Científicos galegos deseñan un sistema para prever a evolución de invasoras como a acacia

Un equipo da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra traballa en dúas áreas piloto protexidas: as Fragas do Eume e a Serra do Cando

Un equipo da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra traballa no desenvolvendo dunha metodoloxía que permita identificar a e cuantificar a extensión de masas árboreas de especies invasoras como a acacia, que poden causar graves danos ecolóxicos. O grupo Hidro-Forest da Universidade de Vigo (UVigo), que está a empregar imaxes de satélite e tecnoloxía LiDAR para a súa investigación, é o responsable do proxecto Acacia-Sat. Esta iniciativa tamén busca a creación “dun modelo preditivo baseado na aprendizaxe automática” que permita estimar a evolución futura das masas de acacia.

Acacia-Sat, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ten como investigadora principal a Xana Álvarez. Segundo explica, o obxectivo da iniciativa é o seguinte: “Mellorar o coñecemento da aplicación de tecnoloxías LiDAR e imaxes de satélite para a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos nas áreas protexidas”, tendo en conta que as especies exóticas invasoras son, xunto o cambio climático, “as principais ameazas que enfronta a biodiversidade”. 

Publicidade

Unha metodoloxía innovadora

No marco dun proxecto que se estenderá ata 2026, o grupo Hidro-Forest buscará comprobar a viabilidade dunha “metodoloxía única e innovadora para detectar especies exóticas invasoras”, así como para cuantificar aspectos como o volume de madeira ou a altura e diámetro das árbores. A investigación centrarase en dúas especies de acacia (A. dealbata e A. melanoxylon), por ser as máis estendidas nas áreas piloto do proxecto, o Parque Natural das Fragas do Eume e o Lugar de Importancia Comunitaria da Serra do Cando

Como apunta Álvarez, a selección destas áreas de estudo permitirá comparar “os resultados obtidos coa verdade-terreo”, mais a idea é que “estas ferramentas poidan utilizarse en amplas zonas do territorio coa mesma problemática”. De feito, os primeiros traballos leváronse a cabo recentemente nas illas Cíes e Ons, coa colaboración do persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas. 

Publicidade

Prever a evolución de especies con alta adaptabilidade

Outro dos eixes do proxecto é o desenvolvemento dun modelo preditivo, nun marco temporal que abrangue ata 2050, dirixido a coñecer “como se distribuirá a acacia ao longo do territorio”, tendo en conta “diferentes escenarios climáticos”. Este modelo, explica Álvarez, buscará tamén avaliar como esta evolución podería afectar “a conectividade ecolóxica en espazos protexidos”, tendo en conta ademais a “alta adaptabilidade” e a “rápida taxa de crecemento” destas especies.

Integrantes do grupo de investigación Hidro-Forest.

Isto permitiría á súa vez “avaliar as posibles medidas de mitigación e control da distribución da acacia no medio-longo prazo, de forma que sirva como unha ferramenta que axude os xestores a tomar as mellores decisións”. De feito, outro dos obxectivos do proxecto é a transferencia dos resultados obtidos “para a súa integración nos sistemas de decisións e para a sensibilización da sociedade”.

Valorización enerxética

Co obxectivo de contribuír a unha “xestión integral” destas especies invasoras, outra das liñas de traballo do proxecto estará centrada no estudo do potencial enerxético da acacia. Concretamente, o catedrático Luis Ortiz encargarase de avaliar a posibilidade de empregar os residuos forestais resultantes da xestión desas masas para a xeración de biocombustibles, tanto pellets ou briquetas, como carbón vexetal ou biochar, liña na que contará coa colaboración do investigador Óscar González. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando as mascotas devoran a biodiversidade: un conflito sen regular na Unión Europea

A falta de regulación na UE converte aos cans e gatos nunha ameaza para a fauna silvestre e a biodiversidade

Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

Que é o avespón oriental: a nova ameaza que toma o relevo da velutina

O depredador de abellas melíferas está considerado unha das principais pragas do país segundo o Catálogo Español de Especies Invasoras

As acacias ameazan os bosques atlánticos: “Producen unha perda clara de biodiversidade”

Unha investigación das universidades de Vigo e Coimbra advirte que a expansión desta especie invasora altera a estrutura da vexetación, a calidade do solo e as comunidades de invertebrados