Chipperfield: “A Cidade da Cultura? Teño que cuestionar se Santiago necesitaba unha icona”

O Premio Pritzker de arquitectura lamenta "a prevalencia do eucalipto como monocultivo" e pon en duda que a capital galega precise "máis proxección"

Claro, de proporcións equilibradas. Contido, sobrio, sereno. Esa é a descrición de edificios como Literaturmuseum der Moderne, o Museo Fluvial e do Remo de Henley ou dunha casa en Corrubedo. Tamén encaixan co seu creador, David Chipperfield (Londres, 1953). Sobrio, claro, a súa voz resoa na sala. É unha voz grave, profunda e de ritmo calmado. Unha voz que resoa aínda máis nun edificio no que xamais estivera: o Antigo Hospital de San Roque. Curioso e atento, fíxase nas fotografías que colgan da parede, igual que nalgún recuncho da súa casa estará colgado o premio Pritzker que gañou en 2023. E, tamén, captura co seu móbil imaxes de detalles que lle parecen interesantes do edificio, pouco antes de saudar de novo ás persoas que, minutos máis tarde, formalizarán o seu ingreso na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

O seu ingreso na RAGC representa en parte o recoñecemento da arquitectura, non só como profesión, senón tamén como disciplina científica cunha importante dimensión artística. Como valora este recoñecemento?

Publicidade

—Ben, é unha gran honra recibir este recoñecemento. E, por suposto, ten razón, recibir un recoñecemento dunha Academia de Ciencias é algo curioso para un arquitecto. Cuestiona se somos científicos ou artistas. Sospeito, en verdade, que somos un pouco de ambos e tamén de ningún. Pero, claramente, temos unha formación técnica e penso que esa foi a discusión que tivemos. Así que ser recoñecido deste xeito é unha gran honra.

Vostede leva moitos anos conectado con Galicia, particularmente a través da Fundación RIA. Por que Galicia?

Publicidade

—Primeiro, porque foi un lugar de vacacións. Pero logo, despois de tanto tempo, tivemos unha conexión máis próxima da que só é vir e volver. Ademais, organicei o meu ano profesional cada vez máis pasando aquí dous meses, polo menos, do verán. Así que empezou a ser máis que só vir á praia e nadar. Converteuse máis en traer xente do meu estudo, clientes. Así que Galicia e, en concreto, Corrubedo, converteuse nun lugar moi especial.

As cousas que nos atraeran e que nos mantiveron aquí son as cousas que logo chegaron a converterse na base dunha relación máis fonda. E esas eran as calidades que vimos desde o principio. Primeiro de todo, que era un lugar de gran beleza, sabemos iso, e un lugar de gran comida, sabemos iso. Pero tamén penso que porque era un lugar onde, por usar unha frase, as cousas son o que son.

Vivimos cada vez máis nun mundo virtual e nun mundo de aspiracións e nun mundo de querer outras cousas. E encontrei moi refrescante estar nunha comunidade que, dalgún xeito, valoraba o que hai e –calquera que sexan as críticas que a xente de Galicia teña sobre onde vive– finalmente teñen un gran amor por este lugar e hai razóns para iso.

A Fundación RIA creouse pensando tamén no territorio galego. Cal é a súa valoración destes desafíos que afronta en termos de planificación, vivenda e paisaxe?

—Penso que ten desafíos, pero diría que todos os desafíos son relativamente simples comparados con tantos outros lugares. Comezas cunha natureza que é a que deu forma á cultura. A xente viviu do mar e da terra durante xeracións. Pensamos cada vez máis de xeito global na nosa relación coa natureza. E eu diría que Galicia ten un bo entendemento entre a xente normal sobre o que significa a terra e o que significa o mar.

“en Galicia a paisaxe é tan pura e tan forte que os erros parecen aínda peores”

Iso non quere dicir que sempre a protexan: hai danos á natureza. A migración da poboación afastándose do rural é unha especie de dano. A prevalencia do eucalipto como unha especie de monocultivo no bosque é un dano. Estas cousas son danos. Non fatais, pero necesitan ser pensadas.

Agora pensamos na construción e como poderiamos estar danando a terra, nun sentido máis amplo. Por exemplo, pola maneira en que construímos, onde construímos, como construímos estradas, como construímos en terreo verde… Estes son desafíos para a integridade de Galicia, e témolos desde hai 50 ou 60 anos. É o mesmo en todas partes. Só que en Galicia a paisaxe é tan pura e tan forte que os erros parecen aínda peores. Quero dicir, unha vila, unha vila fea nas Rías Baixas parece algo vergonzoso. Pero a xente non fai isto a propósito. É un problema acumulado ao longo de moitos anos. É parte dunha tendencia global de modernización.

Representa toda clase de problemas contemporáneos, pero hai unha oportunidade de reparar eses erros. Esa oportunidade está potenciada pola crise global, polo cambio climático, e polo entendemento de que este tipo de erros non son só erros inocentes en si mesmos, senón que son parte dun abuso do recurso que temos como planeta, e do recurso que Galicia ten.

Como podemos reparar estes erros?

—Primeiro de todo, temos que aceptar que a natureza e a terra son unha especie de tesouro, son o noso recurso natural. Esa é unha das cousas que tentamos facer como fundación, lembrarlles aos galegos que recurso e que tesouro teñen. Forma parte da nosa sociedade contemporánea que sempre traballamos a curto prazo.

Forma parte da nosa sociedade contemporánea que necesitamos crear e favorecer negocios, comercios, e temos que facer cousas con eficiencia práctica a curto prazo. Pero, a nivel global, estamos a decatarnos de que o progreso agora debe anticipar as consecuencias. Sempre que facemos algo, temos que pensar un pouco máis coidadosamente que antes sobre cal é o resultado desas accións. En Galicia é posible demostrar con máis coidado unha aproximación máis contemporánea o que todas as comunidades, todas as partes de Europa, están tendo que aprender.

Mencionou antes o contraste coa paisaxe. En Galicia hai un termo: feísmo. Cre que noutros lugares hai tamén feísmo pero non o vemos?

—Non o vemos tanto. Ademais, non creo que a fealdade sexa a verdadeira crise. É certo que o modo en que fixemos as cousas causou unha fealdade, pero cando o analizamos, non hai dúbida de que este ou aquel ou este outro edificio non é tan bonito. Pero un edificio non arruína o mundo. Eu diría que o que temos que aprender nestes termos e en termos máis amplos, de como coidar o colectivo.

“non é só traer máis turistas para que veñan á nosa cidade, senón coidar a xente que vive aquí”

A maioría destes accidentes son expresións de individualismo ou de preocupacións individuais que descoidan a preocupación colectiva. Se miras unha vila antiga, había unha especie de forma na vila antiga. Todo o mundo quería dalgún xeito ser parte de algo. Nos últimos 50 anos, en todas partes, este proceso foise erosionando gradualmente, e por iso todo é un acto de preocupación individual. Temos que traer de volta a idea do colectivo.

Eu diría que o problema máis grande nestas vilas e cidades non é a fealdade, senón a falta de integridade do espazo público e a atmosfera da vila mesma. As vilas e cidades son lugares sociais. Sempre foron lugares sociais. Agora son espazos de aparcamento. Cada vila está dominada polos coches. Está cortada por unha estrada rápida, dividida en dúas, e todo o mundo está tentando facer unha vida social arredor dos coches. Este é o maior dano que aconteceu. Penso que temos que reparar a integridade das vilas, non só polos edificios, porque xa están feitos. Non podemos derrubalos e facelos bonitos, pero podemos traer de volta algún tipo de coherencia á idea da aldea, á idea da vila, e ao lugar que nos dá calidade de vida.

Por exemplo, Pontevedra.

—Si, é un gran exemplo. Se conduces cara a Pontevedra, pode chegar a parecer algo fea. Quero dicir, do outro lado do río, hai moitos edificios novos que son horribles. Pero se vas ao interior, polas razóns exactas que falamos, creo que a administración, hai moitos anos, tomou unha decisión moi valente non de afastar os coches, senón só de afastar o aparcamento. É moi intelixente.

A partir dos anos noventa, a Xunta decidiu investir en grandes edificios. Por exemplo, a Cidade da Cultura. Cal é a súa opinión sobre proxectos como este?

—Houbo un período desde finais dos oitenta, noventa, comezos dos 2000, cando había unha gran excitación sobre o modo no que novos edificios, edificios icónicos, podían promover empresas, museos e cidades. Vimos unha cidade industrial como Bilbao converterse de repente nunha cultural. Moitos alcaldes e políticos entusiasmáronse. Algúns deles foron moi necesarios e moi útiles, e outros menos. Sobre a Cidade da Cultura? Teño que cuestionar se Santiago necesitaba unha icona.

—Cada cidade precisa algo diferente.

—A medida que avancemos, esta tendencia de facer edificios icónicos será cada vez menos apropiada pola forma de usar os nosos recursos. O que precisamos facer non é só traer máis turistas para que veñan á nosa cidade, senón coidar a xente que vive aquí.

Sabemos que temos unha crise de vivenda en todas partes. Eu diría que Galicia está menos exposta ca moitas, pero aquí tamén escoitas moitas queixas sobre que o prezo dos alugueiros sobe e que é demasiado caro vivir no centro. Precisamos abordar a calidade de vida do cidadán, máis que proxectar unha imaxe do que é a cidade, e especialmente Santiago. Santiago non precisa máis proxección.

E que valores ou leccións pensa que Galicia pode ofrecerlle ao mundo en termos de planificación e de sustentabilidade?

—Xusto o que acabamos de mencionar: manter a calidade de vida da xente común. Iso significa asegurarse de que todos teñan un bo lugar para vivir e que os alugueiros sexan accesibles e non sexan dispares cos ingresos; asegurarse de que as vilas e cidades e os espazos públicos das nosas vilas e cidades sexan sociais e agradables para vivir; asegurarse de que teñamos escolas para os nosos fillos, parques, esas cousas… Estas son cousas moi alcanzables en Galicia. Están aquí. Só se trata de asegurarse de que non se perdan máis por erros, que non son erros a propósito, por definición.

Planificar o progreso e protexer o entorno é bastante difícil de conseguir. O goberno ten a responsabilidade de aumentar o rendemento comercial da rexión e desenvolver as súas industrias e economías. É unha enorme responsabilidade que o goberno ten que asumir. Hai 30 anos non había outra responsabilidade. Ese é o problema. Agora o goberno ten unha segunda responsabilidade. Mentres progresas, non destrúas todo o demais. Ese é un novo requisito para todos os gobernos. Iso é difícil, porque antes, se necesitamos unha nova fábrica construímola. Necesitamos unha nova estrada? Construímola. Agora a xente di: teña coidado, porque cando construímos esa estrada, destrúenos.

“Galicia xa é un modelo para a sostibilidade”

Entón, como fas algo no medio? Porque se dis, non, non, non podes facer iso, porque iso arruina isto, non tes progreso. Ao mesmo tempo, temos que ter coidado con que o progreso sexa a única medida, porque o que aprendín na miña vida é que a idea de progreso cambiou.

Cando eu medraba, estaba claro que era o progreso. Era o seguinte, cousas novas. Beatles, bos restaurantes, viaxes, turismo. Todo era cada vez máis excitante. Progreso, progreso, progreso. Agora, todo o mundo pensa: estragamos moito con este progreso. Explotamos cousas. Danamos o noso medio. Danamos a nosa natureza. Danamos o noso planeta. Por pensar que o progreso é só avanzar. Así que en Galicia, penso que hai unha oportunidade para medir o progreso. Máis ca noutros lugares, aínda hai un sentimento profundo pola tradición. Todo o mundo prefire… Se preguntas a calquera galego sobre a comida, queres isto ou aquilo? Se é de aquí, quéroa. É o peixe de aquí ou é deÉ este tomate de alí… Obviamente é unha xeneralización, pero é bastante interesante que a xente de aquí queira as súas propias cousas. E tamén tenden a querer, en termos de comida, comelas cando se deben comer.

Non comes pementos en decembro. Non o esperas. Non tes sardiñas en febreiro. Non o esperas. En Londres, non terías nin idea. Sempre me sorprende cantos galegos pasan as súas vacacións de verán en lugares pouco comúns e, por que non?

É realmente interesante que, comparado con tantas sociedades nas que a xente pensa cando falamos de actitude sustentable, Galicia ten máis oportunidades ca a maioría. Porque se realmente imos atopar sostibilidade, non é cambiando as fiestras ou poñendo paneis solares no tellado. É consumindo menos, viaxando menos, facendo menos cousas, sendo individualmente máis modestos. E eu diría que é unha especie de actitude galega. Por iso síntome tan positivo respecto a Galicia. Porque está aquí. Coidar Galicia, coidar a súa natureza, coidar a súa produción de alimentos, deter a industrialización da produción de alimentos, protexer a calidade de vida, protexer a comunidade, Galicia xa é un modelo para a sostibilidade.

Como ve o futuro da profesión arquitectónica?

—Penso que pasamos por un período de consumismo e mercadotecnia. Vémolo por todo o mundo, por exemplo coa comida. Estamos consumindo comida que realmente non precisamos. Facemos mercadotecnia de comida para que a xente consuma comida que non necesita. Estamos producindo edificios moitas veces que non precisamos. Non é o caso de Galicia, pero falo de Londres.

Unha enorme cantidade dos edificios son proxectos de investimento, nada que ver co que precisamos. Penso que temos que facernos mellores preguntas. A profesión da arquitectura vai pasar de ser unha especie de parte da industria da mercantilización, producindo cousas que podes mercar, no mercado. Penso que nos afastaremos, ou parte da profesión se afastará, dunha actitude motivada polo mercado a unha actitude motivada polo social. Noutras palabras, comezar a facer máis preguntas sobre como podemos mellorar o ambiente, o ambiente físico e natural, e o ambiente social. Penso que ese é o noso deber.

A pregunta é: quen paga por iso e como o traballamos? No caso da Fundación RIA, está ben porque é auto-motivada, independente, e, dalgún xeito, pouco realista. Págoo eu ou atopo maneiras de pagalo. Pero se tivese 30 anos, non podería comezar un estudo con esta base. Podo comezalo pola miña carreira e a miña reputación. Así que é un pouco máis fácil para min, pero esa é unha das cousas que queremos demostrar na fundación.

Temos agora 20 arquitectos que non están deseñando edificios, senón traballando na comunidade, no rural, nas comunidades da montaña, no Barbanza. Están axudando as comunidades con cuestións que son importantes para elas. Creo que como profesión afastarémonos un pouco dos edificios brillantes e retrocederemos un pouco máis a onde estabamos hai 100 anos, pensando máis en como protexer o medio e como asegurar que o medio contribúa á calidade de vida e á nosa seguridade.

3 COMENTÁRIOS

  1. Sempre son de agradecer ássabias reflexións de Mr. Chipperfield.
    Quixera centrarme en varios aspecto. A natureza e a terra son un tesouro pero o goberno (eu diria desgoberno) do PP de G fai todo o contrario. Aqui a Xunta implanta e fomentase a implantación de eólicas masivamente, cargandos a terra e a nosa paisaxe. Curiosamente Galicia saca pouco desta masiva implantación porque dase a paradoxa dee que incluso estas multinacionais enerxéticas pagan os seus impostos en Madrid e Madrid que recibe a maior parte da enenrxía producída en Galicia carece de eólicos.
    Ten razón este arquitrecto en denunciar o monocultivo de eucalipto, e engado, a politica forestal da Xunta é nefasta e boa probas desto témolo na multitude de incendios que asolaron, sobre todo este ano, Galicia.
    Tamén debo darlle a raz.on cando dí que non é traer ,cada ano as vilas e cidadades, máis e máis turistas. Hai que coidar aos cidadáns que vivimos nelas , aspecto que no se fai por parte das administracións.
    Podería seguir pero que outra xente opine.
    Grazas Mr. Copperfield por esas opinións dan de sentido común.
    Os galegos como sociedade estamos cargandonos o noso país porque hai que compatiblizar progreso con conservación da nosa terra e dos nosos ecosistemas.

  2. O que era guai é que abra un paso desde a Virxe da Cerca ata o parque de Belvís, como parece que quedou en facer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño