Estes son os mapas actualizados das zonas con maior risco de inundación en Galicia

Os ríos Lérez e Garfo ao seu paso por Pontevedra poderían asolagar áreas ambientais protexidas da Rede Natura, bens patrimoniais e afectar a 1.600 persoas, segundo a Xunta

A Xunta de Galicia abriu o período de consulta pública para que, durante tres meses, a cidadanía e as entidades interesadas poidan presentar as súas observacións aos mapas de perigosidade e risco de inundación. Estes mapas delimitan as zonas inundables das Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (Arpsis) da demarcación Galicia-Costa que foron identificadas como novas para o período 2028-2033, ou que sufriron cambios na cartografía dende a súa análise anterior.

Esta iniciativa enmárcase dentro da Directiva de Inundacións do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea, que busca establecer instrumentos que permitan reducir os efectos das inundacións mediante unha xestión coordinada. A aplicación da directiva desenvólvese en tres fases, revisables cada seis anos: a avaliación preliminar do risco de inundacións, a elaboración dos mapas de perigosidade e risco, e a redacción dos plans de xestión.

Publicidade

O primeiro paso deste ciclo foi aprobado o 13 de febreiro de 2025. Neste momento, a Xunta de Galicia atópase na segunda fase: a revisión e actualización dos mapas. A consulta pública céntrase unicamente nos mapas das dúas novas Arpsis fluviais (Ferrol–rego dos Corrais e Oleiros–río Serantes) e na ampliación doutra xa existente (río Anllóns, Ponteceso), así como nas 36 Arpsis procedentes de ciclos anteriores que precisaron ser revisadas por cambios na súa valoración.

As demais Arpsis vixentes para este ciclo 2028-2033, que suman un total de 172 Arpsis fluviais e 28 costeiras, non forman parte desta consulta, xa que manteñen a súa cartografía tal como foi aprobada xa no ciclo anterior (2021-2027).

Publicidade

Que son os mapas de perigosidade e risco?

Os mapas de perigosidade e risco de inundación permiten identificar as zonas nas que as inundacións poden ser significativas e representar distintos niveis de probabilidade de que ocorran. Segundo a Directiva Europea, trasposta en España mediante o Real Decreto 903/2010, existen dous tipos de mapas: mapas de perigosidade e mapas de risco.

Os mapas de perigosidade indican ata onde pode chegar a auga e con que intensidade, utilizando tres escenarios: a alta probabilidade, con inundacións que poden ocorrer cada 10 anos; a media probabilidade, cada 100 anos; ou a baixa probabilidade, cunha inundación cada 500 anos, consideradas de risco extremo.

Os mapas de risco, pola súa banda, derivan dos datos de perigosidade e amosan o que se podería ver afectado en caso de inundación. A Xunta de Galicia calcula nestes mapas o número aproximado de persoas afectadas, os tipos de actividades económicas implicadas, as instalacións industriais e depuradoras que poderían xerar contaminación, e as zonas protexidas, como áreas de auga potable, lecer ou hábitats de especies.

Ríos Lérez, Sar e Mandeo

Dende setembro ata decembro, os mapas de perigosidade e risco estarán sometidos a consulta pública para recoller posibles obxeccións. Na páxina de Augas de Galicia están dispoñibles as 37 fichas de risco de Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación presentadas pola Xunta de Galicia para revisión pública no terceiro ciclo 2028-2033.

Entre as zonas que poderían resultar máis afectadas en caso de inundación destacan os núcleos próximos a grandes cidades. Os ríos Lérez e Garfo atravesan os concellos de Pontevedra e Poio, incluíndo 11,21 quilómetros de tramos de ríos secundarios como Valdecorvo, Pintos, Granda e Berdudc. Segundo Augas de Galicia, esta ARPSI podería afectar a unhas 1.600 persoas e a áreas ambientais protexidas, como a Rede Natura ou diversas masas de auga. Tamén se atopan en risco bens patrimoniais e infraestruturas de protección civil. O caudal extremo do Lérez pode superar os 1.000 m³/s, polo que unha inundación podería ter un impacto económico con perdas estimadas de 177.644 euros.

Ficha de risco de Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación do río Sar, en Bertamiráns. A cor laranxa representa a área afectada en caso de inundación extrema.
Ficha de risco de Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación do río Sar, en Bertamiráns. A cor laranxa representa a área afectada en caso de inundación extrema. Foto: Augas de Galicia

Outro caso é o do río Sar no seu paso por Bertamiráns. Nunha situación de inundación moi grave, o río podería transportar máis de 1.200 m³/s de auga. A zona conta cun histórico de máis de dez episodios de inundación, podendo verse afectados máis de 1.600 veciños, con perdas económicas anuais estimadas en 59.000 euros. Tamén corren risco zonas ambientais e patrimoniais, e practicamente todo o núcleo urbano de Bertamiráns podería verse afectado nun escenario extremo.

Ademais, mesmo vilas máis pequenas poden estar en perigo. É o caso de Betanzos, rodeado polo río Mandeo. Dos 12,34 quilómetros de río analizados, unha inundación extrema podería afectar a 1.252 persoas e xerar perdas de máis de 158.000 euros anuais. O tramo inferior do río entra en espazos da Rede Natura 2000, que se verían afectados en caso extremo de inundación.

