Coa produción mundial de plásticos medrando a un ritmo acelerado, a xestión dos seus restos supón un importante desafío en termos medioambientais, posto que poden supoñer un risco tanto para o ser humano como para outras especies. Cando estes restos son menores a cinco milímetros —ou directamente se fabrican con este tamaño— fálase de microplásticos, que poden chegar ao medio ambiente a través de diversas vías. Unha das máis directas experimentámola en Galicia a finais de 2023, cando se afundiu fronte ás costas de Viana do Castelo un contedor do buque de carga Toconao cargado de pellets, pequenas bólas plásticas, que cubriron o litoral galego.
A presenza de microplásticos está xa ben documentada en especies mariñas; de aí o reto que supón identificalos e eliminalos. Agora, un equipo formado por persoal investigador da Universidade de Vigo (UVigo) e de Porto, así como doutros organismos portugueses, propón un novo sistema para extraer microplásticos das augas baseado no emprego de distintos aceites e así mellorar a súa identificación. O estudo concluíu que o material óptimo nese proceso de extracción é o aceite de xirasol.
Como separar e identificar os microplásticos
A investigación enmárcase nunha colaboración da UVigo co Grupo de Reação e Análises Químicas (GRAQ) do Instituto Superior de Engenharia do Porto. Raquel Rial Otero, profesora titular do grupo Food and Health Omics da UVigo e unha das participantes, afonda na mesma. “A preocupación pola presenza de microplásticos nas augas superficiais non deixou de medrar nos últimos anos debido á súa capacidade para bioacumularse nos organismos acuáticos, afectando tanto a biodiversidade como a saúde de especies comerciais”, incide. A colaboración froito da estancia de investigación que realizou o alumno de doutorado Raúl Garzón Vidueira, ao que Rial titoriza.
A experta explica que, pese a que estes materiais poden chegar a ter contaminantes químicos —e, polo tanto, supoñer riscos para as distintas especies—, “non existe unha metodoloxía clara para a extracción e detección dos distintos microplásticos presentes nas masas de augas superficiais”. De aí o obxectivo do grupo de desenvolver unha nova metodoloxía analítica para a extracción e identificación de microplásticos na auga.
As claves metodolóxicas
A idea base sobre a que radica a nova metodoloxía é a separación dos microplásticos por densidade, para o que se optou por empregar aceites vexetais. Nunha segunda fase, identificalos mediante espectroscopia Raman. Tanto o proceso de extracción como o de caracterización son claves na xestión dos materiais, explica Rial, posto que é importante separar a maior parte posible pero tamén coñecer en profundidade cal é a súa composición. Así, desde a administración poderase traballar de forma optimizada á hora de administrar os residuos.
“Fixemos probas empregando tanto aceite de oliva, como aceite de xirasol e aceite de xirasol reciclado. Os dous primeiros mostraron moi bos resultados en termos de capacidade de extracción”, explica Rial. Na investigación analizáronse varios parámetros, ademais do tipo de aceite, como son a salinidade da auga, a temperatura e a incorporación de aire, para afinar na capacidade de extracción e identificación dos materiais propostos. “Con todo, o emprego de aceite de oliva provocou maiores interferencias no sinal de Raman dificultando a súa correcta identificación”, sostén.
De aí que fose o aceite de xirasol o material preferido, amosando uns niveis significativos de recuperación. Especificamente, en microplásticos de polipropileno (PP) e poliestireno (PS). Como parte do estudo, identificouse tamén unha preferencia polo etanol sobre o hexano como disolvente de lavado, o que axudou a mellorar a identificación das partículas de plástico na auga.
As posibilidades da investigación
Serviría esta combinación de aceite de xirasol con espectroscopia Raman para a identificación doutros materiais? Segundo Rial, podería ser. “Posiblemente a metodoloxía desenvolvida podería funcionar de forma similar para outros microplásticos, especialmente para aqueles cun maior tamaño de partícula”, indica. Porén, habería que ter en conta factores de distinto tipo, como se o material ten cor ou non. “Aínda que este aspecto non afectaría a capacidade de extracción do método, si que pode interferir no sinal do Raman dificultando a súa correcta identificación”, continúa. A investigadora alude a outras probas con etilvinilacetato, a popular goma EVA. “Os resultados en termos de identificación foron menos satisfactorios”, detalla Rial.
O estudo abre interesantes perspectivas de futuro, mais deberán facerse novas investigacións para indagar no seu potencial. Necesitarase máis traballo para “avaliar o impacto que exerce o contido en materia orgánica da mostra na extracción e identificación de microplásticos”. En concreto, detectouse que “se a etapa de dixestión non se adapta ao contido en materia orgánica presente, a superficie dos microplásticos podería alterarse en maior medida afectando a súa correcta identificación mediante espectroscopia Raman”.
Unha das limitacións que poden suceder cando se fan traballos deste tipo é que non sempre se replican as condicións que se atopan fóra do laboratorio. A investigadora apunta nesta dirección cando sinala que “é necesario avanzar cara á creación de bases de datos con plásticos envellecidos, tal e como se atopan na natureza, posto que a información existente incorpora espectros de plásticos novos e puros.
Futuro tratamento das augas
Polo momento, o ámbito de aplicación da investigación limítase a escenarios controlados e non é posible implementar o sistema proposto de forma masiva, “aínda que os resultados obtidos son prometedores”, sinala Rial. “Con algo máis de investigación na materia quizais se podería adaptar para incorporalo como unha etapa máis nas plantas de tratamento de augas residuais”, indica. Isto sería “un avance importante”, dado que actualmente as EDAR non conseguen suprimir na súa totalidade este tipo de materiais contaminantes.
“A contaminación da auga por microplásticos é complexa e é necesario abordala desde diferentes enfoques”, sostén Rial. Pon algúns exemplos, como as prohibicións a plásticos refugables ou á presenza de microplásticos en artigos de coidado persoal, como a purpurina e as microesferas para exfoliar, prohibidas na Unión Europea polo Regulamento (UE) 2023/2055 de setembro de 2023. “Estase a tratar de desenvolver sistemas para evitar que os microplásticos que se xeran nos fogares se liberen nas liñas de rede de sumidoiros e, ao mesmo tempo, téntase mellorar os sistemas de depuración de augas residuais”, lembra. “Pero tamén é importante crear unha maior conciencia social dos riscos asociados á contaminación por microplásticos para que como consumidores optemos por opcións máis sostibles como os produtos biodegradables”, conclúe.
Referencia: Investigating multiple vegetable oils and recycled variant for microplastics extraction from water, integrated with Raman spectroscopy (Publicado en Science of the Total Environment)