USC e UDC desenvolven compostos para atrasar a morte celular en pacientes con trombos

A terapia, resultado dunha colaboración entre equipos das dúas universidades galegas, tamén permite conservar durante máis tempo os órganos destinados a transplantes

Cando se produce un infarto, unha embolia ou un ictus, o tecido afectado morre por falta de osíxeno nunha franxa de tempo que pode oscilar entre minutos, no caso do sistema nervioso, ou algo máis cando se trata de corazón, pulmóns ou músculo. Agora, un equipo mixto da USC e da UDC acaba de desenvolver uns compostos chamados furanoditerpenos, procedentes dunha esponxa de México (Spongia tubulífera), capaces de alongar a vida útil deses tecidos e retrasar así o intre da morte.

Esta terapia, liderada dende o Campus de Lugo polo catedrático Luis M. Botana e que acaba de ser rexistrada a través de patente, pode ser clave á hora de tratar pacientes que sofren un trombo ou mesmo para dilatar o tempo en que os órganos son viables para efectuar un transplante.

Publicidade

A investigación foi desenvolvida por un equipo de oito persoas integrado polo grupo ‘Toxinas mariñas: Mecanismos de Transdución, usos terapéuticos e métodos de detección’ (Farmatox), do departamento de Farmacoloxía da Facultade de Veterinaria da USC, e o grupo de Carlos Jiménez e Jaime Rodríguez da Universidade da Coruña, Química molecular e de materiais (Quimolmat).

Revolución no campo dos transplantes

Os compostos abordados ao abeiro desta colaboración alongan o tempo que tardan as células en morrer ata 18 horas, durante as cales, o tecido pode recuperarse se se aplica o tratamento adecuado. O profesor Botana pon o foco en como este achado pode revolucionar o procedemento dos transplantes de órganos, xa que “agora os órganos consérvanse en xeo con solucións nutritivas, e cos nosos compostos o tempo pasa das catro horas actuais ás dezaoito”, sinala.

Publicidade

Con todo, o catedrático da USC destaca o grande uso potencial que esta terapia pode xerar en pacientes con risco de trombos, “que poderían tomar estes compostos de modo preventivo, ou tras aparecer o coágulo”.

Protección ante o dano por reperfusión

A outra gran vantaxe destes compostos é a súa capacidade para reducir o dano por reperfusión. Cando se produce un trombo, ao dano por hipoxia súmase este dano que xera o osíxeno cando se restablece o fluxo ao tecido. Se o osíxeno volve de modo normal, ese tecido sofre moito debido á produción de radicais libres. Na actualidade, ese efecto fréase aumentando o CO2 en sangue pero, tal e como lembra o profesor Botana, “os nosos compostos reducen o dano por reperfusión de modo notable”.

O catedrático da USC explica que en Australia creouse unha empresa para este tipo de tratamento que usa un veleno de araña, mais actúa nunha fase posterior á do composto de Farmatox, é dicir, cando o dano xa esta iniciado.

O profesor Botana no seu despacho da Facultade de Veterinaria
O profesor Botana no seu despacho da Facultade de Veterinaria. Foto: USC

“Os compostos que acabamos de rexistrar como patente actúan antes de que o dano se inicie, o cal demostra o grande interese que isto pode suscitar á hora de salvar a vida dun tecido e, en consecuencia, dunha persoa”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos