruña

O profesor Fagúndez explica que Galicia debería contar cun “sistema de alerta temperá” para detectar a presenza de invasoras, así como dunha correcta avaliación de impacto que permita anticiparse. Existe documentación científica sobre especies de entrada potencial que, dende a súa opinión, “deberían vixiarse”. “O xenxibre Do Himalaia é unha desas especies das que aínda se poden confinar as poboacións. Debemos actuar xa. Tampouco podemos asegurar que o comportamento desta especie vaia ser expansivo nos próximos anos”, apunta. Non todas as especies invasoras se comportan da mesma maneira en todos os sitios, por iso, “necesitamos establecer máis evidencia científica para priorizar cales son as especies que teñen que ir de primeiras na lista”, sostén o investigador. A preocupación sobre o xenxibre branco na comunidade científica é un feito, así como doutras especies que se comportan como invasoras ás que lles hai que prestar atención. En lugares de Sudamérica ou tamén nos Azores é unha planta preocupante, e agora fai saltar as alarmas en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha nova planta invasora no encoro coruñés de Cecebre

A planta acuática Crassula helmsii, orixinaria de Australia e Nova Zelandia, adóitase utilizar para decorar e osixenar estanques e acuarios

Unha soa raíña provocou a invasión de velutinas en Europa

Un novo estudo da Universidade de Cork constata que a primeira avespa saltou dende China a Francia en 2004

A mimosa e a unlla de gato modifican as comunidades microbianas do solo que invaden

A investigadora da UVigo Alejandra Guisande centra a súa tese no impacto destas especies invasoras nos ecosistemas atlánticos

A formiga arxentina, unha especie cun “alto potencial invasor”

Chegou hai 100 anos e ten "consecuencias devastadoras" para o medioambiente porque favorece a proliferación de pragas e elimina as especies nativas