Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Lavas compulsivamente as mans. Temes coller unha infección e cada vez que tocas algo que asumes que está contaminado o mellor remedio é auga e xabón. A túa rutina cada vez que saes da casa é apagar e acender o interruptor da entrada 16 veces. É a única maneira de protexer a túa irmá dunha morte segura nun accidente de coche. “O trastorno obsesivo compulsivo (TOC) é un dos trastornos psiquiátricos máis incapacitantes que hai”, asevera a doutora en Neurociencia e Psicoloxía Clínica María Tubío-Fungueiriño. Moitos pacientes inician longas peregrinaxes ata atopar o tratamento axeitado pero esa busca é moi complexa, pode tardar anos e xera gran desesperación. Agora, un estudo publicado por Tubío-Fungueiriño propón un algoritmo capaz de afinar o tratamento farmacolóxico máis axeitado e personalizado para o paciente de TOC, atendendo ás súas características.

“O noso obxectivo é promover o benestar dos pacientes reducindo os tempos de probas. O noso algoritmo aínda non está implementado pero a súa fiabilidade é bastante boa”, describe a investigadora do grupo de Medicina Xenómica liderado por Ángel Carracedo dende o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC). O estudo nace da colaboración entre o CiMUS, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Hospital de Bellvitge, en Cataluña.

Publicidade

Unha peregrinaxe de meses… e incluso anos

O TOC, segundo a Consellería de Sanidade, ten unha prevalencia de entre o 2% e o 3% entre a poboación xeral. Tubío-Fungueiriño asegura que é un trastorno tan diverso como as persoas que o presentan, polo que a resposta ao tratamento tamén vai ser moi variable. A primeira pauta a seguir sería psicolóxica, cunha terapia cognitivo-condutual combinada con psicofármacos. En concreto, con inhibidores selectivos da recaptación de serotonina (ISRS) que, aínda que son antidepresivos, teñen unha eficacia de entre o 40% e o 60% para os pacientes de TOC. Pero a pregunta está en que acontece cando este primeiro paso non funciona.

“Se o doente non responde a esta pauta hai que ir probando outros grupos farmacolóxicos. Pero para saber se cada un deses grupos é eficaz, teñen que pasar 12 semanas”, explica a neurocientífica. Polo tanto, ata escalar ao nivel 5 —o máximo antes da valoración dunha cirurxía— o paciente espera durante meses, e incluso anos, a que un tratamento poida paliar o seu sufrimento. “Xera moita desesperación. Só buscan ter unha vida o máis normal posible”, indica Tubío-Fungueiriño. Precisamente por isto, co obxectivo de aforrar dor e espera, o equipo do CiMUS deseñou en colaboración co CiTIUS un algoritmo capaz de orientar o médico na escolla do mellor tratamento segundo as caracteríticas de cada doente de TOC.

Publicidade

Como funciona o algoritmo?

“O algoritmo non é unha solución, pero si unha axuda. Ti metes información sobre o paciente como, por exemplo, o funcionamento da súa función executiva, da súa memoria, a súa flexibilidade cognitiva, como estaba clinicamente ao inicio do tratamento, se ten un TOC máis severo ou máis leve… A partir de aí, o sistema emite a súa propia recomendación”, explica a investigadora do CiMUS. Se o algoritmo cre que con determinados parámetros os ISRS non van funcionar, iso permitiría saltar unha fase do longo percorrido farmacolóxico e probar con outro que, talvez, sexa máis eficaz.

Un estudo pioneiro

O estudo da USC é pioneiro, dado que ata o de agora non se deseñara ningún algoritmo que incluíse o tratamento como variable de entrada. O obxectivo fundamental é atopar da maneira máis rápida posible a opción que mellor se adecúe ás circunstancias do doente e, sobre todo, aforrar os efectos secundarios dalgunhas terapias, como os ISRS, se realmente non son efectivas. “Os principais son a boca seca, as afectacións do estado de ánimo, o esgotamento emocional, a perda de enerxía, o aumento ou perda de peso… Todo impacta na vida do paciente”, lamenta Tubío-Fungueiriño. E máis aínda se o tratamento que está a provocar os efectos secundarios non é o axeitado para mellorar o seu TOC.

A investigación liderada dende o CiMUS é realmente unha proba de concepto. Está, por tanto, nos seus estadios iniciais. No estudo participaron 135 pacientes da Unidade de TOC do Hospital de Bellvitge. “Agora o ideal sería contar con máis participantes e introducir máis variables, como o pretramento e o postratamento”, indica Tubío-Fungueiriño, abrindo a posibilidade a novas liñas de investigación. Con todo, a investigadora indica que os doentes cos que traballaron no estudo teñen un TOC máis agravado, dado que están na unidade hospitalaria. O interesante, segundo ela expresa, sería traballar con pacientes que viven dentro da poboación xeral. Con limitacións, pero cos seus traballos, coa súa casa e coa súa asistencia regular a sesións de terapia.

Cando só se pode recorrer á cirurxía

Máis alá dos fármacos, entre un 20% e un 40% dos pacientes con TOC grave non responden aos tratamentos e a única opción para mellorar a súa calidade de vida é a cirurxía. “Ese sería o último nivel, cunha intervención cirúrxica na que se implante directamente no cerebro unha serie de moduladores nas áreas afectadas polo TOC”, indica, pero subliñando que isto só se aplicaría ao trastorno resistente aos medicamentos.

En febreiro deste ano realizouse a primeira cirurxía en Galicia a unha paciente con TOC. Unha muller de 51 anos someteuse á operación no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e segundo expresaron os cirurxiáns que a trataron no momento, esta técnica “rexistra mellorarías dun 70% nos doentes”. A operación, que “foi un éxito”, consistiu nunha neuroestimulación cerebral profunda co obxectivo de reducir ao máximo a sintomatoloxía da paciente cambiando a actividade cerebral de maneira controlada.

Persiste o estigma do TOC?

Tubío-Fungueiriño leva anos investigando o TOC e, de feito, a súa tese de doutoramento centrouse neste trastorno. “Caracterízase por obsesións e compulsións como imaxes e pensamentos tan intrusivos como indesexados que aparecen de forma repentina e causan moita ansiedade”, define a investigadora. A única forma que os doentes cren que teñen de frear eses pensamentos é mediante compulsións. Por exemplo, o lavado intensivo de mans. Mais tamén poden non verse, como o rezo constante, contar números mentalmente ou ler palabras do revés. A boa nova é que dende a publicación da quinta edición do manual diagnóstico dos trastornos mentais, o TOC xa ten unha categoría propia xunto a outros trastornos relacionados coa impulsividade. Ata o de agora, estaba dentro dos trastornos de ansiedade.

“Hai un prototipo moi claro de persoa con TOC. Aquela que ten compulsións de orde, lavado ou limpeza. Pero non se adoitan ter en conta as obsesións que van por dentro”, sostén Tubío-Fungueiriño, en referencia a aquelas compulsións que non se manifestan de maneira física, senón mental. A investigadora do CiMUS insiste en que este trastorno ten unha gran afectación na vida diaria do doente. “Sofren moito e teñen serias dificultades para levar unha vida normal. Quen vai contratar a alguén que chega catro horas tarde ao traballo porque estivo facendo os seus rituais?“, reflexiona. Tubío-Fungueiriño pide máis psicoeducación ao respecto. Pero tamén se precisa máis ciencia. Neste caso, ferramentas como as deseñadas dende a USC que buscan acurtar os prazos, mellorar a calidade de vida e reducir esa dor inmensa do paciente con TOC.


Referencia: Prediction of pharmacological response in OCD using machine learning techniques and clinical and neuropsychological variables (Publicado en Revista Española de Psiquiatría e Saúde Mental)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC participa no deseño dun sistema de alerta temperá de toxinas na auga

O obxectivo é predicir a aparición e a propagación dos tóxicos usando intelixencia artificial, modelización matemática, nanosensores e teledetección

Un equipo de Santiago acha un mecanismo para loitar contra as doenzas autoinmunes

Investigadores do CiMUS participan nun estudo liderado dende Australia que descobre tres novas proteínas que regulan a resposta inmunitaria

A falsa empatía de Chat GPT

Os 'chatbots' usan palabras e frases comprensibles e familiares e tamén adoptan patróns de comunicación propios das persoas

Como o abandono da dieta atlántica (e a falta de exercicio) converten Galicia no reduto da obesidade

A investigadora Ana Crujeiras coordina un congreso para abordar os novos avances e desafíos no tratamento da adipose