A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou es mércores no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, o acto de ingreso do arquitecto británico Sir David A. Chipperfield (Londres, 1953) como académico correspondente da sección de Ciencias Técnicas. O arquitecto pronunciou o seu discurso de ingreso co título Common Ground (Territorio común), e a laudatio estivo a cargo do académico Pedro Merino, catedrático emérito de Ciencia dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Universidade de Vigo.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu a sesión, á que asistiron numerosos académicos e autoridades, entre eles: o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas; o concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Santiago, Manuel César Vila; a directora de Gain, Carmen Cotelo; o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas.
Tamén estiveron presentes Roberto Tojeiro, presidente do Grupo Gadisa e patrono da Fundación RIA, e Manuel Rodríguez, director da Fundación RIA; así como o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano Alfaya, e os presidentes das delegacións de Santiago e Pontevedra do COAG, Ángel Cid e Anselmo Villanueva. O acto contou, ademais, coa presenza de diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas, familiares e amigos do homenaxeado.
Juan Lema: “Chipperfield está comprometido co futuro de Galicia”
O presidente da RAGC deulle a benvida ao novo académico. Salientou que “o ingreso de Sir David Chipperfield enriquece a Academia e reforza a súa misión de unir ciencia, cultura e sociedade en beneficio do pobo galego. A súa relación fonda e duradeira con Galicia, materializada na Fundación RIA, amosa o seu compromiso coa nosa terra e co seu futuro”. Ademais, puxo de relevo que “a traxectoria de Chipperfield lémbranos que a arquitectura, guiada pola ética e a responsabilidade, é unha disciplina ao servizo da sociedade”.
“A RAGC recoñece non só a un dos arquitectos máis influentes do noso tempo, senón tamén a un pensador, urbanista e cidadán profundamente comprometido cos retos do noso mundo. A súa obra é admirada en todos os continentes pola súa integridade, claridade e diálogo respectuoso co lugar e a historia. Con todo, o que máis nos xera orgullo é que non só é unha voz no mundo da arquitectura, senón tamén unha voz para Galicia, á que ofrece o seu talento por un futuro máis sustentable”, remarcou Lema.
Comunidade científica e iniciativas locais
No seu discurso, David Chipperfield manifestou: “Tras pasar case 35 anos visitando Galicia, hai 8 anos aceptei o reto de considerar os factores que estiveron erosionando a calidade das cidades, pobos e aldeas da rexión nos últimos 50 anos. En todas partes loitamos por atopar un equilibrio entre desenvolvemento e protección. A crise ambiental á que nos enfrontamos obríganos a reconsiderar a forma en que vivimos e a maneira en que tomamos decisións. Como arquitectos e urbanistas debemos ter coidado co porqué construímos, que construímos e onde construímos. Hai 8 anos decidín crear un estudo independente dedicado a estas cuestións: por que o centro desta cidade está cheo de tráfico?, por que hai tantos edificios baleiros e, con todo, seguimos construíndo en chan verde?, por que se están abandonando as aldeas do rural?”.
O novo académico destacou que “as condicións físicas, ambientais, sociais e comerciais que existen en Galicia ofrécenlle unha grande oportunidade para alcanzar os obxectivos de sostibilidade máis facilmente que noutras rexións ou partes do mundo. Esta premisa baséase no feito de que a rexión non está dominada por grandes centros metropolitanos, contén unha elevada proporción de terras forestais, un sistema alimentario produtivo que segue sendo a pequena escala e unha comunidade moi comprometida coas súas calidades naturais e cun gran coñecemento das formas da natureza tanto na terra como no mar”.
“Na tarefa de revitalizar o medio rural comprobamos o soas e desconectadas que están as iniciativas locais e canto necesitan apoio administrativo, xurídico, técnico e científico. Na nosa misión de fomentar e promover estas iniciativas, queremos incentivar a creación e consolidación do que podemos chamar ‘entidades facilitadoras’, que ofrezan apoio ás iniciativas locais, como fai a Fundación RIA de forma pequena e modesta. Gustaríame facer un chamamento á comunidade científica para que se involucre nestes retos e achegue os seus coñecementos para aplicalos en proxectos piloto, como parte dun ecosistema local que poida florecer nun futuro resiliente, sostible e próspero”, salientou.
O arquitecto deixou patente que “a natureza de Galicia non só define o seu carácter, senón que durante moitos anos moldeou á súa xente. Unha poboación que traballou coa terra e o mar durante xeracións ten unha relación especial co seu país. Esta relación vese desafiada polos hábitos modernos e as tendencias globais, pero cremos que esta comunidade, máis que ningunha outra, pode dar exemplo aos demais sobre a importancia de protexer a nosa contorna e comprender que constitúe a base da nosa calidade de vida e da seguridade das xeracións futuras: o noso terreo común”.
Aposta pola conservación da paisaxe
O académico Pedro Merino realizou a laudatio do novo integrante da RAGC. Referiuse á súa “inmensa e plural obra arquitectónica, que abrangue máis de cen proxectos ao longo de máis de catro décadas, conservando unha meticulosa e consistente calidade de deseño baseada na austeridade e a ausencia de artificios. A súa arquitectura busca ser práctica, duradeira e ben construída, con especial atención aos materiais nobres e de calidade”.
Destacou a concienciación de Chipperfield sobre o cambio climático, o que o leva a defender o deseño de lugares que fomenten o transporte público e integren espazos verdes. “Promove a idea de que xa non se trata de construír para fins económicos e turísticos, senón para os propios cidadáns; o crecemento e o consumo deben ser substituídos pola calidade de vida como eixes impulsores da actividade arquitectónica”.
Merino subliñou “a profunda conexión e compromiso” do homenaxeado con Galicia. Nesta liña, indicou que “achega coñecemento espacial e ambiental para conservar e coidar as paisaxes dunha terra que considera o seu segundo fogar. No proxecto que promove e preside, a Fundación RIA, asesora sobre a conservación da nosa paisaxe, agricultura, ecoloxía e tradicións territoriais, co fin de axudar a preservar e estender o noso ecosistema nas vindeiras décadas no contexto dos retos sociais e ambientais globais”.














