Martes 23 Abril 2024

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

A extensión de monocultivos intensivos é a principal responsable do descenso nas poboacións de aves que sufriu Europa nos últimos 40 anos. É o que revela un estudo con participación do CSIC e publicado na revista PNAS. O traballo sinala que a presenza de aves reduciuse un 25% de media, pero o declive achégase ao 60% no caso das especies propias de terreos agrícolas.

En cada país as poboacións de aves diminuíron de maneira diferente segundo as características das súas prácticas agrícolas. Por exemplo, as rexións de Europa occidental, onde as parcelas de cultivos adoitan ser grandes e o uso de pesticidas intenso, sitúanse entre as máis afectadas, fronte aos países do leste, onde estas prácticas non están tan marcadas.

Publicidade

As rexións de Europa occidental son as máis afectadas

Outro caso particular é a conca mediterránea, onde a substitución característica do terreo permitiu manter, polo menos en determinadas zonas, unha paisaxe agrícola en mosaico, con marxes vexetais e de pedra e cultivos combinados con hábitats naturais. “Esta característica das zonas agrícolas españolas axudou a amortecer a perda de aves”, explica Sergi Herrando, investigador do CREAF, do Instituto Catalán de Ornitoloxía e do European Bird Census Council e un dos coautores do artigo.

De acordo co estudo, coa intensificación da agricultura incrementouse o uso de fertilizantes e pesticidas, produtos que eliminan os insectos e outros invertebrados do chan, alimento esencial de moitos paxaros. “Isto obsérvase especialmente na época de cría cando os pitos necesitan moita proteína”, comenta Lluís Brotons, investigador do CSIC no CREAF e outro dos coautores.

O estudo analizou 170 especies observadas máis de 20.000 lugares de 28 países europeos durante 37 anos

Estes produtos tamén contaminan as sementes e, se os paxaros as inxiren, as substancias tóxicas vanse acumulando no seu organismo e poden chegar a provocarlles a morte. Doutra banda, os monocultivos xeran paisaxes homoxéneas, onde se elimina a diversidade de vexetación, de forma que as aves non poden nutrirse de plantas e froitos variados ou buscar refuxio. Os autores alertan que esto non só afecta as especies típicas de áreas de cultivo como a laverca común ou a escribenta amarela, senón tamén a outras especies que van aos cultivos para alimentarse. Entre elas, as que teñen unha dieta baseada en invertebrados, como a andoriña ou as migratorias de longa distancia, como a rula, “en definitiva a maioría de paxaros comúns”, puntualiza Brotons.

O estudo analizou 170 especies de aves comúns, que se observaron en máis de 20.000 lugares de 28 países europeos durante 37 anos. Segundo Stanislas Rigal, investigador da Universidade de Montpellier e autor principal do traballo, “os resultados non deixan lugar a dúbidas, non se trata dun problema local, os efectos prexudiciais de grandes cultivos, fertilizantes e pesticidas esténdense en toda Europa. Necesitamos acelerar a regulación das prácticas agrícolas e implementar modelos máis sostibles”.

Cambio climático

A investigación tamén analizou o peso que teñen o cambio climático, a urbanización e os cambios na paisaxe forestal no declive das especies. Os resultados apuntan o cambio climático como segunda causa do descenso, por detrás da intensificación agrícola, xa que o aumento de temperatura supuxo nas últimas décadas unha perda do 40% das poboacións de aves propias de ambientes fríos e un 18% de hábitats cálidos, “esta diferenza débese probablemente ao feito de que as aves características de latitudes e altitudes altas están menos adaptadas á calor”, aclara Herrando.

Doutra banda, a urbanización posiciónase como terceiro factor, “cada vez hai menos zonas verdes e máis edificación nas cidades” e as poboacións de paxaros en zonas urbanas diminuíron un 28%. Finalmente, os paxaros típicos de bosque decreceron aproximadamente o 18%, un dato que contrasta co aumento de cuberta forestal en Europa durante os últimos anos. Segundo os autores, isto explícase porque os novos bosques teñen menos calidade, é dicir, perderon árbores centenarias e a fauna e flora simplificouse.

“As catro presións humanas que describimos no artigo xa provocaron en conxunto un declive dun 25% do total de paxaros en Europa. O descenso continúa. Para frealo, necesitamos cambios transformadores ás sociedades europeas. Novos pactos políticos como a Lei de Restauración Europea que se está negociando no parlamento europeo pode axudar a impulsalos”, finaliza Brotons.


Referencia: Farmanland practices are driving bird population decline across Europe (Publicado en PNAS)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro