Nos últimos anos, a presenza da catorra arxentina (Myiopsitta monachus) en diversos territorios europeos converteuse nun fenómeno crecente que esperta preocupación entre a comunidade científica e a cidadanía. Galicia é unha das zonas que conta con presenza desta especie, aínda que os principais núcleos concéntranse na Comunidade de Madrid, seguida de Cataluña, a Comunidade Valenciana e Andalucía.
De orixe suramericana, esta é unha das especies máis comúns da familia Psittacidae. Habita naturalmente dende o norte de Bolivia, Paraguai, Uruguai e o sur do Brasil ata a Patagonia arxentina. A catorra arxentina prefire sobre todo contornas urbanas, aínda que tamén pode estenderse a zonas periurbanas. Porén, a súa popularidade como ave de gaiola e os numerosos escapes fixeron posible que se asentara noutras rexións do globo, como é o caso de España. Así pois, é considerada unha especie invasora.
Segundo explica María José Servias, profesora de Zooloxía na Universidade da Coruña, esta categoría refírese a “unha especie que foi trasladada fóra da súa área de distribución natural e que, na nova localización, pode sobrevivir e reproducirse”. Neste sentido, a catorra arxentina atopa no sur de Galicia unhas condicións ambientais moi favorables. O problema xorde cando as súas poboacións medran sen control, xa que poden provocar impactos ambientais, económicos e mesmo sanitarios.
A poboación da catorra arxentina en Galicia
Censos, estudos científicos e artigos de prensa informan que se estima que a poboación de catorra arxentina en España podería rondar na actualidade os 40.000 exemplares. O último censo oficial da Sociedade Española de Ornitoloxía do 2021 rexistraba uns 20.000 individuos, aínda que os investigadores advertían daquela que a cifra podería duplicarse arredor do ano 2024.
En Galicia, esta especie está presente dende os anos 90, segundo indica a zoóloga María José Servia. Naquel momento, os primeiros rexistros de exemplares reprodutores localizábanse na provincia de Pontevedra. No ano 2015, un censo realizado en prensa cifraba a poboación galega arredor dos 100 individuos.
Porén, os datos máis recentes amosan unha tendencia crecente. Vigo concentra o maior número de exemplares de Myiopsitta monachus, seguida de Moaña e A Guarda. De feito, segundo un censo elaborado polo Concello de Vigo no ano 2022, detectouse a presenza de 350 exemplares na cidade olívica. “Aínda non hai unha poboación moi importante, pero preocupa o ritmo de crecemento na área de Vigo”, advirte Servia, experta en especies invasoras.
Riscos ambientais: aves autóctonas, niños e cultivos
Aínda que os riscos asociados á catorra arxentina son máis evidentes nas zonas onde as poboacións son máis numerosas, os impactos ambientais xa se deixan notar noutras áreas. Esta especie invasora representa unha ameaza especialmente en tres ámbitos principais: o desprazamento de aves autóctonas, o tamaño dos seus niños e os danos en cultivos.
Esta catorra compite polo alimento e o espazo con outras especies, provocando o seu desprazamento. “Son individuos moi agresivos”, explica María José Servia. Isto supón unha ameaza para a biodiversidade local, especialmente en zonas favorables para o seu establecemento, como a costa de Pontevedra ou a conca do Miño, segundo a Sociedade Española de Zooloxía. Entre as especies máis vulnerables atópase o pardal común (Passer domesticus), en regresión segundo os últimos datos. A consolidación da catorra arxentina no seu hábitat podería agravar o seu declive.
Outro factor de risco son os seus niños de gran tamaño, construídos con pequenas ramas. “Son estructuras comunitarias que poden agochar a varias parellas”, explica Servias. Estes niños, semellantes aos das cegoñas, poden causar danos en infraestruturas como edificios, farois ou árbores, tanto en parques como arboradas.
Ademais, a súa dieta granívora fai que se alimente dunha ampla variedade de sementes e cultivos. Isto é unha ameaza tanto para a agricultura como para outras aves que comparten os mesmos recursos. “Nos medios urbanos o impacto é menos visible, pero nos periurbanos xa se detecta”, engade a experta. No caso do sur de Galicia tamén existe o risco de afectación aos viñedos.
Consecuencias económicas e sanitarias
Os modelos preditivos elaborados por organizacións como a Sociedade Española de Ornitoloxía indican que o hábitat e as características do territorio galego non son favorables para o establecemento da Myiopsitta monachus. Con todo, segundo a zoóloga María José Servias, “é posible que estes modelos estean a infravalorar esta posibilidade”.
Isto implica que a presenza da catorra arxentina en Galicia podería traer graves consecuencias a longo prazo, máis aló do impacto ambiental nos ecosistemas. Entre eles, destacan os posibles efectos económicos, especialmente sobre a produción de cultivos, que dependerá das zonas nas que as poboacións acaden unha maior densidade.
Con todo, o que máis preocupa son as repercusións no ámbito sanitario: “Hai especies, como as ratas, que poden colonizar os niños abandonados polas catorras”, advirte Servias. Estes roedores poden provocar problemas de hixiene e saúde pública, agravando a situación. Ademais, algunhas especies de psitácidos poden ser portadoras de bacterias transmisibles aos humanos, como a Chlamydia psittaci, responsable da psitacosis, unha enfermidade zoonótica.
Outro aspecto que está a xerar debate, segundo a experta da UDC, é a contaminación acústica. “A paisaxe sonora dos nosos parques podería cambiar”, explica, xa que os cantos das aves autóctonas quedarían solapados polos berros da especie invasora. Por iso, a resposta das administracións resulta clave para evitar que a situación se agrave.
Falta de concienciación da administración
En España, a norma vixente establece que as especies exóticas invasoras deben ser controladas: prohíbese o seu comercio, obrígase a limitar as súas poboacións e a retirar os exemplares do medio. Non obstante, a realidade dista moito do papel. “As administracións están obrigadas a xestionar estas especies e deberían facelo no momento en que son detectadas”, sinala Servias, quen lembra que intervir cedo permite aforrar recursos, cartos e problemas.
Con todo, segundo explica a experta, a resposta institucional adoita ser reactiva: non se actúa ata que a cidadanía comeza a queixarse. “A administración só actuará cando os impactos sexan notables e cuantificables”, asegura. Isto fai prever que, ante o ritmo de crecemento actual da especie, a presión social acabará forzando algunha medida.
Servia tamén advirte de que, cando iso ocorra, “o investimento económico será máis controvertido”. A falta de concienciación sobre os perigos que implica a presenza desta fermosa ave, como acontece a miúdo con outras especies invasoras aparentemente inofensivas, dificulta unha resposta temperá.
“Estamos a falar dun vertebrado, non dun insecto como a velutina, que pica e causa alarma”, compara a zoóloga da UDC. Porén, quen mellor coñece o problema son as persoas que viven preto dos niños das catorras e sofren directamente as consecuencias da súa presenza.
Zaragoza: un caso de éxito
“Se hai evidencias de que unha especie invasora pode causar problemas, debería existir unha estratexia nacional para o seu control”, asegura a zoóloga María José Servias. Porén, actualmente non hai un plan específico para frear a expansión da catorra arxentina, polo que as administracións autonómicas carecen dunha guía común de actuación.
En cidades onde a presenza desta ave é significativa, como Madrid ou Sevilla, tentáronse aplicar medidas, pero sen moito éxito. O caso de Zaragoza, en cambio, representa unha excepción. Aínda que a súa poboación de Myiopsitta monachus non era moi elevada, elaborouse un plan específico que incluíu unha campaña de información á cidadanía.
“Foi moi drástico, con medidas que posiblemente non serían aceptadas noutras zonas”, apunta Servias. A estratexia zaragozana consistiu na eliminación directa dos exemplares e no control estricto da súa presenza. Grazas a isto, a poboación reduciuse de 1.000 a apenas 20 individuos, pois sempre queda algún que logra escapar.
A pesar da eficacia, o control de vertebrados suscita controversia. “Non xera o mesmo rexeitamento capturar insectos que disparar a un vertebrado”, reflexiona a investigadora da UDC. Por iso, recoñece que calquera situación require, ademais de planificación, un traballo de sensibilización social.















“Catorra” soa raro, e non está no dicionario academia.gal