Xoves 28 Marzo 2024

A actividade física axuda a contrarrestar o risco xenético do alzhéimer

A capacidade protectora do deporte redúcese segundo avanza a enfermidade, pero non chega a eliminarse de todo e contribúe a retrasar o inicio dos síntomas

Por primeira vez, unha investigación liderada pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) aglutina o coñecemento científico publicado sobre actividade física e a súa relación cun marcador xenético no alzhéimer, a proteína ApoE4. Así, conclúese que a práctica de actividade é máis protectora en estadios iniciais da enfermidade naqueles individuos que presentan ese factor de risco.

Con todo, sinálase na revisión bibliográfica publicada en Alzheimer’s Research & Therapy, que unha vez que o cerebro acumula maior carga de amiloide e factores de inflamación, redúcese a capacidade protectora do exercicio, aínda que non chega a eliminarse.

Publicidade

“En calquera caso, parece que a actividade física si podería contribuír a atrasar o inicio da sintomatoloxía clínica en individuos portadores deste factor de risco xenético”, apunta Jaisalmer de Frutos, investigadora do departamento de Psicoloxía Experimental, Procesos Cognitivos e Logopedia da UCM.

“A actividade física podería contribuír a atrasar o inicio da sintomatoloxía clínica do alzhéimer”

JAISALMER DE FRUTOS, investigadora da UCM

A ineficiencia no transporte de lípidos que provoca a presenza de ApoE4, unida á sobreactivación da resposta inmune cerebral, limita a capacidade da actividade física para exercer o seu efecto protector na xeración de novas neuronas, novas conexións neuronais e a reparación do dano neuronal e vascular no cerebro.

Estudos anteriores non eran moi concluíntes e presentaban en ocasións, contradicións. “Algúns atopan que a inactividade física é particularmente daniña para aqueles individuos que presentan o factor de risco xenético, mentres que outros estudos indican que tanto individuos con risco xenético como sen el se benefician igual, e outros apuntan a que só os que non presentan este risco poden obter algún beneficio e protección”, engade De Frutos.

Exercicio físico como terapia complementaria

Para levar a cabo este estudo, realizouse unha revisión exhaustiva da literatura existente acerca de como a actividade física, e a presenza do factor de risco xenético ApoE4, individualmente e combinados, afectan a unha serie de mecanismos moleculares implicados na neuropatoloxía tipo alzheéimer (acumulación de proteína amiloide e tau, resiliencia neuronal e neuroxénese, función lipídica e alteracións cerebrovasculares, resposta inmune cerebral, metabolismo da glicosa).

Os investigadores estudaron os mecanismos moleculares implicados no alzhéimer

O traballo, declaran os autores, vai máis aló da mera recompilación e resumo de información, integrando os resultados de décadas de investigación nun modelo teórico.

“En ausencia dunha cura podemos polo menos expor a posibilidade de combinar diferentes estratexias de intervención, farmacolóxicas ou non, con programas de exercicio para que se potencien os beneficios da actividade física”, destaca Alejandra García Colomo, tamén investigadora da UCM.


Referencia: How does apolipoprotein E genotype influence the relationship between physical activity and Alzheimer’s disease risk? A novel integrative model (Publicado en Alzheimer’s Research & Therapy)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217

O IDIS e o IIS Galicia Sur investigan a relación entre estilo de vida e deterioración cognitiva no alzhéimer

Biomarcadores en sangue e o uso da intelixencia artificial poderán axudar na detección temperá desta doenza neurodexenerativa

É o alzhéimer un novo tipo de diabetes?

Trátase dunha hipótese aínda non confirmada, pero algúns sinais suxiren que podería existir un vínculo entre estas dúas enfermidades