Unha viaxe virtual polas grandes voces da lírica galega grazas á realidade aumentada

A USC e o CESGA crean unha exposición en homenaxea a destacadas cantantes galegas do século XIX e XX que se pode visitar dende a casa

Unha das moitas cousas que perdura na historia universal é a música, xa sexa pola súa tradición popular, a través de rexistros ou representacións, melodías que se escoitaban no século XV ou no XVIII continúan soando nos tempos actuais. Dentro da inmensa variedade de estilos que teñen relación con Galicia, existe un que se mantivo vivo grazas ao traballo e relevancia de grandes figuras e incontables proxectos máis ou menos modestos: o canto lírico. Esta disciplina levou a numerosas artistas galegas a viaxar polo mundo e así espallar o seu talento interpretativo e a súa singular voz. Nomes como Ofelia Nieto e a súa irmá Ángeles Ottein ou Carolina Casanova de Cepeda deixaron unha gran pegada neste ámbito e grazas a un proxecto Universidade de Santiago (USC) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é posible mergullarse nas súas vidas e as doutras moitas mediante unha viaxe virtual.

A través da exposición ‘Cantantes Líricas Galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África’ –que ata o pasado 16 de novembro atopábase no Salón artesoado do Colexio de Fonseca– dáse a coñecer a vida de 23 mulleres que deixaron a súa pegada neste eido artístico. Utilizando a realidade aumentada e virtual e a intelixencia artificial xenerativa, a área de Elearning do CESGA creou un espazo de exposición cun gran decorado teatral para facer posible esta visita virtual e inmersiva sen ter que saír da casa.

Publicidade

Realidade aumentada en 360º

Este espazo recolle boa parte dos materiais da exposición física e conta cun conxunto de actividades didácticas interactivas que permite “xogar” e coñecer a fondo non só a historia destas 23 cantantes líricas, senón tamén diferentes aspectos da propia disciplina, como os tipos de tesituras vogais. Todo isto a través dunha realidade aumentada que permite ao visitante moverse en 360º pola exposición.

Así, dáse a coñecer grandes historias da lírica galega como a de Ofelia Nieto (1898-1931) , filla de Xosé Nieto, un notario compostelán que inspirou o famoso personaxe de “Nietiño” da novela La Casa de la Troya. Nada no seo dunha familia afeccionada á música, cunha irmá que tamén foi unha célebre figura deste eido, Ángeles Ottein, fixo o seu debut no Teatro Real de Madrid coa estrea absoluta de Maruxa de Amadeo Vives, onde tería un papel protagonista. O éxito da súa interpretación fixo que fora contratada de inmediato para intervir en Die Walküre (A Valquiria) de Richard Wagner, iniciando así unha gran carreira internacional por Europa e América.

Publicidade

Galegas en grandes óperas europeas

Tamén se da a coñecer a vida de Ángeles Ottein (1895-1981) quen, tras viaxar por Europa e América interpretando a Rosa na estrea de Maruxa, fixo papeis principais de grandes óperas como Il Barbiere di Siviglia (O barbeiro de Sevilla), La traviata (A traviata) ou Die Zauberflöte (A frauta máxica).

Entre outras moitas historias de artistas como Enriqueta Brandón, Mary Isaura, Maria Pardo Trapote ou Carolina Casanova de Cepeda, quen interpretaría unha gran variedade de roles de óperas de Verdi, Mozart ou Wagner, tamén se fala da existencia dunha escola lírica galega dende finais do século XIX, partindo de figuras como Bibiana Pérez e o seu marido Lorenzo Simonetti.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura

⁠Algas e microalgas: o tesouro biotecnolóxico que agocha o mar galego

O centro tecnolóxico ANFACO presenta en BioSpain o seu aproveitamento da biomasa mariña para crear novos ingredientes