ARPSIs con menor impacto

Non todas as áreas con alto risco de inundación supoñen impactos elevados. A pesar de que existen preocupacións, a situación non é grave en todos os casos. Un exemplo é o río Verdugo, en Ponte Caldelas (Pontevedra), cun tramo estudado de 1,73 quilómetros. Este río considérase un punto de risco de inundación, que en caso de catástrofe podería afectar a unhas 51 persoas e unha zona de baño, un impacto moito menor que nos casos mencionados. Ademais, non se identifican industrias perigosas nin patrimonio en risco.

Con todo, o estudo do río Verdugo realizouse ao detalle pola Xunta de Galicia. Nos mapas de ciclos anteriores non se reflectía que inundaba o campo de fútbol de Chan de Barcia, situado á beira do río. Mais as inundacións provocadas polas borrascas Ciarán e Domingos en novembro de 2023 demostraron que o tramo si se asolagaba. Isto obrigou a actualizar os modelos con novos datos de batimetría e hidroloxía, incorporándose agora nos novos mapas da Xunta.

Ficha de risco de Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación do Rego de Santa Maria de Oia. As zonas de cor alaranxada son as que se poderían ver afectadas en caso de inundación, cun certo impacto no Mosteiro de Santa María de Oia.
Imaxe da ficha de risco de Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación do Rego de Santa Maria de Oia. As zonas de cor alaranxada son as que se poderían ver afectadas en caso de inundación, cun certo impacto no Mosteiro de Santa María de Oia. Foto: Augas de Galicia

Outro exemplo de menor impacto é o Rego de Santa María de Oia, ao sur de Pontevedra. Neste caso, só se analizaron 810 metros de río. Unha grande inundación podería afectar a tres habitantes, con danos económicos estimados de 364 euros. Non se vería afectada a Rede Natura 2000, pero si o patrimonio, chegando a influír no Mosteiro de Santa Maria de Oia, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) dende 1931.

Como se xeran estes mapas?

Os mapas de perigosidade e risco elabóranse para todos os tramos fluviais definidos
como Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI)
, delimitadas ao longo dos tres ciclos de planificación da xestión das inundacións.

Nun primeiro momento, créanse os mapas de perigosidade. Para iso, utilízanse modelos do terreo baseados en tecnoloxías como LIDAR, medicións dende drons ou avións, fotos aéreas ou mapas existentes. Ademais, realízase traballo de campo para comprobar in situ o estado de ríos, obstáculos e ribeiras.

A continuación, procédese á análise. Por unha banda, estúdanse os cambios no terreo e os ríos ao longo do tempo, a partir de datos históricos, límites con zonas inundables e rexistros de inundacións pasadas, para definir as áreas de risco potencial. Por outra banda, calcúlase o comportamento da auga: a nivel hidrolóxico determínanse os caudais en cada tramo do río, e a nivel hidráulico, empréganse modelos para saber que áreas se inundan, así como a profundidade e a velocidade da corrente.

A partir destes datos elabóranse os mapas de risco, que se diferencian dos de perigosidade en que non só mostran onde pode chegar a auga, senón tamén que podería verse afectado se ocorre a inundación: persoas, economía, patrimonio e medio ambiente.

O Plan para a xestión do risco de inundación

A última fase do Plan de inundacións consiste na adopción e execución dun programa de medidas en distintos ámbitos territoriais: nacional, autonómico, demarcación hidrográfica e as propias Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación.

Este procedemento forma parte das actuacións da administración hidráulica autonómica para a elaboración do novo Plan para a Xestión do Risco de Inundación (PXRI) na demarcación Galicia-Costa. Inclúe a identificación de 565,7 quilómetros de ríos inundables ante posibles episodios de chuvia intensa e crecidas, así como a toma de decisións que melloren a predición e xestión destes fenómenos. 

Esta catalogación é imprescindible para saber cales son os puntos máis sensibles dentro da conca Galicia-Costa ante eventuais asolagamentos. Co PXRI, Galicia non só coñece mellor as súas áreas de risco, senón que dá un paso firme cara a xestión máis segura e efectiva das inundacións.


Podes consultar os mapas de perigosidade e risco de inundacións na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Onde estaba a túa cidade hai millóns de anos? Descúbreo neste mapa de Panxea

Unha ferrmenta da Universidade de Utretch permite rastrexar o desprazamento das placas tectónicas ao longo do tempo

Galicia será pioneira en reforzar a vacina contra a meninxite aos 12 anos a partir de maio

Sanidade incorporará ao calendario vacinal unha dose adicional na adolescencia para reducir contaxios e avanzar na erradicación da enfermidade

Máis de 2.500 sinaturas esixen á Xunta que declare o salmón “en perigo de extinción”

Cinco entidades ecoloxistas reclaman que a administración galega "asuma a súa responsabilidade" e protexa a especie

Galicia introduce unha vacina de reforzo contra a meninxite B aos 12 anos

O Sergas aplicará unha dose única aos nenos con pauta completa e dúas aos que non a teñan, aínda sen definir a data de inicio da medida