“O cacto do ordenador”, moita decoración e pouca ciencia

Non hai oficina sen cacto protector aínda que a súa axuda sexa unha cuestión espiñosa

“Pode mitigar as radiacións electromagnéticas do ordenador”, asegura a publicidade destes cactos que se venden na maioría de grandes almacéns e florerías de barrio desde hai anos. O Cereus peruvianus, de pequeno tamaño e cheo de espiñas, é o máis afamado e, case sempre, é colocado ao pé do aparello coa suposta misión de protexer a persoa cando traballa. Iso si, protexela dun inimigo invisible pero inofensivo, afirma Jorge Mira, Catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “As emisións de radiación dun ordenador son moi pequenas e son as propias das correntes que circulan polo aparato. Trátase dunha radiación de moi baixa frecuencia e por iso non é danosa como tampouco o son dúas persoas que se ven e emiten radiacións electromagnéticas, ou como a radiación do foco que me ilumina agora mesmo, ou como a luz do sol que tamén é radiación electromagnética e grazas á cal vemos”, explica.

Unha materia orgánica tan eficaz como un bisté

No laboratorio de alumnos da Facultade de Física da USC, Mira móstranos coa axuda dun emisor-receptor de microondas e un voltímetro, a capacidade do cacto para absorber as ondas electromagnéticas. O físico pon primeiro no medio a súa man e as cifras do voltímetro caen inmediatamente a cero, a absorción da radiación é total. Por fin chega o momento de probar con dous “cactos do ordenador” e na pantalla do voltímetro os números tamén baixan aínda que só ata 11, seguramente polo reducido tamaño das plantas que non chegan a tapar completamente o oco do receptor. “A materia orgánica, non os obxectos illantes como unha carcasa de plástico, absorbe as radiacións e este é o caso dos cactos pero tamén da miña man ou dun bisté que tamén funcionaría e sería mellor”, asegura o catedrático cunha nota de humor.

Pero antes de rematar o experimento, o científico lémbranos un detalle moi importante, xa que a planta só absorbería as radiacións na liña recta que hai entre o emisor e o receptor, é dicir, entre o ordenador e a persoa. “Se me quero tapar da potencial radiación do aparato, tería que poñer o cacto sempre diante da cara porque se o aparto, se o poño ao lado do ordenador, a radiación que me está chegando é a mesma, a planta non pode así absorber as ondas electromagnéticas que, como xa dixen, non son nocivas“.

O experimento que demostra que o cacto non ten as propiedades atribuídas.
O experimento que demostra que o cacto non ten as propiedades atribuídas.

A asociación máxica dunha iniciativa de márketing

Representado cun sombreiro mexicano, mostrando músculo e cun trevo radioactivo no peito, as etiquetas do “cacto do ordenador” deixan ao consumidor cheo de expectativas. Pero para os científicos, como Jorge Mira, a planta representada con súper poderes non é máis que a elección dun imaxinativo vendedor.

“Eu supoño que a alguén se lle deu por pensar e como supoño que é unha planta que decora ben, que a podemos mover de sitio facilmente e que ademais necesita pouco mantemento, ocurréuselle dicir que tamén absorbe as radiacións e pareceulle perfecto. Quizais, se queremos encontrar unha razón máis técnica, un cacto acumula auga e tende a aumentar de tamaño e iso pode reforzar a idea de que funciona. Pero creo, simplemente, que se trata dunha planta que quedaba ben ao lado dun ordenador e o elixido foi un cacto como podería ter sido unha petunia”, asegura o físico.

A desconfianza do invisible

Pode que non moita xente tentase ata hoxe comprobar os beneficios esperados da suposta absorción das ondas electromagnéticas por parte do cacto que ten a carón do seu ordenador. Pero agora, unha vez demostrado que a planta non é máis que unha materia orgánica que absorbe, e non sempre, radiacións totalmente inofensivas para as persoas, a súa misión perde sentido.

“Vemos que o mundo se move con frecuencias invisibles para nós. Vemos que as cousas funcionan, que hai algo que move máquinas, que transmite e entón entendemos que é algo importante pero pensamos: non o vexo!”, explica Mira. “O noso paradigma electromagnético está montado sobre algo que un non ve, é certo. Pero levamos décadas vivindo nun mundo eléctrico, con aparellos con corrente alterna, coa radio e agora xa uns 20 anos coa telefonía móbil e non houbo ningunha epidemia, que eu saiba, de tumores cerebrais cunha incidencia maior á que houbo historicamente nin unha que matase a miles de persoas. O que está claro é que sobre algo que non ves pero que actúa sempre hai desconfianza, non?”, afirma o físico antes de saír do laboratorio cun cacto na man, iso si, so para decorar a súa mesa de traballo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.