A USC avaliará a contribución das áreas mariñas protexidas ao benestar humano

O proxecto, denominado ECOSER 2.0, estudará a reserva mariña de Lira, en Carnota, e os parques nacionais das Illas Atlánticas e Cabo de Gata

Como inflúen as áreas mariñas protexidas no benestar humano? Ese é un dos obxectivos principais de ECOSER 2.0, a segunda parte dun proxecto que desenvolverán investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A iniciativa estará liderada polo director do EqualSea Lab, Sebastián Villasante, e tamén contará coa participación dos profesores Gumersindo Feijoo e Maite Almería, así como doutras entidades. A súa meta é a de salientar a importancia da dimensión humana as áreas mariñas protexidas (AMP) a través do estudo de diferentes zonas, como a reserva mariña de Lira, en Carnota, e os parques nacionais das Illas Atlánticas e Cabo de Gata.

Amais disto, o equipo de Villasante acaba de ser seleccionado polo Programa Pleamar 2021 da Fundación Biodiversidad para desenvolver unha nova fase do proxecto ECOSER, que xa estivera en marcha entre 2019 e 2021. Para cumprir cos obxectivos que se abren nesta nova etapa, poñeranse en marcha diversas accións. A primeira delas será o uso da teoría de grafos para o deseño de redes que analicen os vínculos entre compoñentes ecolóxicos, sociais e institucionais presentes nas AMP. Os datos extraídos permitirán identificar os factores ambientais (abundancia das especies), económicos (rendibilidade), sociais (emprego) e institucionais (sistemas de xestión) que determinan o grao de efectividade das AMP, cunha énfase especial nos efectos do cambio climático ou a contaminación mariña.

Publicidade

Lira, Illas Atlánticas e Cabo de Gata

Os elementos que achegan benestar e recursos ás sociedades humanas coñécense como servizos ecosistémicos mariños (SEM). Entre eles, salientan as actividades de pesca, recreativas ou o secuestro de carbono. Así, ECOSER 2.0 afondará en tres casos de estudo (a reserva mariña dos Miñarzos, en Lira-Carnota, e os parques nacionais das Illas Atlánticas e do Cabo de Gata), en contacto con xestores destes espazos, pescadores, demais usuarios e centros de investigación. Deste traballo sobre o terreo sairán solucións para cada un dos sectores e propostas para mellorar a toma de decisións na xestión das áreas mencionadas, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) establecidos polas Nacións Unidas.

Os resultados obtidos axudarán a identificar os compoñentes que determinan a efectividade das AMP, como son a diversidade de especies, as funcións ecolóxicas do sistema, o rol dos actores sociais, o papel dos sistemas de gobernanza e os impactos locais e distais do cambio climático e a contaminación costeira. Tamén se desenvolverán mesas de traballo para validar os resultados da man de axentes implicados nestas áreas. Para isto, colaborarán con ECOSER 2.0 entidades como os Parques Naturais de Cabo de Gata-Níjar e Illas Atlánticas de Galicia, a Asociación de pesca artesanal do Parque Natural de Cabo de Gata, a Confraría de Pescadores de Lira e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Publicidade

Ferramenta pioneira

A maiores disto, a investigación representarase a través dunha ferramenta interactiva de visualización na que se poderán observar os resultados do proxecto. Por primeira vez no campo de estudo das AMP desenvolverase un portal en liña (ECO-DATASEA) con información de acceso público, sinxelo, alta calidade e actualizacións periódicas para cada un dos tres casos de estudo, na que se exporá como se tecen as relacións entre os diversos compoñentes das AMP a través de mapas, gráficos e informes.

Villasante sinala que esta ferramenta contribuirá, ao mesmo tempo, a divulgar os avances do proxecto achegándoos ás administracións, os usuarios e os centros de investigación. Os resultados compartiranse cos diversos axentes implicados, así como coa sociedade en xeral, a través de obradoiros, conferencias divulgativas e a elaboración dunha guía que estableza as claves para o manexo dos servizos ecosistémicos. Con estas accións preténdese fomentar a capacitación dos grupos implicados nestas áreas para mellorar a súa xestión. Os resultados obtidos nos tres espazos protexidos citados poderán ser, ademais, estenderse a outras AMPS en España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS