Martes 23 Abril 2024

O novo centro GaiásTech aposta pola atención ás empresas e profesionais das TIC

Coordinará a rede de nodos tecnolóxicos nos que colaboran as administracións e o sector privado

A recente apertura do centro GaiásTech na Cidade da Cultura de Galicia marca un fito para a atención ás preto de 4.000 empresas tecnolóxicas do sector na comunidade e a máis de 24.000 profesionais das TIC existentes en Galicia. O obxectivo principal desta nova infraestrutura é servir como espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e concentrar coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, administracións e sociedade galega. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) deseñou e executa a actividade deste novo centro, que é o resultado dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O novo centro, que se atopa no Centro de Emprendemento do Gaiás, dispón dun espazo de inmersión interactivo e coa superficie proxectada, orientado a experiencias de realidade virtual. Conta tamén con salas de ideación con equipos interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos. Nesta ligazón pode accederse a un vídeo no que se resume ás características deste novo centro.

Publicidade

Entre os ambiciosos obxectivos que ten GaiásTech figuran visibilizar o xeito no que as tecnoloxías disruptivas permiten crear propostas de valor, facilitar a co-creación de solucións innovadoras, propiciar un entorno para a retención e captación de talento, axudar a crear un hábitat inclusivo no ámbito dixital e, por último, facilitar a chegada de coñecemento a nosa sociedade operando como centro de experimentación dixital.

O novo centro ofrece servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software na nube, demostracións de solucións tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas. Incorpora tamén un servizo de vixilancia tecnolóxica para a identificación de tendencias dixitais.

GaiásTech funciona ademais como un centro de asesoramento que pon á disposición de industria e do coñecemento espazos para experimentación con equipos de realidades virtual e aumentada. O centro conta cun  “xemelo” dixital no que se localiza a axenda tecnolóxica da Galicia e que dispón dos seus propios espazos virtuais e actividades e permite a participación non presencial.

O centro será un dos escenarios para a posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, especialmente do seu eixo transversal, que ten o obxectivo de promover a especialización tecnolóxica a través do reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais de Galicia.

GaiásTech é o espazo dende o que se coordina a actividade dos nodos tecnolóxicos de Galicia, baseados na colaboración público privada e que aliñan a estratexia de transformación dixital galega coa europea e española. Os nodos están formados polas administracións, as institucións de referencia e as empresas implicadas no desenvolvemento de tecnoloxías como o 5G, a Intelixencia Artificial ou a Ciberseguridade.

Ademais de ofrecer soporte e asesoramento especializado aos sectores tecnolóxicos, o GaiásTech divulga o mapa de capacidades dixitais de Galicia. Entre os seus obxectivos está tamén o de fomentar e atraer o talento dixital.

O inicio da actividade do GaiásTech coincidiu coa posta en marcha por parte da Xunta de dúas plataformas na web que reflicten a transformación dixital da sociedade galega, e ofrece información sobre as utilidades prácticas e solucións que proporciona este proceso.

GaiásTech ofrece asesoramento especializado ao sector tecnolóxico e trata de fomentar e atraer o talento dixital a Galicia

O novo centro e as súas actividades e servizos pódense coñecer a través da plataforma gaiastech.xunta.gal, que centra os seus contidos no impulso do ecosistema dixital galego. Pola súa banda, a plataforma dixiterrae.xunta.gal ofrece á cidadanía información sobre o proceso de transformación dixital e facilita o acceso e o coñecemento sobre os recursos e ferramentas dispoñibles.

Grazas a estas iniciativas, o GaiásTech configurase como o elemento central do ecosistema dixital de Galicia e aspira a crear espazos de integración e inclusión dixital e de desenvolvemento persoal do talento dixital galego. O obxectivo final é que a tecnoloxía sexa un vector do cambio nas organizacións e que éstas poidan dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios

A incorporación de maiores a Internet aumenta en Galicia máis dun 15%

Un estudo elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información reflicte a redución da fenda dixital