Venres 26 Abril 2024

A actividade cerebral ligada ao TOC, observada ao detalle por vez primeira

Científicos buscan identificar os biomarcadores asociados aos síntomas do trastorno, de cara a desenvolver dispositivos de estimulación cerebral adaptábeis

O trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) é un trastorno mental. Nas persoas que o padecen, este pode implicar pensamentos intrusivos e obsesivos, así como comportamentos repetitivos que impulsan a facer algo unha e outra vez (compulsións), afectando a vida diaria e sendo unha fonte de angustia.

Sendo unha das principais causas de discapacidade no mundo, o TOC pode afectar até dous de cada 100 adultos e, malia que que hai varios tratamentos de comportamento e medicamentos dispoñibles, estímase que entre o 25 e o 40% dos que o padecen non chega a obter ningún beneficio sostido deles. Agora, un grupo de científicos logrou observar a actividade cerebral relacionada co trastorno con máis detalle ca nunca. E, de poder identificar estes sinais neuronais, este logro tamén abre a posibilidade de chegar a mudalos.

Publicidade

A investigación

No estudo, cinco voluntarios con TOC grave foron monitorizados, tanto no laboratorio como na casa durante a súa vida cotiá. Os datos recollidos obtidos incluiron medicións da actividade cerebral, así como expresións faciais, movementos corporais, frecuencia cardíaca e a intensidade dos síntomas do TOC autopercibida polos pacientes.

Este conxunto de datos, recollido en tempo real, permitiu aos investigadores detectar as asociacións entre a actividade do comportamento e os sinais no cerebro. Así, e malia que o tamaño da mostra para o experimento foi só un pequeno e serán necesarios estudos de seguimento, esta investigación indica un camiño potencial de cara a un novo campo de tratamentos.

“Esta é a primeira vez que os sinais cerebrais de participantes con enfermidades neuropsiquiátricas se rexistran de forma crónica na casa xunto con medidas de comportamento relevantes”, di a enxeñeira biomédica Nicole Provenza da Universidade de Brown en Rhode Island. “Empregando estes sinais cerebrais, podemos ser capaces de diferenciar cando alguén está experimentando síntomas de TOC e cando non, e esta técnica permitiu rexistrar esta diversidade de comportamento e actividade cerebral”.

Así mesmo, os dispositivos usados para trazar a actividade cerebral tamén poden proporcionar estimulación cerebral. Coñecidos como dispositivos de estimulación cerebral profunda (DBS), empregan electrodos plantados para activar certos patróns de estimulación eléctrica no cerebro. Estes dispositivos teñen amosado certas potencialidades como unha forma de tratar o TOC, especialmente nas persoas que non responderon a outras medidas.

Un dispositivo de estimulación cerebral máis eficaz

O TOC é un trastorno complexo que afecta ás persoas de moitas formas diferentes, polo que un enfoque personalizado pode ser o mellor camiño para tratalo. Parte do pensamento detrás deste novo estudo foi traballar cara a un sistema DBS adaptativo que podería ser aínda máis eficaz. Porque, actualmente, os DBS amosan certas limitacións, como o feito de non ser quen de adaptarse facil ou rapidamente a medida que os síntomas mudan e, hoxe en día, unicamente proporcionan un nivel constante de estimulación, que só os médicos poden axustar.

Deste xeito, o obxectivo final desta investigación sería poder desenvolver dispositivos adaptativos capaces de modificar os pulsos eléctricos emitidos en resposta aos biomarcadores que rexistran. Porque, se o tratamento só se aplicase cos peores dos síntomas, iso potencialmente excluiría os efectos secundarios, como dores de cabeza e dificultade para concentrarse.

“O TOC é un trastorno no que a gravidade dos síntomas é moi variable ao longo do tempo e pode ser provocada por desencadeantes do medio”, di o enxeñeiro biomédico David Borton da Universidade de Brown. “Un sistema DBS que pode axustar a intensidade da estimulación en resposta aos síntomas pode proporcionar máis alivio e menos efectos secundarios para os pacientes. Pero para permitir esa tecnoloxía, primeiro debemos identificar os biomarcadores no cerebro asociados aos síntomas do TOC, e iso é no que estamos traballando neste estudo”

Futuras investigacións

Aínda que o equipo logrou identificar patróns cerebrais potencialmente vinculados ao TOC, no que se coñece como bucle córtico-estriatal-tálamo-cortical, sinalan que aínda se está nas primeiras fases. Deste xeito, e malia non ter claro aínda o que poden significar estes sinais nin como poden ser manipulados, entenden que este é un camiño que paga a pena investigar. As futuras liñas de investigación precisarían de mostras poboacionais máis grandes e información recollida durante un período de tempo máis longo, sinala o equipo. Amais, factores como o exercicio diario poderían ser datos útiles a ter en conta, malia non ter sido incluídos neste estudo en particular.

Investigacións coma esta tamén poderían revelar como o TOC toma o control do cerebro, ademais de suxerir como se poderían aliviar os efectos do trastorno. “O noso obxectivo é comprender o que nos están a dicir esas gravacións cerebrais e adestrar o dispositivo para recoñecer certos patróns asociados a síntomas específicos”, di o neurocientífico Sameer Sheth do Baylor College of Medicine en Texas. “Canto mellor entendamos as sinaturas neuronais da saúde e da enfermidade, maiores serán as nosas posibilidades de usar DBS para tratar con éxito trastornos cerebrais desafiantes como o TOC”.


ReferenciaLong-term ecological assessment of intracranial electrophysiology synchronized to behavioral markers in obsessive-compulsive disorder (Publicado en Nature Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas