O James Webb detecta por primeira vez auga nun cometa do sistema solar

Un estudo publicado en 'Nature' confirma a presenza de vapor de auga en 238P/Read, situado no cinto principal de asteroides

O James Webb volve facer historia. Un estudo publicado na revista Nature confirma, por primeira vez, a presenza de vapor de auga arredor dun cometa do cinto principal de asteroides. Isto significa que nesa rexión aínda pode conservarse xeo de auga do sistema solar primitivo. Porén, o achado deriva nun novo enigma: a diferenza doutros cometas, en 238P/Read non se atopou dióxido de carbono.

“O noso planeta está cheo de auga e, polo que sabemos, é único no universo. É todo un misterio: non estamos seguros de como chegou aquí toda esta auga”, declara Stefanie Milam, científica adxunta do proxecto Webb para a ciencia planetaria e coautora do estudo. “Comprender a historia da distribución da auga no sistema solar axudaranos a entender outros sistemas planetarios e se poderían albergar un planeta similar á Terra”, engade.

Publicidade

Esta presentación de datos espectrais destaca unha similitude e diferenza clave entre as observacións do cometa 238P/Read realizadas polo instrumento NIRSpec do James Webb en 2022 e as do cometa 103P/Hartley feitas pola misión Depp Impact da NASA en 2010. Ambos mostran un pico distinto na rexión do espectro asociado coa auga. Atopar isto en Read foi un logro significativo porque confirma por primeira vez a detección de vapor de auga nun cometa do cinto principal. Crédito: NASA, ESA, CSA e J. Olmsted (STScl)

O cometa Read é un cometa do cinto principal, é dicir, un obxecto que reside no cinto principal de asteroides pero que periodicamente mostra un halo e unha cola como a dun cometa. Os cometas do cinto principal son unha clasificación bastante nova, e o cometa Read foi un dos tres cometas orixinais utilizados para establecer a categoría. Antes diso, entendíase que os cometas residían no Cinto de Kuiper e a Nube de Oort, máis aló da órbita de Neptuno, onde os seus xeos podían conservarse ao estar máis lonxe do Sol. O material conxelado que se evapora ao achegarse ao Sol é o que lle confire aos cometas o seu característico halo e a súa cola, que os diferencia dos asteroides.

“Anteriormenta xa viramos obxectos no cinto principal con todas as características dos cometas, pero só con estes datos espectrais precisos de Webb podemos dicir que si, que é definitivamente o xeo de auga o que está a crear ese efecto”, explica o astrónomo Michael Kelley, da Universidade de Maryland, autor principal do estudo. “Coas observacións de Webb do cometa Read podemos demostrar que o xeo de auga do sistema solar primitivo pode conservarse no cinto de asteroides”, continúa.

Publicidade

Falta de dióxido de carbono

A falta de dióxido de carbono foi unha sorpresa maior. Normalmente, o dióxido de carbono constitúe ao redor do 10% do material volátil dun cometa que pode vaporizarse facilmente pola calor do Sol. O equipo científico presenta dúas posibles explicacións para a falta de dióxido de carbono. Unha posibilidade é que o cometa Read tivese CO2 cando se formou, pero que o perdera debido ás cálidas temperaturas. “Estar no cinto de asteroides durante moito tempo podería ser a causa: o dióxido de carbono vaporízase máis facilmente que o xeo de auga e podería filtrarse ao longo de miles de millóns de anos”, explica Kelley. Outra posibilidade é que o cometa Read se formase nunha zona especialmente cálida do sistema solar, onde non había dióxido de carbono.

O seguinte paso é levar a investigación máis aló do cometa Read para ver como se compara con outros cometas do cinto principal, afirma a astrónoma Heidi Hammel, da Asociación de Universidades para a Investigación en Astronomía (AURA), coautora do estudo. “Estes obxectos do cinto de asteroides son pequenos e débiles, e con Webb por fin podemos ver que lles ocorre e sacar algunhas conclusións. Outros cometas do cinto principal carecen de dióxido de carbono? En calquera caso, será emocionante pescudalo”, afirma Hammel.


Referencia: Spectroscopic identification of water emission from a main-belt comet (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

“Aida Fernández Ríos é un exemplo de tenacidade e esforzo”

A actual directora do IIM, Beatriz Novoa, lembra a Científica Galega do Ano e analiza os retos que ten por diante o instituto no seu 75 aniversario

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

Onde están as mulleres? Tan só 26 investigadoras recibiron un Nobel de Ciencia

Menos dun 4% do total dos premios de Física, Química e Fisioloxía e Medicina foron a mans de científicas na historia do prestixioso galardón