Historia dunha superstición: “Fixen o bautismo anticipado porque estaba desesperada”

Obdulia Pereira relata a súa experiencia nos anos 80 e confirma que este ritual se segue a practicar en pleno século XXI

Din que a fe move montañas. E ante a falta dunha explicación sólida e científica, ás veces recórrese á superstición. Unha das crenzas máis populares e estendidas de Galicia é o bautismo anticipado, unha práctica ancestral e exclusiva do noroeste peninsular que se emprega para protexer a xestación e conseguir que os embarazos cheguen a termo. Malia a clandestinidade coa que habitualmente se practica este ritual, hai quen fala abertamente da súa experiencia. É o caso de Obdulia Pereira, veciña de Lobeira, que se retrotrae a mediados dos anos 80 para contar a súa historia. “Tiven dous abortos pero desexaba ser nai. Sufrín moito, moitísimo, e estaba desesperada”, di Pereira.

Coñeceu o ritual, prohibido e perseguido pola Igrexa dende o século XVIII, a través dunha veciña. Cando soubo que ía volver ser nai, e antes de cumprir os dous meses de xestación, decidiu practicar o bautismo anticipado ante o medo de abortar por terceira vez. Tal e como lle explicara a súa coñecida, e tal e como aparece recollido nun recente estudo do investigador Aitor Freán, para levar a cabo o ritual precísanse tres elementos: un pouco de auga, unha ponte e un cruceiro. Para iso, Obdulia desprazouse unha noite co seu home, a súa sogra e unha tía avoa a un punto próximo ao embalse das Conchas. Colleu auga antes da medianoite e pediulle á primeira persoa que pasou pola ponte despois das 00.00 horas que exercera de madriña da cerimonia. Esta bendiciu o ventre e, despois, botoulle auga por enriba.

Publicidade

Hai mulleres que se desprazan dende Madrid para practicar o bautismo anticipado no embalse das Conchas

Segundo explica esta veciña de Lobeira, o embarazo chegou a termo, pero con complicacións. Estivo a piques de perder o bebé en varias ocasións pero, finalmente, naceu a súa primeira filla, Susanah, en 1986. Uns cinco anos despois volveu quedar embarazada pero abortou por terceira vez. E volveu practicar o bautismo anticipado antes de nacer o seu segundo fillo en 1993. Segundo explica Obdulia, o ritual segue a facerse hoxe en día e é máis común do que se pensa. Esta veciña de Lobeira asegura coñecer varios casos ao seu arredor e, incluso, o dunha muller que se desprazará dende Madrid para realizalo na mesma ponte na que o fixo ela hai 37 anos.

Que hai detrás das crenzas?

O caso de Obdulia non é unha excepción, pero confirma a regra. “Miña nai non é unha persoa mística. Fíxoo por desesperación”, di a súa filla Susanah, quen asegura que tamén practicará o bautismo anticipado se se ve na situación. Malia que ambas falan abertamente do seu caso, non é o habitual. O investigador Aitor Freán, que analizou esta superstición nun artigo publicado recentemente, asegura que se practica na clandestinidade: primeiro, pola aberta persecución da Igrexa; e agora, para evitar as faladurías. De todos modos, o historiador defende que o bautismo anticipado perdeu forza dende os anos 60, ao estenderse a asistencia médica e, consecuentemente, ao desvincularse os partos do ámbito doméstico.

Publicidade

“Os comportamentos supersticiosos proporcionan sensación de control e reducen a ansiedade”

DAVID BUENO, investigador da Universitat de Barcelona

Esta superstición non é única e está lonxe de selo. Outra das máis coñecidas en Galicia vinculada aos embarazos é a lenda das nove ondas da Lanzada. Segundo a superstición, unha muller que recibe no seu ventre o choque de ondas sucesivas ten máis posibilidades de quedar embarazada. E tamén aquí hai historias detrás da superstición que só se poden entender racionalmente a través da neurociencia. Segundo David Bueno, investigador da Universitat de Barcelona (UB), algúns estudos realizados dende a psicoloxía indican que hai certa tendencia a “vincular de forma irreflexiva sucesos concorrentes”. É dicir, que non exista relación causa-efecto entre eles máis alá da “simple casualidade”, segundo explica nun artigo publicado en The Conversation.

“Dende a psicoloxía comprobouse que participar en comportamentos supersticiosos proporciona unha sensación de control, promove unha actitude mental positiva e reduce a ansiedade”, defende Bueno. De aí que haxa momentos de moito estrés e angustia, como poden ser as guerras, onde aumentan os comportamentos supersticiosos entre a poboación. “Sabemos que a adquisición de crenzas supersticiosas se relaciona coa cantidade de dopamina e a eficiencia da súa función”, reafirma o investigador da UB. De maneira que, canta máis dopamina flúa no cerebro, máis propensos somos a percibir patróns de correlación. É dicir, unha causa-efecto detrás da que, probablemente, só se agoche o azar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que asociamos o martes 13 coa mala sorte? A neurociencia ten a resposta

A crenza de que certas cifras traen mala sorte pervive a raíz de influencias culturais e mantén a tendencia á superstición

Bautizados antes de nacer: o ritual exclusivo de Galicia con raíces na Idade do Ferro

O historiador Aitor Freán publica un estudo sobre o rito para protexer os embarazos que prohibiu a Igrexa no século XVIII

Hoxe non é o teu día se tes 'friggatriscaidecafobia'

A aversión ao venres 13 é unha fobia que xa afecta a case 21 millóns de estadounidenses e que se estende polo mundo