As acacias ameazan os bosques atlánticos: “Producen unha perda clara de biodiversidade”

Unha investigación das universidades de Vigo e Coimbra advirte que a expansión desta especie invasora altera a estrutura da vexetación, a calidade do solo e as comunidades de invertebrados

A invasión de acacias provoca consecuencias críticas para a estabilidade dos bosques da parte atlántica da península ibérica. Mesmo en niveis baixos de afectación, o seu impacto é notable tanto na vexetación como no solo. Así o constatan os resultados dunha investigación realizada por un equipo das universidades de Vigo e Coimbra, liderado por Raquel Juan Ovejero, investigadora posdoutoral do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da universidade viguesa, e recentemente publicados na revista científica Neobiota.

O estudo desenvolveuse na Serra da Lousã, no centro de Portugal, unha paisaxe forestal fragmentada na que conviven plantacións de piñeiros e outras coníferas introducidas, bosques nativos de carballos e castiñeiros, así como matogueiras mediterráneas.

Publicidade

As e os investigadores analizaron como a invasión da acacia mimosa (Acacia dealbata) e da acacia negra (Acacia melanoxylon) altera a estrutura da vexetación, a calidade do solo e da follaxe —en termos de contido de carbono e nitróxeno— e tamén as comunidades de colémbolos, pequenos invertebrados do solo fundamentais para o ciclo de nutrientes e a descomposición da materia orgánica.

Perda de biodiversidade

O estudo da UVigo analizou tamén os efectos en fervenza que estas alteracións poden ter sobre o funcionamento xeral do ecosistema. “A medida que aumenta a cobertura das acacias, diminúe de forma significativa a abundancia de plantas herbáceas e a riqueza de especies, o que se traduce nunha perda clara de biodiversidade”, explica a responsable da investigación.

Publicidade

Ademais, engade, “non só se detectou unha diminución da relación carbono/nitróxeno da follaxe e un incremento do carbono orgánico coa invasión de acacias, cambios que alteran a dispoñibilidade de nutrientes e os procesos de descomposición, senón que tamén afecta a fauna”.

Neste sentido, comprobouse que os distintos grupos funcionais de colémbolos responderon de maneira desigual ás modificacións da follaxe e do solo, o que pon de manifesto “alteracións sutís pero relevantes na dinámica dos ecosistemas”.

Un problema común en Galicia e Portugal

No estudo destacan como as acacias australianas se foron convertendo, de maneira progresiva, nun dos principais problemas ambientais da rexión mediterránea. A súa capacidade para fixar nitróxeno, formar masas densas e desprazar a vexetación autóctona transforma a estrutura e o funcionamento dos ecosistemas.

“En Portugal, a situación é especialmente grave: é o país mediterráneo con maior número de especies de acacias invasoras, favorecidas polo abandono rural e a fragmentación forestal”, subliña Raquel Juan Ovejero. Galicia segue de preto esta tendencia, xa que tamén sofre unha expansión acelerada destas especies.

Segundo explica a investigadora, “estes factores aumentan a vulnerabilidade de bosques e matogueiras, nos que as acacias avanzan con rapidez e provocan perdas de biodiversidade, cambios no solo e maiores dificultades para a xestión forestal”.

Intervención temperá

A investigación conclúe que actuar cedo sobre pequenas poboacións de acacias é clave para frear o seu avance. “As intervencións temperás son máis efectivas, menos custosas e reducen o risco de consecuencias ecolóxicas graves”, subliña categórica Raquel Juan. Con todo, advirte que a xestión require un seguimento continuado, xa que ambas especies contan con bancos de sementes persistentes e poden rebrotar tras perturbacións. A restauración de hábitats nativos preséntase, ademais, como unha ferramenta esencial para reforzar a estabilidade dos ecosistemas e previr novas invasións.

En Galicia e Portugal, as actuacións para conter a expansión das acacias céntranse xeralmente na eliminación manual ou mecánica de plántulas e pequenos rodais, no descortizado ou, cando isto non é viable, na inxección de herbicida en exemplares illados. No caso de masas máis amplas, recórrese ao corte basal, que debe complementarse con tratamentos adicionais: cortes repetidos antes de que os rebrotes superen o metro de altura, aplicación de herbicida sobre os rebrotes cando é factible, ou tratamento químico directo do toco. 

“En todos os escenarios é fundamental garantir un seguimento continuado, dado que tanto Acacia dealbata como Acacia melanoxylon contan con bancos de sementes persistentes e duradeiros e presentan elevada capacidade de rebrote tras o corte ou o lume”, recalca a investigadora. Tamén insiste en que a restauración dos hábitats nativos afectados é unha práctica recomendable, xa que favorece a recuperación dos ecosistemas e contribúe a diminuír o risco de reinvasión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana