A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i

Identificar e apoiar futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i. Esté e obxectivo do concurso de vídeos Youtubers Científicos creado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo (UVigo), que vén de convocar a súa cuarta edición.

A través dun vídeo curto instrutivo, as persoas participantes deberán dar visibilidade ao seu traballo ou a outro tipo de contidos de interese científico ou tecnolóxico que consideren relevante para a sociedade. Como novidade nesta edición, á xa tradicional categoría para persoal investigador, engádese unha nova modalidade para alumnado da ESO e Bacharelato.

Publicidade

Bases dos premios

No que se refire á categoría para persoal investigador da UVigo, poderán presentarse vídeos divulgativos cunha duración máxima de dous minutos, en formato mp4 e gravado en horizontal. As pezas deberán versar sobre algunha investigación, proxecto ou contido científico ou tecnolóxico, tanto en galego como en castelán e poderán empregarse toda clase de elementos que enriquezan a presentación do contido, ilustren ou axuden a captar a atención da audiencia.

No que se refire á nova modalidade para alumnado de ESO e Bacharelato, deberán ser vídeos dun minuto que respondan á cuestión de por que a ciencia é relevante para a sociedade.

Publicidade

Prazo de presentación

O prazo de presentación das propostas en ambas categorías abrirase entre o 13 de decembro e o 13 de xaneiro de 2025. Unha vez pechado o prazo, os vídeos recibidos subiranse á canle de YouTube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo, para a súa difusión e valoración por parte do público. Os vídeos de cada categoría que teñan máis ‘gústame’ partirán de 10 puntos na valoración por parte do xurado.

As pezas premiadas serán seleccionadas por un xurado formado por un mínimo de tres persoas expertas en diferentes áreas de coñecemento, unha delas especialista en comunicación, que valorarán a creatividade, os contidos e calidade técnica dos vídeos, ademais da valoración previa do público. Haberá un premio por categoría e ambos consistirán en cadanseu kit de produtos de iniciación para elaboración de vídeoblogs. A decisión do xurado, que se anunciará o 24 de xaneiro, atenderá a criterios relacionados co contido, a creatividade e a calidade técnica das pezas audiovisuais.

As propostas deben enviarse a ucc@uvigo.gal indicando no asunto: Participación no concurso de vídeos Youtubers científicos. No corpo do correo será necesario indicar o nome e apelidos completos, DNI e un teléfono de contacto.

Formación previa

Para poder capacitarse e realizar un audiovisual impecable, o persoal investigador da UVigo poderá participar nunha formación previa os días 10 e 13 de decembro. Esta actividade servirá para coñecer as ferramentas, materiais, procesos e consellos para facer vídeos divulgativos accesibles e rigorosos para publicar en redes sociais como YouTube e TikTok.

Na xornada do día 10, Iago Gordillo, creador de Recuncho Gamer, abordará os aspectos técnicos relacionados coa gravación, edición e publicación dos vídeos. Na segunda xornada, Ricardo Moure, divulgador científico, guionista e showman, levará a cabo unha masterclass sobre contidos divulgativos para redes. As prazas para esta formación son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición nesta ligazón.

Esta iniciativa forma parte do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Revolución cuántica dende Vigo: así será a cátedra de computación óptica

A iniciativa da UVigo, co apoio de Zona Franca, crea un laboratorio pioneiro para desenvolver microprocesadores baseados en fotóns e transferir ao tecido empresarial galego

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM