Chove en Santiago, ou xa non?

Compostela rexistra o 2021 como un dos anos máis secos da última década, segundo os datos recollidos polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller

“Chove en Santiago, meu doce amor”. Así empeza un poema de Federico García Lorca inspirado nos tan coñecidos días de choiva que bañan a cidade. Non obstante, entre as peculiaridades do 2021, está a de ser un ano “seco” para Compostela. A cantidade de chuvia recollida en Santiago polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC neste último ano foi de 1.498,3 litros/m2, é dicir 300 l/m2, por debaixo da media das últimas décadas.

Polo tanto, como sinala o director do observatorio universitario, José Ángel Docobo Durántez, “o ano recentemente terminado haino que considerar seco xa que logo o intervalo de normalidade nesta cidade atópase entre os 1.600 e 2.000 litros/ m2”. Na súa opinión, estes datos pluviométricos xustifícanse pola “escasa precipitación en meses que adoitan ser chuviosos como marzo, abril ou novembro”.

Publicidade

Segundo os datos colectados, o mes con máis precipitacións foi febreiro (356,2 l/m2, en 25 días), seguido de decembro (244,7 l/ m2) e xaneiro (224,6 l/ m2). Igualmente destacable é o feito de que se contabilizaron doce xornadas nas que a precipitación superou os 30 l/m2, correspondendo cinco deles a febreiro, dous a xaneiro, outubro e decembro e finalmente un a xuño. Como engade o profesor Docobo, “a pesares de ser un ano seco, mantívose a porcentaxe do 50% para os días con precipitación, se ben descontando as 32 ocasións en que esta foi inapreciable -menos de 0,1 l/m2-, esta porcentaxe redúcese ao 41%”.

Temperatura máxima e mínima da cidade

A temperatura máxima do ano ascendeu a 35° e rexistrouse o 17 de xullo. O día anterior o termómetro xa recollera 33°4, sendo a segunda máis alta do ano. Porén, José Ángel Docobo aclara que neste mes de xullo se mediron temperaturas máximas impropias do verán, como os 17°5 do día 5 ou os 18°6 e 19° dos días seguintes. En total foron sete as xornadas nas que a máxima non alcanzou os 20° neste mes de xullo.

Publicidade

En opinión do director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, “pode que a nova termométrica máis salientable fora a máxima acadada no derradeiro día do ano, un rexistro histórico de 20°8 —superados ao día seguinte, xa en 2022, con 21°5—”. Unha temperatura inusual para estas datas do ano. En canto a temperatura máxima máis baixa contabilizouse os días 1 e 3 de xaneiro do 2021, cando o termómetro non superou os 6°8. Neste mesmo mes, tiveron lugar temperaturas negativas nun total de sete xornadas. Destacan os -2°3 do día 16, mínima absoluta do ano.

O terceiro ano con máis horas de insolación

En termos de insolación, as 2.278 horas e 10 minutos medidas en 2021 “superan claramente a media das últimas décadas, situada en 2.075”, explica José Ángel Docobo, e posiciónase como o terceiro ano con máis número de horas de insolación dos últimos 30, logo dos rexistros contabilizados en 2017 (2.351,3 horas) e en 2016 (2.290,8 h). Estas horas de sol supoñen un 52% sobre o total de horas de insolación posibles no ano. Como engade Docobo “o astro rei brillou en Compostela máis de 9 horas ao longo de 117 días, e entre 6 e 9 horas noutras 82 xornadas. En cambio, en 38 ocasións, o Sol non se deixou ver na capital galega”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

Un texto inédito de 1760 saca á luz o achado dun corpo saponificado en Noia: “Foi unha profunda conmoción”

O cura de Fruíme investigou o caso e negou a santidade do cadáver, ao que o pobo lle arrincara varias partes para usalas como reliquias

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez