Venres 29 Marzo 2024

“Os meus pensamentos esgótanme”: como escapar do bucle obsesivo das rumiacións

*Un artigo de

Vivimos nunha sociedade que non descansa. É habitual proferir ou escoitar queixas como: “Necesitaría días de 40 horas para terminar todo o que quero facer”. Estamos a esixirnos demasiado, asumindo roles que antes non tiñan sentido.

Publicidade

Por que sucede isto? Porque as necesidades básicas da pirámide vital proposta polo psicólogo Abraham Maslow (1908-1970) están cubertas nunha gran parte da poboación. É dicir, xa non nos estresamos por conseguir comida quente, un teito baixo o que durmir ou roupa para protexernos do frío e da calor. Non nos preocupa a nosa tribo, que tampouco pasa penurias, e hai miles de anos que non debemos afrontar tarefas como a caza e a recolección.

E con todo, aínda que soe paradoxal, vivimos unha sociedade “enferma”, asfixiada por preocupacións e angustias sobre eventos que na maioría dos casos non chegan a pasar.

Isto reflíctese nos datos. O 10,4% da poboación española, por exemplo, recoñece ter ansiedade, por non falar do crecemento exponencial que experimentou a inxestión de ansiolíticos na última década. En concreto, 110 persoas por cada 1.000 consomen algún fármaco deste tipo ao día para acougar os seus estados de inquietude.

En terapia, cando preguntamos aos pacientes con síntomas de ansiedade que lles preocupa, poden responder: “o que sucede no meu pensamento”, “aquilo sobre o que penso durante horas, mesmo días”… Hai quen mesmo chegan a dicir: “os meus pensamentos esgótanme” ou “eu son o meu peor inimigo/a”.

Necesito que pare!

Algúns expertos estiman que temos máis de 6.000 pensamentos ao día. Por si mesmos, adoitan enriquecer a persoa; o esgotamento vén cando son negativos e cíclicos. Estamos a falar das rumiacións.

Poñamos un exemplo:

Son Carla. Estou nunha reunión onde hai dúas mozas que non coñezo porque son compañeiras do traballo dunha amiga miña. O feito de non coñecelas faime sentir insegura. De súpeto, dinse algo ao oído. Non hai dúbida: están a facer un comentario negativo sobre min. Vou á casa co pensamento repetitivo de que estas dúas mozas novas non me aceptan e de que, por iso, todo o grupo me vai rexeitar.

Son as 5 da mañá e sigo enganchada a ese pensamento. Levántome e tomo unha pastilla para durmir. Tras unha hora podo conciliar o sono. Esperto seis horas despois e retomo o mesmo pensamento. Uf, necesito que pare!

Sóalles? Seguro que a maioría dos lectores pasaron por isto algunha vez. As rumiacións son case sempre inconscientes e obsesivas, o que provoca un gran malestar. As persoas que as sofren viven “enganchadas” a pensamentos invisibles capaces de erosionar o seu autoconcepto e autoestima, reducindo en consecuencia a súa calidade de vida.

Vítimas da rede neuronal por defecto

Desde unha perspectiva neurobiolóxica, as rumiacións forman parte dos “pensamentos sen foco” ou “divagacións”. O cerebro nunca está inactivo, senón que ás veces reduce a súa actividade ata un nivel basal, e é aí onde soa a banda sonora das diatribas contra nós mesmos.

Na actualidade, sabemos que o que se activa cando a persoa se perde nese círculo vicioso é a chamada rede neuronal por defecto. Responde a unha activación cerebral con patróns definidos, estendida entre a zona medial dos lóbulos temporal, parietal e prefrontal.

E aínda que soe paradoxal, esta rede paralízase cando a persoa logra saír dos seus pensamentos e se dedica a realizar unha tarefa que requira vontade, atención e outras funcións cognitivas, emocionais e de comportamento. Así mesmo, demostrouse que se relaciona cos pensamentos orientados ao “eu” e ao futuro.

Aínda que fai falta máis investigación respecto diso, estes achados supuxeron un antes e un despois na avaliación e o tratamento das rumiacións.

Como se lles pode poñer fin?

Tendo en conta a definición das rumiacións e a súa base neurobiolóxica, o que mellor funciona para saír do bucle negativo é romper ese estado de divagación sostido pola rede neuronal por defecto. Ou sexa, emprender unha actividade que requira centrar o foco da atención noutra tarefa, desde facer exercicio ata saír cos amigos para charlar un anaco.

Tamén se confirmou que funcionan algunhas técnicas cognitivo-condutuais, como a denominada parada de pensamento (que consiste precisamente en deter os pensamentos que nos xeran malestar emocional) ou a escritura emocional, entre outras.

Para concluír, debemos lembrar que, do mesmo xeito que sucede con outros trastornos psicolóxicos, a primeira opción sempre debe ser pedir axuda a un profesional. Só un experto poderá realizar unha avaliación exhaustiva do afectado e os seus tipos de pensamentos cíclicos para ofrecerlle un tratamento personalizado que non atoparía sen esta atención.

O ritmo de vida ao que nos enfrontamos é atractivo e vertixinoso, pero necesitamos saúde mental para afrontalo sen perdernos polo camiño.


*María J. García-Rubio é codirectora da Cátedra VIU-NED de Neurociencia global e cambio social – Membro do Grupo de Investigación Psicoloxía e Calidade de ida (PsiCal) – Profesora da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade Internacional de Valencia.

Cláusula de divulgación: María J. García-Rubio non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

  1. Parten dun erro de base. A pirámide de Maslow está mal plantexada, está do revés. Sen grupo, un ser humano individual, ten moito peor acceso a comida, teito e seguridade. Este é o motivo de que as cuestións sociais e de relacións afecten tanto á nosa saúde, condutas e mesmo deixemos de comer e durmir. Obvio cando decatas.

    As técnicas cognitivo-condutuais aquí son como dicir “deixa de respirar” e tratan, tal é a súa natureza, o síntoma, non o problema.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Como lograr vivendas autosuficientes como a Estación Espacial Internacional

As casas do futuro tenderán a comportarse como un ser eficiente e autosuficiente, que trate de vivir en simbiose coa contorna natural

Teño que poñer xeo se sufro unha lesión? A ciencia desaconséllao, e por unha boa razón

Algúns inflamatorios, incluíndo a auga xeada, modifican o proceso inflamatorio e favorecen as malas recuperacións e a fibrose

Cinco preguntas sobre a hipertensión ocular e a importancia de detectala a tempo

É o principal factor de risco de sufrir glaucoma, que á súa vez constitúe a primeira causa de cegueira irreversible nos países desenvolvidos